Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 08 de outubro de 1998 Páx. 11.043

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 25 de setembro de 1998 pola que se lle outorga a Gas Galicia, SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal de Curtis.

Visto o escrito presentado pola empresa Gas Galicia, SDG, S.A., con enderezo social r/ A Rosa, 16, 15071, Santiago de Compostela, esta consellería ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-A empresa Gas Galicia, SDG, S.A. solicitou concesión administrativa para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal de Curtis (A Coruña), para o cal presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da concesión a que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As características principais das instalacións son as seguintes:

1. Desde o ramal de transporte de Enagás, S.A., cunha presión máxima de operación de 16 bar, alimentarase o punto de entrega de gas natural (PEGN). No PEGN realizarase a medición do gas e tamén se reducirá a súa presión desde o rango AP-A (16 bar) ata o rango MPB (4 bar).

2. A rede de distribución primaria -básica- estará deseñada e operará a unha presión máxima de 4 bar efectivos, e desde ela, ben directamente, ou a través das redes secundarias, que se construirán a partir da rede básica, subministrarase gas para os consumos domésticos, comerciais e de pequenas industrias no termo municipal citado.

3. A rede de distribución secundaria deseñarase e operará en parte en MPB, á presión máxima de 4 bar e en parte á presión máxima de 0,4 bar (rango MPA) en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos de poboación e dos condicionantes das vías públicas e edificación.

4. Para alimenta-la rede de distribución secundaria, a explotación da cal se realice no rango MPA, instalaranse estacións de regulación MPB/MPA ó longo do trazado da rede primaria que distribúa o gas á presión máxima de 4 bar.

5. O caudal máximo que se vai vehicular será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados do termo municipal obxecto da concesión.

O orzamento total estimado ascende a oitenta e dous millóns duascentas corenta e sete mil pesetas (82.247.000 ptas.).

Segundo.-De conformidade co establecido no citado Decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria, dictou Resolución do 15 de xuño de 1998 pola que se someteu a información pública a concesión

administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 27-7-1998, no BOP da Coruña do 24-7-1998 e no xornal El Correo Gallego do 24-7-1998, sendo igualmente exposto no taboleiro de anuncios da casa do Concello de Curtis e no da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro.-O proxecto de concesión está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, en canto non se aproben as disposicións do seu desenvolvemento.

Segundo.-No expediente instruído para ó efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta consellería por proposta da Dirección Xeral de Industria

DISPÓN:

-Outorgarlle á empresa Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal de Curtis.

A presente concesión administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro e a cantas outras disposicións se dictasen ou dicten sobre o servicio público de subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia, SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 1.644.940 pesetas, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 7º, alínea b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e que será devolta unha

vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do plazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia, SDG, S.A. deberá solicitar á Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a autorización administrativa para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas, e debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión.

Terceira.-As instalacións e as súas montaxes deberán cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e do 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, alínea c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns coma as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados ou, se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e un axeitado e eficiente servicio de mantemento das instalacións, reparación de avarías, reclamacións e, en xeral, de atención ós usuarios, sendo responsable da conservación e bo funcionamento das instalacións.

Quinta.-A determinación das tarefas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes en cada momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos a partir da publicación desta orde no DOG. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, alínea c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Gas Galicia, SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto

cumprimento das condicións estipuladas por esta orde, así como da inspección das obras e montaxes efectuadas.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor teñan que realizarse nas instalacións obxecto desta concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-En casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afecta-la continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós seus usuarios, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Poderán ser causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas na alínea e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento da alínea b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a súa montaxe.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose axeitado o mantemento dalgunha ou dalgunhas das instalacións obxecto da presente orde; Gas Galicia, SDG, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión das instalacións substituídas, ou ben,

2. A adaptación das cláusulas da concesión ás novas condicións existentes, co fin de mante-lo equilibrio económico financeiro dentro do prazo establecido na condición.

Undécima.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados

desde o día seguinte da súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

8703