Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 29 de setembro de 1998 Páx. 10.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de agosto de 1998 pola que se autoriza definitivamente a apertura e funcionamento do centro privado Rosalía de Castro de Vigo (Pontevedra).

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro, polo que se solicita autorización definitiva para a apertura e funcionamento do centro privado Rosalía de Castro de Vigo (Pontevedra),

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que se remite cos informes correspondentes,

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve,

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la apertura e funcionamento do centro de educación secundaria e, como consecuencia disto, establece-la configuración definitiva dos centros existentes no mesmo edificio ou recinto escolar, segundo se especifica no anexo.

Segundo.-Esta autorización producirá efectos progresivamente, a medida que se implanten as ensinanzas autorizadas conforme o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-O centro de educación secundaria que por esta orde se autoriza deberá cumpri-la norma básica da edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Quinto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que esta orde.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Enderezo: estrada de Bembrive, 91.

Código do centro: 36011270.

Denominación específica: Rosalía de Castro.

Títular: asociación de pais de alumnos.

* Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 6 unidades.

b) Centro de educación primaria: 12 unidades.

c) Centro de educación secundaria: 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.

d) Centro de bacharelato de 6 unidades coas modalidades seguintes: ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.

8720