Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 20 de outubro de 1998 Páx. 11.332

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 280/1998, do 24 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local.

A Comisión Galega de Cooperación Local, órgano permanente de colaboración para a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais galegas previsto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local en Galicia, vén de elabora-lo seu Regulamento de organización e funcionamento, acordando, na sesión do 10 de setembro deste ano, a súa tramitación, conforme o disposto no artigo 190 da mencionada lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda aprobado o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local.

Disposición derradeira

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local

Capítulo I

Disposición xeral

Artigo 1º

A Comisión Galega de Cooperación Local é o órgano permanente de colaboración para a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais galegas, tendo as funcións consultora e deliberante previstas no artigo 191 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Capítulo II

Dos membros da Comisión Galega

de Cooperación Local

Artigo 2º

1. A comisión intégrase, de conformidade co artigo 189 da Lei 5/1997:

A) Cos representantes da Comunidade Autónoma ou, se é o caso, os suplentes nos que deleguen.

B) Os presidentes das catro deputacións ou deputados nos que deleguen.

C) Os oito representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias ou os suplentes designados para o efecto.

2. Por causa xustificada serán substituídos polos seus respectivos suplentes.

Artigo 3º

1. Creáse unha Secretaría da comisión, adscrita con carácter permanente á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, coa sede establecida nas súas dependencias.

Á secretaría correspóndelle a custodia, tramitación, xestión e certificación de toda a documentación da comisión.

2. Tódolos membros da comisión teñén dereito a obter do presidente cantos antecedentes ou informacións estean en poder da secretaría, sobre os asuntos que sexan obxecto de estudio.

Artigo 4º

O órgano correspondente da asociación de municipios e provinciais máis representativa e con maior implantación en Galicia dará conta, no prazo de seis meses seguintes ó da celebración de cada proceso de eleccións locais, dos cambios, no caso de habelos, nos membros designados por esta asociación na comisión.

Artigo 5º

O cargo de membro da Comisión Galega de Cooperación Local non será retribuído.

Capítulo III

Da organización da Comisión Galega

de Cooperación Local

Artigo 6º

A Comisión Galega de Cooperación Local estará presidida polo presidente da Xunta de Galicia. Son vicepresidentes desta o conselleiro competente en materia de Administración local, quen substitúe en caso de ausencia ó presidente, e o presidente da Federación Galega de Municipios de Provincias.

Artigo 7º

As reunións da comisión celebraranse na sede administrativa da Xunta de Galicia, salvo que se acordase outro lugar.

Artigo 8º

1. A comisión funciona en Pleno e en subcomisións, que exercerán as funcións que puidese delegárlle-lo Pleno, sen prexuízo do establecido no parágrafo seguinte.

2. Dentro da Comisión Galega de Cooperación Local existirá unha Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro que, con carácter

previo á decisión do Pleno, exercerá as seguintes funcións:

1º Informe sobre os anteproxectos de lei e anteproxectos de regulamento relativos ó financiamento local.

2º Estudio e informe sobre situación económico-financeira das entidades locais.

3º Informe sobre as necesidades e insuficiencias dos municipios en materia de servicios mínimos e criterios para acorda-la dispensa da súa prestación.

4º Informe sobre criterios de coordinación para o exercicio das funcións de cooperación económica por parte das diferentes administracións.

5º Informe sobre transferencia, delegación ou encomenda da xestión de competencias ás entidades locais, así como sobre a metodoloxía para a valoración do seu custo.

6º Estudio e informe en relación co cumprimento dos principios de autonomía e suficiencia financeira das entidades locais.

7º Estudio e informe de criterio para a distribución do Fondo de Cooperación Local.

8º Coñecemento dos programas de cooperación económica coas entidades locais que laboren as deputacións provinciais, calquera que sexa a súa denominación ou natureza, incluído o plan ó que se refire o artigo 112.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

9º Elaboración e definición de parámetros obxectivos para a distribución dos recursos das entidades locais.

10º Estudio e informe dos demais asuntos de relevancia económico-financeira que poidan ser atribuídos á comisión.

3. A Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro estará presidida polo conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia e dela formará parte o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, que tamén exercerá as funcións de secretario.

4. A Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro e as demais subcomisións sectoriais que sexan constituídas polo Pleno, estarán compostas de xeito paritario por representantes da Comunidade Autónoma e das entidades locais.

5. Os membros das subcomisións serán designados polo Pleno.

6. O acordo de creación das subcomisións sectoriais considerará o número dos seus membros, os asuntos que se someten ó seu estudio e dictame, a súa duración, se é o caso, e o seu réxime específico de funcionamento. Estarán presididas polo conselleiro competente en materia de réxime local, e o

seu secretario será o director xeral de Xustiza e Administración local, podendo ser substituídos polos suplentes designados para ó efecto.

Capítulo IV

Do funcionamento da comisión

Artigo 9º

1. Os acordos do Pleno e, se é o caso, das subcomisións sectoriais adoptaranse por maioría dos seus membros presentes.

2. O voto do presidente será de calidade en caso de empate.

3. Calquera dos membros da comisión poderá emitir voto particular nos aspectos en que se produza discrepancia.

Artigo 10º

Correspóndelle ó presidente da comisión convoca-lo Pleno por iniciativa propia ou por petición da representación local formulada fidedignamente polo seu vicepresidente e fixa-la orde do día. O Pleno da comisión reúnese, como mínimo, unha vez cada seis meses.

Artigo 11º

As subcomisións sectoriais reuniranse por convocatoria do seu presidente respectivo, por iniciativa propia ou por petición da representación local formulada fidedignamente polo vicepresidente da subcomisión sectorial. O presidente da subcomisión sectorial fixará a orde do día de cada sesión.

Artigo 12º

Cando as sesións do Pleno ou das subcomisións sectoriais, se é o caso, se convoquen por iniciativa da representación local, incluiranse na orde do día os asuntos que na solicitude de convocatoria se fixesen constar por aquela.

Artigo 13º

A convocatoria das reunións do Pleno e das subcomisións sectoriais, se é o caso, repartirase coa orde do día correspondente cunha antelación mínima de cinco días, excepto nos casos de urxencia, apreciada polo presidente, que se fará cun mínimo de vintecatro horas de antelación.

Artigo 14º

1. Ás reunións da comisión poderá asistir un representante da Administración xeral do Estado, con voz e sen voto. Para tal efecto o presidente remitiralle ó delegado do Goberno en Galicia as correspondentes convocatorias.

2. Tamén poderán ser convocados expertos ás reunións do Pleno e das subcomisións sectoriais, se é o caso, cando a especial natureza dunha materia que se vaia debater o faga aconsellable, con voz pero sen voto.

Artigo 15º

Correspóndelles ó presidente da comisión, se é o caso, e ós presidentes das subcomisións sectoriais

dirixi-las deliberacións e modera-los debates nas reunións dos órganos colexiados.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

9353