Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 21 de outubro de 1998 Páx. 11.375

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO LÁCTEO E GANDEIRO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 1998 pola que se fai pública a delegación de determinadas funcións na Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

Ó abeiro do disposto no Decreto 93/1998, do 20 de marzo, que modifica o Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados co FEOGA-Garantía na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia é o organismo pagador dos anteditos gastos e, polo tanto, segundo o disposto no Regulamento (CE) 1663/1995, da Comisión, do 7 de xullo, correspóndelle o exercicio das tres fases da xestión das axudas, é dicir, a autorización, execución e contabilización dos pagamentos.

Non obstante, segundo o disposto no punto 4 do anexo do devandito regulamento comunitario, as funcións de autorización do pagamento e o servicio técnico poden ser delegadas noutros órganos sempre que se cumpran os requisitos establecidos.

Despois da última distribución de competencias producida polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, no que se establecen as estructuras orgánicas da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, así como do propio instituto, a este organismo autónomo compétenlle a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da política agrícola común, en consonancia co xa disposto na súa norma de creación, a Lei 7/1994, do 29 de decembro.

Ó director do instituto compétenlle entre outras funcións, ó abeiro do disposto no artigo 14 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, en relación co artigo 4.1º do Decreto 359/1996, na redacción dada a este polo Decreto 93/1998, as de execución orzamentaria e autorización dos pagamentos, así como o exercicio de tódalas facultades non encomendadas pola normativa reguladora do dito organismo ó Consello de Dirección ou ó seu presidente.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 5 de maio de 1998, establece un réxime de axudas á apicultura, no marco do programa nacional anual que, a nivel comunitario, se establece no Regulamento (CE) 1221/1997, do Consello, do 25 de xuño, e cofinanciado con fondos FEOGA-Garantía. A convocatoria pública das ditas axudas nesta Comunidade Autónoma efectuouse por medio da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 2 de xuño de 1998.

A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispón, no seu artigo 13, que se poderá delega-lo exercicio de competencias, entre outros motivos, cando existan circunstancias de índole técnica ou económica que o fagan conveniente.

Ó ILGG correspóndelle, en principio, a fase de autorización dos pagamentos das ditas axudas á api

cultura, máis non dispón de medios técnicos propios axeitados para xestionala, polo que convén delega-la súa xestión, incluída a resolución de concesión, no órgano que conta cos medios adecuados para tramita-la fase de autorización do pagamento.

Con base en todo o exposto

RESOLVO:

Primeiro.-Delegar no director xeral de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, para a execución do programa de axudas á apicultura as seguintes funcións:

a) A tramitación e resolución dos expedientes de solicitude das axudas.

b) As inherentes ó servicio técnico, é dicir, efectua-las comprobacións e controis que sexan necesarios para a verificación dos feitos que serven de base para o pagamento das citadas axudas.

Segundo.-A tramitación previa ó pagamento consistirá na determinación da cantidade que deberá ser aboada a un beneficiario, de acordo coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven para o que, os órganos citados no punto primeiro, terán que efectua-las seguintes actividades:

-Redactar e ter permanentemente actualizado o preceptivo manual de procedemento para a xestión das citadas axudas.

-Comprobar que a solicitude se presentou nos prazos establecidos pola normativa que resulte de aplicación.

-Efectua-la tramitación orzamentaria e dicta-la oportuna resolución.

-Propoñer, se é o caso, o pagamento das axudas, para o que se instará do organismo pagador a solicitude dos fondos necesarios.

Terceiro.-O obxectivo das inspeccións e controis encomendados, tanto administrativos como sobre o terreo, será o de verifica-los feitos que sirvan de base para os pagamentos.

En especial, o organismo pagador deberá ser cumpridamente informado, do modo establecido no punto 4-IV) do anexo do Regulamento (CE) 1663/1995, da Comisión, do 7 de xullo, sobre o resultado dos controis e traballos efectuados, xuntando os certificados e soportes documentais precisos.

Ademais, o ILGG poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que se considere necesario, tanto para comproba-la veracidade dos feitos que serven de base para o aboamento da axuda como para o cumprimento de calquera outro dos requisitos esixidos na normativa comunitaria que resulte de aplicación.

Cuarto.-En todo o que atinxe á execución deste programa de apoio á apicultura, o órgano xestor dela, recollido no punto primeiro, quedará sometido á acti

vidade de control da unidade administrativa de control interno do organismo pagador.

Quinto.-As resolucións administrativas que se adopten, facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

En calquera momento o director do ILGG poderá revogar ou avoca-lo exercicio da competencia que delega por esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1998.

Antonio Crespo Iglesias

Director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia

9416