Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 30 de setembro de 1998 Páx. 10.813

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 263/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización e se crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos.

A Lei básica 10/1998, do 21 de abril, de residuos, establece que as actividades de producción e xestión de residuos perigosos requirirán a autorización do órgano competente da Comunidade Autónoma no territorio da cal se pretendan realizar, sen prexuízo das demais autorizacións esixibles polo ordenamento xurídico, e regula aquela xunto co Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, que a deixa en vigor, os requisitos da autorización, así como exencións e responsabilidades que lle son esixibles.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente atribúe, entre outras, a competencia e funcións en materia de residuos perigosos á dita consellería.

O presente decreto, respectando a regulación establecida na normativa básica estatal, e de acordo coa posibilidade de establecer normas adicionais de protección do ambiente que lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a Constitución e o seu Estatuto de autonomía, así como o artigo 21.2º y 3º da dita lei básica, completa certos aspectos do procedemento de autorización de productores e xestores de residuos perigosos e crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos, no que se inclúen tódalas persoas ou entidades que realicen as ditas actividades a diferencia do establecido na normativa estatal que llo reserva só ós pequenos productores.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na sua reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposición xeral

Artigo 1º.-Autorización e inscrición de actividades de producción e xestión de residuos perigosos.

A instalación, ampliación ou modificación substancial ou traslado das industrias ou actividades de producción e xestión de residuos perigosos requi

rirán autorización administrativa expedida pola Consellería de Medio Ambiente, de acordo cos requisitos esixidos pola Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos e polo Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, e a sua inscrición no Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos que se crea no presente decreto.

Capítulo II

Autorización

Artigo 2º.-Solicitude de autorización.

1. Deberán solicita-la autorización todas aquelas persoas ou entidades que realicen as actividades seguintes:

A) Productores: considerarase productor calquera persoa física ou xurídica que a súa actividade, excluída a derivada do consumo doméstico, produza residuos perigosos ou que efectúe operacións de tratamento previo, de mestura, ou doutro tipo que ocasionen un cambio de natureza ou de composición destes residuos. Terá tamén carácter de productor o importador de residuos perigosos ou adquirente en calquera estado membro da Unión Europea.

Estarán excluídos da necesidade de pedir autorización os productores que en atención ó volume da súa actividade determine a normativa estatal de desenvolvemento da Lei básica 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

B) Xestores: deberán solicitar autorización de acordo coa Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos e o Real Decreto 833/1988, do 20 de xullo:

a) As persoas físicas ou xurídicas que, non sendo productores, realicen actividades de recollida, almacenamento, transporte cando este se realice asumindo a titularidade do residuo polo transportista, a valorización e a eliminación dos residuos perigosos, incluídas a de vixilancia destas actividades así como a vixilancia dos lugares de depósito ou vertido despois do seu peche.

b) Os productores respecto ós seus propios residuos perigosos, cando realicen actividades de xestión deles.

c) Os productores cando realicen operacións de xestión con residuos perigosos procedentes doutros productores ou xestores.

Non estarán sometidos á autorización os transportistas que actúen como simples intermediarios por conta de terceiros, que requirirán unicamente notificarlle a súa actividade á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sen prexuízo do cum

primento da normativa vixente sobre o transporte de mercadorías perigosas.

2. A solicitude de autorización de productor formalizarase xuntándolle ó impreso que figura no anexo I a documentación esixida nos artigos 10 y 11 do Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, así como no Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica aquel.

Os xestores deberán presentar unha solicitude que figura no anexo II xunto cun estudio nos termos que establecen os artigos 25 e 26 do Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

3. A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de acordo co modelo que se recolle nos anexos do presente decreto, que se poderá presentar en calquera das oficinas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Resolución.

1. Revisados os proxectos presentados e a documentación achegada, o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no prazo de tres meses outorgará a autorización ou, se é o caso, procederá á súa denegación mediante resolución motivada. Transcorrido o dito prazo sen se dicta-la resolución expresa poderase entender desestimada a solicitude.

2. As autorizacións para a realización de actividades de xestión de residuos perigosos outorgarase por un prazo de cinco anos, pasado o cal poderán ser renovadas por períodos sucesivos e deberán determina-las condicións e requisitos necesarios para o seu exercicio. As ditas prórrogas deberán ser solicitadas polo titular da autorización con alomenos tres meses de antelación á data na que expire a autorización vixente. Igualmente incluirán a obriga por parte do titular da actividade de cumprir tódalas prescricións que sobre a producción e xestión de residuos perigosos se establecen na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos e no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

3. A efectividade das autorizacións quedará subordinada ó cumprimento de tódalas condicións e requisitos establecidos nelas, e non se poderá comeza-lo exercicio da actividade ata que o dito cumprimento sexa acreditado ante a Administración autorizante, quen levantará a oportuna acta de comprobación en presencia do interesado. A existencia dos requisitos determinados na autorización deberá perdurar durante todo o tempo de exercicio da actividade autorizada.

Artigo 4º.-Presentación de fianza e constitución de seguro de responsabilidade civil.

1. O outorgamento da autorización de xestor de residuos perigosos quedará suxeita á prestación da fianza na forma establecida no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, en contía suficiente para responder dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do seu custo de restauración; así mesmo a fianza debe garanti-lo cumprimento de tódalas obrigas que fronte á Administración se deriven do exercicio da actividade obxecto de autorización.

No suposto de que non existan factores que permitan determina-la contía da fianza, para os efectos indicados, o importe dela será o 10 por 100 do orzamento das obras proxectadas para a instalación de depósitos de seguridade, e o 5 por 100 do orzamento das obras proxectadas para o resto das instalacións de xestión de residuos.

2. O outorgamento da autorización de xestor de residuos perigosos quedará suxeita á constitución polo solicitante dun seguro de responsabilidade civil que cubra o risco de indemnización polos posibles danos causados a terceiras persoas ou as súas cousas, derivado do exercicio das actividades obxecto da citada autorización administrativa. En todo caso o seguro deberá cubrir:

a) As indemnizacións debidas por morte, lesións ou enfermidades das persoas.

b) As indemnizacións debidas por danos ás cousas.

c) Os custos de reparación e recuperación do ambiente alterado.

3. Así mesmo, a consellería de Medio Ambiente poderalles esixir ós productores de residuos perigosos, tendo en conta a localización das instalacións, características técnicas delas, perigosidade dos seus productos, ou outras circunstancias similares que deberá motivar, a suscrición dunha póliza de seguro que cubra o risco de indemnización por posibles danos causados a terceiras persoas ou as súas cousas, derivado do exercicio das actividades obxecto da citada autorización na forma establecida no número anterior para os xestores.

Artigo 5º.-Modificación da actividade.

Calquera modificación ou ampliación substancial ou cambio de localización da actividade autorizada e inscrita no rexistro, requirirá aprobación previa do novo proxecto que deberá ser presentado nos mesmos termos que establece o artigo 2º do presente decreto.

Artigo 6º.-Recursos.

Contra as resolucións do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá interporse recurso ordinario ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

O Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos

Artigo 7º.-Creación do Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos.

1. Créase o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos da Comunidade Autónoma de Galicia no que se inscribirán de oficio pola Administración todas aquelas persoas ou entidades autorizadas por cada centro de traballo que realicen as actividades sinaladas no artigo 2º do presente decreto.

2. Os pequenos productores a que se refire a disposición adicional primeira do presente decreto deberán solicitar en todo caso a inscrición no rexistro, para o cal utilizarán o modelo que se xunta no anexo III. A inscrición no rexistro con este carácter implicará a aplicación das exencións a que se refire a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e o Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

3. Deberán inscribirse igualmente no rexistro os transportistas que realicen actividades de recollida e traslado de residuos perigosos como simples intermediarios por conta de terceiros. Neste caso a solicitude de inscrición no rexistro deberá dirixirse ó director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, mediante unha instancia, segundo o modelo establecido no anexo IV do presente decreto xunto coa documentación que se sinala na dita solicitude, sen prexuízo das condicións que deben cumprir para o traslado por estrada de residuos tóxicos e perigosos, especificadas no Real decreto 74/1992, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento nacional de transportes de mercadorías perigosas por estrada (TPC), e demais disposicións que sexan de aplicación.

Artigo 8º.-Protección de datos.

1. As inscricións no rexistro incorporaranse a un ficheiro automatizado baixo a denominación Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos da Comunidade Autónoma de Galicia cos datos que se relacionan no anexo V deste decreto.

2. A responsabilidade do ficheiro recaerá na dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, ante quen exercerá o afectado os dereitos de acceso, rectificación ou cancelación cando se revelar que os datos son inexactos ou incompletos, inadecuados ou excesivos, sen prexuízo da responsabilidade directa que na xestión dos datos lle corresponda ó empregado público que estea a cargo do ficheiro correspondente.

3. No suposto de cesión de datos ós servicios estatísticos das administracións públicas terase en conta a normativa vixente da Comunidade Autónoma en materia estatística.

Disposicions adicionais

Primeira.-Mentres non se determine pola lexislación estatal de desenvolvemento da Lei 10/1998, do 21 de xullo, de residuos, as industrias ou actividades xeradoras ou importadoras de residuos perigosos ou de productos do uso dos cales puidesen derivarse residuos perigosos, ós que non será de aplicación a necesidade de pedir autorización e demais obrigas a que se refiren os artigos 7.1º, 9.1º, e 22 da citada lei básica en función do volume de actividade, aplicaráselles esta exención ós pequenos productores que se definen no artigo 22 do Real decreto 833/1988, do 20 de xullo. Os ditos productores deberán solicitar en todo caso a súa inscrición con este carácter no rexistro que se crea polo presente decreto.

Segunda.-Os productores e xestores de residuos perigosos que á entrada en vigor do presente decreto se atopen autorizados para realiza-la dita actividade na Comunidade Autónoma de Galicia serán incluídos de oficio no presente rexistro.

Terceira.-As actuacións administrativas que se deriven da aplicación deste decreto estarán sometidas ó aboamento das taxas previstas na normativa vixente.

Disposiciones derradeiras

Primeira.-Autorízase ó conselleiro de Medio Ambiente, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO V

-Nome do ficheiro.

Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos.

-Usos e fins:

Dispor dunha base de datos con información real dos productores e xestores de residuos perigosos.

-Persoas ou colectivos afectados.

Persoas físicas e xurídicas que realicen as actividades de productores e xestores de residuos perigosos que figuran no artigo 2º do presente decreto.

-Procedementos de recollida de datos:

Os datos persoais, técnicos e empresariais correspondentes a cada interesado obteranse a partir da solicitude de autorización ou de inscrición debidamente formalizada.

-Estructura básica:

Base de datos.

-Tipo de datos:

1. Código de identificación.

2. Datos acreditativos da súa identidade.

a) Nome ou razón social da persoa física ou xurídica inscrita.

b) NIF ou DNI.

c) Enderezo completo da empresa.

3. Actividade de producción ou xestión que realiza.

4. Tipos de residuos que se van producir ou xestionar.

5. Capacidade nominal da actividade de producción ou xestión.

6. Tipo de instalación e procedemento de producción ou xestión.

7. Persoa encargada da actividade de producción ou xestión.

a) Nome, primeiro apelido e segundo apelido.

b) Número do documento nacional de identidade.

c) Enderezo e teléfono.

8. Data de autorización e prazo dela.

9. Modalidade e contía da fianza.

10. Número e contía da póliza do seguro de responsabilidade civil.

-Cesións previstas:

Organismos ambientais e organismos oficiais de estatística cando o autorice a normativa vixente.

-Órganos da Administración responsables.

Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

8804