Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 01 de outubro de 1998 Páx. 10.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 1998, conxunta das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convocan cursos de aplicadores/manipuladores de praguicidas, nivel cualificado.

A Orde do 30 de xullo de 1997 conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que se vaia celebrar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de dous cursos, (un de productos fitosanitarios e de uso gandeiro e outro de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria) de aplicadores/manipuladores de praguicidas que se celebrarán de acordo coas seguintes bases:

1. Denominación dos cursos:

1.1. Curso de aplicadores/manipuladores de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel cualificado.

1.2. Curso de aplicadores/manipuladores de praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria. Nivel cualificado.

O solicitante poderá asistir a un ou a ámbolos dous cursos.

2. Datos dos organismos organizadores:

Os organismos organizadores serán:

2.1. O Servicio de Sanidade Vexetal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, para os cursos especificados no número 1.1.

2.2. O Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, para os cursos especificados no número 1.2.

3. Obxectivos dos cursos:

Conseguir unha formación adecuada para o persoal dos establecementos e empresas que manipulen ou presten servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro ou de uso ambiental e na industria alimentaria, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerceren a dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios:

a) Responsables de equipos de tratamentos terrestres e aéreos e os agricultores que os realicen na súa propia explotación empregando persoal auxiliar, sempre que os praguicidas manipulados non estean clasificados como moi tóxicos.

b) Responsables dos tratamentos DDD, sempre que os praguicidas que van manipular non estean clasificados como moi tóxicos.

-Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada curso será de 30 como máximo.

-Criterios de selección: o solicitante deberá ter idade laboral para poder traballar con praguicidas.

Tódolos solicitantes que non teñan estudios que validen o nivel básico (xustificado documentalmente), terán que ter realizado o dito nivel para poderen solicita-lo de nivel cualificado.

Na selección terán prioridade sempre que se xustifique documentalmente:

a) Os responsables das empresas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais).

b) Aqueles solicitantes que estean traballando ou traballasen en empresas relacionadas co sector nos cargos como responsables.

c) Anos de experiencia.

5. Celebración:

As clases correspondentes a estes cursos levaranse a cabo no seguinte centro:

Escola de Capacitación Agraria de Sergude.

Enderezo: Sergude-Boqueixón (A Coruña).

CP 15881 Telfno e fax: 981 51 18 15.

-Duración e horario:

Os cursos celebraranse desde o 26 de outubro ó 27 de novembro e as súas horas lectivas distribuiranse da seguinte forma:

Curso 1.1. (35 horas teóricas e 25 prácticas).

Curso 1.2. (35 horas teóricas e 25 prácticas).

O horario dos cursos será das 9 h ás 19 h (xornadas de mañá e tarde), durante as semanas de duración deles. Os coordinadores poderán modifica-lo horario ou ben os días se é necesario.

6. Coordinadores técnicos do cursos:

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da orde reguladora destes cursos, os coordinadores técnicos serán:

1.1. Fernando Coduras Orera, xefe de Área de Defensa dos Vexetais.

1.2. Isolina Lago Rial, técnico superior do Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos.

7. Solicitudes e inscrición:

As solicitudes de asistencia, de acordo cos modelos que figuran no anexo I, tramitaranse ás direccións xerais correspondentes.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou de Sanidade e Servicios Sociais, dependendo dos cursos solicitados, en horario das 9 ás 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 10 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

-Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a solicitude ou solicitudes que figuran como anexo I, xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación expedida polo establecemento ou servicio de praguicidas, especificando que o labor que desempeña o solicitante nel é a de responsable de tratamentos.

-Admisión: a relación de solicitantes admitidos expoñerase no taboleiro de anuncios das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais antes dos dez días naturais a partir do prazo de finalización da inscrición.

8. Programa:

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

9. Certificado de superación do curso:

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso; soamente se dispensarán as faltas xustificadas sempre que non superen o 10% de horas das que consta o curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalien os coñecementos adquiridos polos alumnos e, en caso de superalas, expedirá o certificado co que poderá solicitar das direccións xerais de Producción Agraria e de Saúde Pública, segundo corresponda, o carné de manipulador de praguicidas de productos fitosanitarios ou de uso ambiental e na industria alimentaria. Nivel cualificado.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 1998.

Antonio Crespo IglesiasPilar Farjas Abadía

Director xeral de ProducciónDirectora xeral de Saúde

AgropecuariaPública

ANEXO II

Programa dos cursos para praguicidas

de uso ambiental e na industria alimentaria

Nivel cualificado.

1. Praguicidas. Clasificación. Xeneralidades e modo de acción. Toxicidade. Lexislación.

2. Transporte, almacenamento, distribución e venda. Lexislación.

3. Formulacións. Preparación. Equipos de aplicación.

4. Pragas de roedores. Estudio dos roedores. Rodenticidas. Desratización activa e pasiva.

5. Pragas de insectos e ácaros. Estudio destes. Insecticidas e acaricidas. Métodos de loita antivectorial en ambientes urbanos.

6. Desinfección. Productos usados. Técnicas.

7. Praguicidas e ambiente. Precaucións. Eliminación de restos e envases. Lexislación.

8. Precaucións e normas de seguridade. Equipos de protección persoal. Saúde laboral.

9. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios en caso de intoxicación por praguicidas. Antídotos.

10. Exercicios prácticos.

11. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 60.

Programa dos cursos para praguicidas

fitosanitarios e de uso gandeiro

Nivel cualificado.

1. Os inimigo dos cultivos e os danos que producen.

2. Procedementos de protección dos cultivos.

3. Praguicidas químicos: composición, formulacións.

4. Maquinarias de aplicación de praguicidas: tipos, conservación e regulación.

5. Boas prácticas agrícolas.

6. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

7. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

8. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde.

9. Intoxicacións. Primeiros auxilios.

10. Residuos de praguicidas.

11. Transporte, almacenamento e distribución.

12. Seguridade Social Agraria.

13. Normativa legal.

14. Prácticas da protección fitosanitaria.

15. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 60.

8671