Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 09 de outubro de 1998 Páx. 11.079

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 1998, da División de Recursos Humanos, pola que se aproba a resolución provisional do concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes a determinadas categorías de persoal estatutario do organismo convocado por Resolución do 9 de xullo de 1998.

De conformidade co previsto na base 6.2 da Resolución do 9 de xullo de 1998 (DOG nº 130, do 16 de xullo) pola que se fai pública a convocatoria do concurso de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, rematada pola comisión de baremación a tarefa de baremación dos méritos alegados e acreditados polos concursantes, procede, resolver provisionalmente o dito concurso de traslados.

En consecuencia, este centro directivo acorda:

Primeiro.-Declarar resolto provisionalmente o concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes ás categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde convocado por Resolución do 9 de xullo de 1998, adxudicando a puntuación provisional acadada e, se é o caso, o destino dun xeito provisional, sen que este supoña ningún dereito ou expectativa.

As correspondentes listaxes de adxudicación atópanse expostas nos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas, así como nos diferentes centros de xestión de atención primaria e especializada do Servicio Galego de Saúde.

Segundo.-Declarar excluídos provisionalmente do concurso de traslados os concursantes que, en cada categoría, aparecen reflectidos como tales polas causas que se especifican.

Terceiro.-De conformidade co establecido na base 6.3 da Resolución do 9 de xullo de 1998, os interesados disporán dun prazo de quince días hábiles contados desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución provisional para formular reclamacións contra ela ou, de se-lo caso, para emendar aquelas causas de exclusión do concurso de traslados que sexan susceptibles de tal emenda.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 1998.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

8688