Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 29 de setembro de 1998 Páx. 10.797

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira denominada Liñares.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira denominada Liñares, segundo o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente do 10 de xuño de 1998, sita en terreos do termo municipal de Pedrafita do Cebreiro, provincia de Lugo, promovido pola empresa Canteras Industriales del Bierzo, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 12 de agosto de 1998.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a rea

lización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación e instalacións que, sobre unha superficie total de 38.000 m, vén definida no proxecto de referencia.

Para outras zonas ou áreas que se queiran explotar precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

Considerando que a zona afectada pola explotación dista uns 200 m do lugar de Liñares, e co fin de evita-los posibles efectos negativos que puidese ocasiona-lo po xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de xeito que nas vivendas máis próximas, os niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

Para o control dos niveis de inmisión de partículas sedimentables levaranse a cabo medicións con carácter trimestral e por laboratorio homologado, nos mesmos puntos fixos e en períodos de tempo seco.

1.2. Sobre o ruído.

Cumprirase o disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica da Xunta de Galicia (DOG do 28 de agosto de 1997).

2. Protección das augas.

2.1. Co fin de evitar que a escorrentía superficial procedente das zonas ocupadas pola explotación puidese afecta-las augas do regato, que discorre encaixado na parte baixa da ladeira onde se localiza a actividade, procederase a conducir axeitadamente as augas das zonas escavadas, xunto coas provenientes de calquera labor relacionado directa ou indirectamente coa explotación, ás balsas de decantación proxectadas previamente ó seu vertido.

2.2.-As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios, deberán ser conducidas a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha foxa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

2.3. Os labores de mantemento da maquinaria levaranse a cabo fóra das zonas en explotación ou xa explotadas, debendo ser recollidos os seus residuos e entregados a un xestor autorizado.

3. Protección do solo.

3.1. Dado que no Plan de Restauración se afirma que o estendido da terra vexetal se disporá en orde crecente de calidades, ata acadar un perfil do solo semellante ó orixinal, procederase á retirada de maneira diferenciada, e sincronicamente ás ocupacións, da capa vexetal e do segundo horizonte edáfico.

3.2. O amoreamento do solo vexetal non será de máis de 1,5 m de altura, engadindo mulch para mellora-la estructura do solo e para mante-las con

dicións de osixenación e non amazocamento do solo amoreado en cantidade suficiente, que en función do tipo empregado, oscilará entre 2 e 10 t/ha. En todo caso deberase achegar cantidade suficiente para manter un 6% de materia orgánica no solo. Xa que o tempo de almacenamento é superior a un ano, realizarase unha plantación con leguminosas en cantidade de 10 kg/ha (en asociacións de Festuca sp., e Melilotus sp.i.e.).

3.3. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos entullos xerados na explotación, que permanecerán dentro do oco escavado, tal e como consta no estudio, prohibíndose de forma específica o seu vertido noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a ela, así como en zonas do dominio hidráulico sen autorización expresa do organismo de conca.

En ningún caso se autorizará a formación de entulleiras, aínda con carácter temporal, fóra do perímetro da zona obxecto do ámbito da presente DIA.

4. Protección da fauna e da flora.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas estremeiras e a zona de explotación, mediante a instalación, na parte superior das frontes de explotación, dun peche de malla cunha altura non inferior a 1,50 m.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación, que sirva coma pantalla visual ou acústica. A eliminación da vexetación da área que se vai explotar será sempre mediante sistemas de roza.

5. Restauración.

5.1. A restauración farase extensiva ás zonas afectadas, principalmente polos vertidos de entullos, antes da tramitación deste expediente.

5.2. Co fin de minimiza-lo impacto paisaxístico levarase a cabo a recuperación progresiva das zonas abandonadas, tal e como consta no proxecto, aínda que non finalizasen os labores de extracción.

O material residual da explotación destinarase, na súa totalidade, á remodelación do oco xerado pola escavación, de xeito que o perfil final sexa o máis próximo ó orixinal. En ningún caso as entulleiras interiores que se xeren poderán transformarse en definitivas.

5.3. Se o material empregado na remodelación non é suficiente para acadar unha pendente nos noiros da explotación inferior ós 20·, procederase ó seu remodelado mediante técnicas de voaduras de descabezamento que permitan un recheo parcial das bermas, debendo o seu deseño garanti-la integridade do macizo rochoso residual.

5.4. Se quedasen noiros de máis de 20· de pendente, procederase á súa revexetación mediante técnicas de hidrosementeira. Nos noiros de menos de 20· de pendente procederase á restitución do solo.

Unha vez depositados os estériles e fracturada a rocha base para permitir un mellor arraigamento da vexetación disporase o solo previamente amoreado estendéndose de xeito que teña unha profundidade mínima de 40 cm. Como a cantidade de solo existente na explotación non é suficiente para acadar este obxectivo, faise preciso que se realicen achegas externas que deberán contar coa súa procedencia debidamente xustificada.

No relativo á fertilización, un dos seus obxectivos será acadar e manter un mínimo do 6% (seis) de materia orgánica no solo, que mellorará as súas características pero que habitualmente non resulta equilibrado desde o punto de vista químico, polo que se efectuará unha fertilización, mediante fertilizantes tipo nitróxeno-fósforo-potasio, 8-24-16 para a fertilización de fondo e 15-15-15 na época vexetativa. A dose inicial será de 800 kg/ha N-P-K 8-24-16, pasando a 15-15-15 en etapas sucesivas. Para as árbores forestais, a fertilización será máis localizada, no mesmo oco empregando fertilizantes fosfatados de liberación lenta.

5.5. Se ben a plantación de árbores perennifolias coma pantalla pode ser unha medida útil, a revexetación proposta para a pantalla artificial non é axeitada, xa que dificilmente resistirían as condicións climáticas da zona, polo que se empregarán especies como Pinus sylvestis, Arbutus unedo, mesturado con caducifolias como Betula alba, Sorbus aucuparia, Fagus sylvatica, Quercus pyrenaica para proporcionar unha visión máis diversa, cumprindo o obxectivo principal que é servir de pantalla visual.

As densidades propostas no estudio para revexetación, 1.800 pés/ha de arbustos e 800 pés/ha de árbores é axeitada, sendo os exemplares de polo menos dous sumes e de procedencia debidamente acreditada dun viveiro oficial ou comercial. As especies arbóreas propostas no estudio non son axeitadas xa que dificilmente resistirían as condicións climáticas da zona. Polo tanto, as especies que se empregarán serán as seguintes Arbutus unedo, Betula alba, Sorbus aucuparia, Fagus sylvatica, Quercus pyrenaica. Cada exemplar deberá contar cun titor e con protectores axeitados para previ-los danos causados por mamíferos de pequeno tamaño (roedores).

Dado que pola altitude da zona de explotación, uns 1.000 m, non queda suficientemente xustificada a conversión da balsa nunha lagoa artificial e implantación de vexetación de ribeira, procederase ó seu recheo, compactación e revexetación coas mesmas especies empregadas na recuperación do resto dos terreos afectados.

No caso de que ós tres anos da plantación, a porcentaxe de marras fose maior do 10% (dez) o promotor deberá proceder á súa reposición.

Os labores de revexetación realizaranse en outono ou primavera en función do ciclo vital das especies empregadas, procedéndose á rega regular das super

ficies revexetadas ata que se asegure a viabilidade da plantación.

5.6. Unha vez rematada a explotación deberanse desmantela-las instalacións adscritas á canteira que puidesen ser construídas durante o período de explotación, procedéndose, así mesmo, a pechar e anula-las pistas e camiños propios da actividade, ó rematar esta, salvo que os fins da propiedade unha vez realizada a restauración impliquen a necesidade do seu mantemento.

6. Vixilancia ambiental.

O promotor remitirá, a través do órgano substantivo, e xuntamente co plan de labores anual no mes de xaneiro de cada ano, un informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se describa o estado da explotación así como das accións de restauración levadas a cabo, segundo a planificación proxectada indicando as variacións producidas con respecto a esta, xunto coa previsión dos traballos de restauración para o vindeiro ano.

7. Condicións adicionais.

7.1. Para efectos de seguimento da presente DIA o promotor comunicaralle o órgano ambiental, a través do órgano substantivo, o comezo da explotación.

7.2. O órgano substantivo fixará un aval, en cumprimento do disposto no Decreto 455/96, do 7 de novembro, e co fin de garanti-lo cumprimento do Plan de Restauración, por un importe non inferior ó orzamento dos traballos de restauración que figura na documentación referente ó proxecto da presente DIA.

Este aval será renovado, en función do cumprimento por parte do promotor do Plan de Restauración e o Plan de Labores Anual.

7.3. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor, non obstante, a empresa promotora, poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican. Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao, tres meses despois, de lle ser enviada a presente DIA polo órgano substantivo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e achegará a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

7.4. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender

cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

7.5. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstos, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

7.6. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificación nela.

7.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 1998.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto.

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa desfavorablemente de acordo coas seguintes deficiencias de contido que consideran que presenta o estudio:

O apartado de hidroloxía consta de 3 follas pero é totalmente teórico, dedicándose só duás frases a esta cunca hidrográfica.

No apartado de «Desaugamento e tratamento de augas» especifícanse os cálculos dos caudais máximos para desaugar, os cales serven de punto de partida para o dimensionamento das obras de drenaxe, pero non se xunta o cálculo detallado das balsas senón que simplemente explica que se construirán dúas e o volume que terán, sen que se presenten os cálculos nos que se basea este dimensionamento. Deberase realiza-lo cálculo adecuado das ditas balsas tendo en conta a máxima precipitación diaria e a superficie de explotación. Nos planos deberá quedar máis claro o lugar de desaugamento das balsas e das arquetas para a toma das mostras pertinentes.

Fálase de zonas de acumulación de terra vexetal e lodos pero falta o compromiso de que as posibles perdas de auga con sólidos en suspensión pasarán polas balsas de decantación.

Non ten sentido asegurar que no estendido se coidará de dispo-la terra vexetal nunha orde crecente de calidades, ata acadar un perfil de solo semellante ó orixinal, cando non se indica que se recollerán de xeito separado os distintos horizontes.

Indícase que para amortece-lo impacto visual desde a estrada e o pobo de Liñares, construirase un muro duns 10 m aproveitando os estériles, que se revexetará posteriormente con herbáceas, arbustos e dúas filas de P. pinaster na parte superior. Considérase que a adecuación e revexetación do dito muro é importante pero deberase realizar nas debidas condicións, xa que o impacto visual podería verse agravado en vez de minguado.

Aparece un apartado denomminado «Restauración das balsas» onde se indica que se rehabilitarán para a súa integración paisaxística e o seu uso como refuxio para a fauna, sinalando o aniñamento de aves acuáticas. Dado que esta explotación se localiza en Pedrafita, a 1.200 m de altura, non parece que esta referencia ás aves acuáticas sexa a máis adecuada para xustifica-la restauración e deberíase planifica-la restauración das balsas de xeito máis factible e real.

No apartado de «Conclusións» dise que os noiros ocuparán un 40% da superficie unha vez finalizada a explotación e que a altura máxima será de 60 m, altura que se considera importante dada a súa situación na parte superior do monte. Por iso, deberase poñer especial énfase no modelado destes noiros, axustándose o máximo posible á contorna para facilita-la implantación da vexetación. En todo caso, se quedan superficies de noiros nos que sexa difícil implanta-la vexetación, sería adecuado recorrer á hidrosementeira.

Dirección Xeral de Industria informa favorablemente o estudio ambiental, establecendo adicionalmente as seguintes condicións:

Os niveis de emisión de partículas sólidas non excederán os límites establecidos no Decreto 833/75. Regaranse regularmente as pistas e superficies utilizadas. A composición dos gases dos motores de combustión interna deberá axustarse ós valores regulamentados.

No referente as pistas e vías, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.07.1.03.

Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación, que sirva como pantalla visual ou acústica.

Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregarse a un xestor autorizado.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto da explotación sobre o patrimonio arqueolóxico, aínda que non se indica a existencia de ningún xacemento inventariado.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente a realización do devandito proxecto.

8337