Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 13 de outubro de 1998 Páx. 11.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 1998 pola que se convoca un Seminario internacional sobre a cooperación transfronteiriza en Europa, Galicia-Rexión Norte de Portugal e Latinoamérica.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal e o Instituto Europeo de Administración Pública, un seminario internacional sobre a cooperación transfronteiriza en Europa, Galicia-Rexión Norte de Portugal e Latinoamérica, que se desenvolverá conforme ás seguintes bases:

1. Obxectivos.

Establecer un intercambio de experiencias entre países europeos e de Latinoamérica, sobre os procesos de integración e cooperación transfronteirizos no que se atopan inmersos; propoñer ideas para a mellora destes procesos e servir, ó mesmo tempo, como plataforma difusora destes instrumentos entre outros países incursos en similares circunstancias.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, estes temas:

-Unha visión xeral da cooperación transfronteiriza na Unión Europea.

-A experiencia da Eurorrexión Maas-Rhein.

-A experiencia na rexión dos Pireneos.

-A cooperación empresarial Galicia-Norte de Portugal: desde a perspectiva de Portugal.

-A experiencia da Comunidade de Traballo de Galicia-Norte de Portugal: o punto de vista da Rexión Norte de Portugal.

-A experiencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal: o punto de vista de Galicia.

-A cooperación empresarial Galicia-Norte de Portugal: dende a perspectiva de Galicia.

-Importancia e papel das rexións na integración en América Latina.

-A experiencia na rexión andina entre Arxentina e Chile.

-A experiencia na rexión da fronteira colombiano-venezolana.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Horario: mañá e tarde.

Lugar e datas: o seminario convocado terá lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración

Pública, en Santiago de Compostela, os días 2 e 3 de novembro.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 28 de outubro de 1998.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa

posible admisión, chamando, a partir do día 28 de outubro, por teléfono das 10 ás 14 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste seminario, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a este, cando a súa inasistencia non sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

8985