Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 24 de setembro de 1998 Páx. 10.624

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma galega.

O artigo 57 da LOTT establece que as asociacións de transportistas e de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada, legalmente constituídas, poderán colaborar coa Administración na realización das funcións públicas de ordenación do sector, na forma prevista nesa lei e nas súas normas de desenvolvemento.

O feito de que a nosa Comunidade Autónoma teña a práctica totalidade das competencias relativas ó transporte que se desenvolve en Galicia, así como das que se refiren ás autorizacións residenciadas no dito territorio, esixe arbitrar unha canle de comunicación e colaboracion do sector do transporte de xeito que o exercicio das competencias propias ou delegadas se traduza nunha mellor xestión en beneficio dos propios transportistas e dos usuarios, en definitiva, da sociedade no seu conxunto.

Tales obxectivos están presentes na creación do Comité Galego de Transportes por Estrada e, polo tanto, procede regular ab initio tanto as súas funcións como a súa estructura.

Esixindo a constitución do comité a acreditación previa da existencia e nivel de implantación das distintas asociacións profesionais de transportistas e das actividades auxiliares e complementarias, regúlase neste mesmo decreto e como complemento das normas do Comité Galego de Transporte por Estrada, o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, tendo en conta a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a regulación do transporte por estrada no ámbito territorial autonómico, recollida no artigo 27 (8º) do Estatuto de autonomía, oído o Consello Galego de Transportes, e por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Comité Galego de Transportes por Estrada. Definición e funcións

Artigo 1º.-Definición do Comité Galego do Transporte por Estrada.

Créase o Comité Galego de Transporte por Estrada como un órgano de colaboración e representación do sector profesional do transporte por estrada perante a Administración autonómica e outras entidades ou organismos de carácter autonómico.

Artigo 2º.-Funcións do comité.

Son funcións do Comité Galego do Transporte por Estrada as seguintes:

a) Informar, por petición da Administración, nos procedementos de fixación de tarifas e propoñer, se é o caso, as que consideren que deben aplicarse nos distintos servicios e actividades de transporte.

b) Informar, por petición da Administración, nos procedementos de imposición das sancións que leven aparellada a revogación definitiva da autorización ou a caducidade da concesión.

c) Colaborar coa Administración na forma que esta prevexa en relación coa capacitación profesional.

d) Promover e colaborar coa Administración na creación de centros de información e distribución de cargas, estacións de transporte por estrada e escolas de transporte.

e) Confeccionar para a súa distribución entre os empresarios os impresos, cadros tarifarios, modelos de documentos de control, de contratos-tipo ou de divulgación en xeral que sexan de interese para eles.

f) Responder cantas consultas lle sexan realizadas pola Administración e outras entidades públicas e privadas.

g) Informar, por petición da Administración, no procedemento de elaboración de cantas disposicións se dicten en materia de transporte.

h) Realizar cantas outras funcións de colaboración lle sexan legal ou regulamentariamente atribuídas.

Artigo 3º.-Carácter e funcionamento democrático do comité.

A designación dos membros do Comité Galego de Transportes por Estrada será realizada democraticamente polas asociacións segundo a súa respectiva representatividade, seguindo os criterios que estableza a Administración.

O sistema de funcionamento e actuación do comité será democrático e posibilitará que as posicións minoritarias sexan suficientemente recollidas e poidan ser coñecidas e ponderadas pola Administración.

Capítulo II

Estructura

Artigo 4º.-Estructura do comité.

O Comité Galego do Transporte por Estrada compoñerase do Pleno, do Departamento de Transporte de Viaxeiros e do Departamento de Transporte de Mercadorías.

Artigo 5º.-O Pleno.

Forman o Pleno do Comité Galego de Transportes tódolos representantes das asociacións profesionais integradas nel.

A estructura e réxime de funcionamento do Pleno establecerase no seu Regulamento de organización e funcionamento, que será aprobado seguindo os mesmos criterios marcados no artigo 14 para os diferentes plenos dos distintos departamentos nos que se estructura o comité.

Artigo 6º.-Estructura do Departamento de Transporte de Viaxeiros.

1. O Departamento de Transporte de Viaxeiros estructúrase nas seguintes seccións:

a) Sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús.

b) Sección de transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús.

c) Sección de transporte urbano de viaxeiros en autobús.

d) Sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o conductor.

e) Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada.

f) Sección de estacións de transportes

2. Formarán parte de cada unha das seccións sinaladas no número anterior os representantes das asociacións que así o soliciten e cumpran conxuntamente as seguintes condicións:

a) Que estean implantadas polo menos en tres provincias.

b) Que en cada unha das tres provincias acaden o 10% de afiliados ó conxunto das asociacións que soliciten formar parte da sección de que se trate, ou o 15% de vehículos autorizados que pertenzan ós socios afiliados a aquelas asociacións.

Artigo 7º.-Estructura do Departamento de Transporte de Mercadorías.

1. O Departamento de Transporte de Mercadorías estructúrase nas seguintes seccións:

a) Sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros.

b) Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada.

2. Formarán parte de cada unha das seccións sinaladas no número anterior os representantes das asociacións que así o soliciten e cumpran algunha das dúas seguintes condicións:

a) Que a suma dos seus socios sexa polo menos o 10% do total dos socios afiliados ó conxunto das asociacións que soliciten formar parte da sección de que se trate, ou ben que acaden nunha provincia o 35% das empresas que formen parte das asociacións que soliciten a súa participación no comité.

b) Que os seus socios sexan titulares polo menos do 10% do total das autorizacións que correspondan ó conxunto dos socios afiliados ás asociacións que soliciten formar parte da sección de que se trate.

Para os efectos previstos neste número, as autorizacións da clase TD e as autorizacións do transporte público de mercadorías referidas a semirremolques contaranse como media autorización en relación coa sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros.

Artigo 8º.-Creación de novas seccións e de subseccións.

O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, oído o propio Comité Galego do Transporte, poderá crear outras seccións adicionais ou substitutivas das anteriores.

O director xeral de Transportes poderá crear, ademais, as subseccións que considere necesarias para o correcto funcionamento do comité, que tamén deberá ser oído neste caso.

Capítulo III

Representatividade das asociacións

Artigo 9º.-Representación das asociacións no comité.

Os votos que correspondan a cada unha das asociacións que formen parte das distintas seccións, para garati-lo funcionamento representativo e democrático do comité, estarán determinados polas seguintes regras:

1. Na totalidade das seccións do Departamento de Transporte de Viaxeiros e na Sección de Transporte Público de Mercadorías en vehículos pesados e lixeiros do Departamento de Transporte de Mercadorías, corresponderá a cada asociación o número de votos que resulte determinado pola seguinte fórmula:

V= 20e+80a

0,2E+0,8A

2. Na sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada do Departamento de Transporte de Mercadorías, corresponderá a cada asociación o número de votos que resulte determinado pola aplicación da seguinte fórmula:

V= 80e+20a

0,8E+0,2A

3. Sendo nas devanditas fórmulas:

V: número de votos que corresponden á asociación de que se trate dentro da sección.

e: número de empresas dedicadas á actividade á que se refira a sección, afiliadas á asociación de que se trate.

a: número da autorizacións da clase a que se refira a sección de que son titulares, no seu conxunto, as empresas computadas no factor e.

E: número total de empresas dedicadas á actividade á que se refira a sección, afiliadas ás distintas asociacións representadas nela.

A: número de autorizacións da clase á que se refira a sección do que son titulares, no seu conxunto, as empresas computadas no factor E.

4. Sobre as cifras resultantes da aplicación das anteriores fórmulas aplicarase, se é o caso, o redondeo preciso para suprimir fraccións inferiores á unidade, o que se levará a cabo por defecto para as iguais ou inferiores a 0,5 e por exceso para as superiores á dita fracción.

Artigo 10º.-Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte.

Co fin de acredita-la respectiva representatividade das asociacións na súa participación no Comite Galego de Transportes, créase o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, no que deberán inscribirse necesariamente tódalas asociacións que desexen participar como membros do Comité Galego do Transportes.

Terán acceso ó dito rexistro as asociacións que cumpran os seguintes requisitos:

-Que estean debidamente constituídas e rexistradas conforme a normativa de asociacións vixente.

-Que o seu ámbito de actuación se desenvolva en todo ou en parte na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para solicita-la súa participación na sección ou subsección que corresponda do Comité Galego de Transportes, deberán cumpri-los requisitos anteriores así como acredita-la representatividade mínima indicada no presente decreto.

Artigo 11º.-Acreditación dos requisitos asociativos e do número de empresas afiliadas.

As asociacións que desexen inscribirse no rexistro presentarán na Dirección Xeral de Transportes a seguinte documentación orixinal ou en copia autenticada:

1. Co obxecto de acredita-la súa constitución, obxecto e fins:

a) CIF da asociación.

b) Acta de constitución da asociación.

c) Estatutos vixentes.

d) Poder ou representación que poña a persoa ou persoas que vaian actuar no nome da asociación.

Deberá quedar acreditado, en todo caso, que a anterior documentación foi obxecto dos trámites precisos para a súa legalización conforme as normas aplicables.

2. Para acredita-lo número de empresas afiliadas, así como dos vehículos habilitados para realizaren transporte en Galicia dos que aquelas sexan titulares, deberá presentarse listaxe en soporte informático, conforme as especificacións que se indican

no anexo ó presente decreto e que comprenda os seguintes datos:

a) O nome e apelido do empresario individual ou denominación ou razón social no caso de tratarse dunha sociedade mercantil, anónima laboral, ou cooperativa de traballo asociado.

b) Número de autorizacións ou vehículos habilitados para realizar transporte domiciliados en Galicia das que é titular cada empresa.

c) Numeración, clase e ámbito de cada unha das autorizacións relacionadas.

d) Enderezo ou sede, único ou central, e número de teléfono de cada empresa relacionada.

e) DNI ou CIF de cada empresa relacionada.

As referidas listaxes deberán presentarse de forma diferenciada por cada unha das clases de transporte por estrada e de actividades auxiliares e complementarias do transporte que constitúen seccións diferenciadas no Comité Galego do Transporte por Estrada.

Así mesmo, cando participen federacións no Comité Galego de Transporte, non poderán ter representación nel as asociacións que conformen as referidas federacións.

As solicitudes para a inscrición no rexistro deberán ser presentadas no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor do presente decreto.

A Dirección Xeral de Transportes poderá abrir un período de alegacións de trinta días naturais para que as asociacións xustifiquen ou completen os datos incorrectos ou insuficientes.

As asociacións que non presentasen a solicitude de inscrición no prazo indicado dun mes perderán o dereito a formar parte do comité, ata tanto o Pleno deste acorde a admisión de novas asociacións como membros del.

Artigo 12º.-Comprobación de datos pola Administración.

Unha vez presentada a documentación citada no artigo anterior, a Dirección Xeral de Transportes poderá realizar as necesarias comprobacións dos datos facilitados polas asociacións.

Á vista dos datos presentados, o director xeral de Transportes resolverá sobre o dereito a participar no comité e a representatividade que se desempeñe, comunicándollo oficialmente ás distintas seccións daquel. A referida determinación terá carácter vinculante para o funcionamento posterior do comité.

Artigo 13º.-Revisión da composición das seccións.

A composición das distintas seccións do comité será revisada cada 4 anos. Con este motivo, as distintas asociacións que formen parte de cada sección, así como as que desexen entrar no comité, serán convocadas pola Dirección Xeral de Transportes no último semestre do cuadrienio, co obxecto de que

dentro dun prazo non inferior a un mes xustifiquen a súa representatividade de conformidade coas regras establecidas para o efecto.

Igualmente, procederase á dita revisión unha vez transcorrido un período mínimo de dous anos, cando así o soliten asociacións que teñan acreditado o 40% da representatividade dentro do comité.

Artigo 14º.-Xustificación periódica do número de afiliados.

As asociacións que forman parte do Comité deberán xustificar no derradeiro mes de cada ano o número dos seus afiliados.

Cuando existan causas excepcionais que supoñan que a representatividade acreditada sufriu na práctica modificacións substanciais, a Dirección Xeral de Transportes, logo das constatacións pertinentes e oído o propio Comité Galego de Transportes, poderá variar de oficio a dita representatividade.

Capítulo IV

Réxime xurídico

Artigo 15º.-Regulamento de organización e funcionamento.

-Os regulamentos de organización e funcionamento dos departamentos do Comité Galego de Transportes por Estrada serán aprobados de forma diferenciada polo Pleno de cada un deles por maioría absoluta, debendo ser ratificados polo director xeral de Transportes da Xunta de Galicia.

O Regulamento de organización e funcionamento do Pleno do Comité será aprobado en sesión conxunta dos dous departamentos, e deberá ser ratificado polo director xeral de Transportes.

Os regulamentos determinarán o sistema de elección e nomeamento do presidente e secretario do Pleno do Comité e dos seus departamentos, así como as funcións que se lles encomenden.

Artigo 16º.-Adopción de acordos que afecten a máis dunha sección do comité.

-Cando as actuacións do comité afecten a dúas ou máis seccións, ou á totalidade delas, do departamento de Transporte de Viaxeiros ou do Departamento de Transporte de Mercadorías, os acordos serán adoptados conxuntamente polas seccións afectadas ou polo Pleno do departamento correspondente. Para tal efecto, o número de votos que corresponde a cada sección serán os seguintes:

a) Departamento de Transporte de Viaxeiros:

-Sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobus: 24 votos.

-Sección de transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús: 24 votos.

-Sección de transporte urbano de viaxeiros en autobus: 4 votos.

-Sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o conductor: 10 votos.

-Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada: 4 votos.

-Sección de estacións de transporte: 4 votos.

b) Departamento de transporte de mercadorías:

-Sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros: 45 votos.

-Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada: 25 votos.

No suposto formulado neste artigo, os votos que corresponderán a cada asociación estarán determinados pola aplicación da fórmula seguinte:

D=SxV

100

Sendo na dita fórmula:

D= número de votos que corresponde á asociación de que se trate nas votacións que afecten a máis dunha sección do departamento.

S= número de votos que corresponde á sección na que se atopa incluída a asociación de que se trate conforme o previsto neste punto.

V= número de votos que corresponden á asociación de que se trate dentro da sección á que pertence conforme o previsto no artigo 8.

Sobre as cifras resultantes será de aplicación o redondeo previsto no artigo 8.4º do presente decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-O carácter representativo do Comité Galego de Transporte por Estrada de Galicia establécese sen prexuízo das funcións que a Lei 16/1987, do 30 de xullo, lles outorga ás asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte para a colaboración directa e individualizada coa Administración.

Segunda.-En todas aquelas disposicións dictadas pola Xunta de Galicia con igual ou inferior rango ó presente decreto nas que se faga referencia á emisión de informe polas asociacións de transporte, entenderase que o dito informe deberá ser emitido pola sección correspondente do Comité Galego de Transporte. Todo iso sen prexuízo das competencias e funcións de informe que respecto das disposicións xerais nesta materia ten atribuídas o Consello Galego de Transportes.

Disposición transitoria única

O Comité Galego de Transporte por Estrada constituirase inicialmente unha vez acreditada a representatividade das asociacións, e o Pleno deberá celebra-la reunión fundacional nun prazo de seis meses

a partir da data de entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO

A documentación que se remita en soporte informático deberá cumpri-las especificacións seguintes:

1. Soporte de gravación.

O soporte de información serán disquetes de 3 œ polgadas, con formato DOS de 1.44 Mbytes de capacidade.

Os disquetes virán etiquetados facendo consta-lo nome e o CIF da asociación, e a data da remisión. No caso de necesitar máis dun disquete, deberán estar numerados.

2. Ficheiros e formato de gravación.

A información solicitada recollerase en dous ficheiros ASCII:

A) Ficheiro de empresas afiliadas (EMPRESAS.TXT).

Posicións 1 a 9: CIF ou NIF da empresa.

Posicións 10 a 59: nome e apelido ou razón social.

Posicións 60 a 109: enderezo ou sede.

Posicións 110 a 134: teléfono.

Posicións 135 a 139: nº total de autorizacións que presenta.

B) Ficheiro de autorizacións (AUTORI.TXT).

Cada unha das autorizacións que presente cada empresa afiliada gravarase nun rexistro co seguinte formato:

Posicións 1 a 9: CIF ou NIF da empresa titular.

Posicións 10 a 16: número de tarxeta da autorización.

Posicións 17 a 18: código postal da provincia de residencia da tarxeta.

Posicións 19 a 20: código de serie.

Posicións 21 a 24: clase de tarxeta de transporte.

Posicións 25 a 34: matrícula de vehículo.

Posicións 35 a 42: data de autorización (DD/MM/AA).

8598