Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 16 de setembro de 1998 Páx. 10.372

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 8 de setembro de 1998 pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia establece que o alleamento dos aproveitamentos forestais poderá realizarse por poxa como regra xeral, polo procedemento negociado en circunstancias especiais, ou ben por alleamento directo para os de menor contía.

A presente orde de desenvolvemento ten por obxecto detalla-los requisitos do procedemento xeral de poxa pública para a aplicación do Decreto 244/1998, do 24 de xullo, sen prexuízo do carácter supletorio da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas no non previsto expresamente na normativa autonómica ó tratarse dun contrato administrativo especial.

Determínase igualmente pola presente disposición a composición das mesas de contratación que se constitúen nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente de acordo co disposto no artigo 5 do Decreto 244/1998, do 24 de xullo.

Por todo iso, en virtude do previsto na disposición derradeira primeira do Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que lle outorga ó conselleiro de Medio Ambiente a facultade de dictar cantas normas fosen precisas para o seu desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O alleamento dos aproveitamentos realizarase xeralmente mediante poxa á que se lle dará a necesaria publicidade mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso poderán tomar parte nas poxas as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 20 da Lei de contratos das administracións públicas.

Artigo 2º

1. Nos anuncios de poxas indicarase expresamente:

a) O obxecto e tipo dela.

b) Lugar e data de celebración da poxa.

c) Oficinas da Administración autonómica onde estean de manifesto as cláusulas administrativas e demais elementos que conveña coñecer para a mellor comprensión do contrato.

d) Garantía provisional que terán que deposita-los licitadores.

e) Referencia ó modelo de proposición económica.

f) Prazo de presentación das ofertas e as oficinas receptoras delas.

g) Documentos que teñen que presenta-los licitadores.

2. Cada licitador presentará por oferta dous sobres pechados e asinados por el mesmo ou por persoa que o represente.

O sobre A, que conterá a documentación administrativa, poderá ser único para tódalas poxas que se celebren ante a mesma mesa e na mesma sesión. Deberá conte-la seguinte documentación:

a) A que acredite a personalidade do licitador e, se é o caso, a súa representación.

b) A que acredite a cualificación da empresa, se é o caso, ou xustifique os requisitos de solvencia económica, financeira, técnica ou profesional.

c) A declaración responsable de non atoparse incurso en prohibición para contratar, consonte os artigos 15 ó 20 da Lei de contratos das administracións públicas.

d) O xustificante acreditativo da garantía provisional, e

e) A que acredite atoparse ó corrente do cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes.

Ou ben, abondará con presentar:

a) Copia da inscrición da empresa licitante no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia, e

b) O xustificante acreditativo da garantía provisional.

O sobre B conterá as proposicións económicas que se formularán no modelo normalizado, ou similar a el de igual contido, que figura no anexo desta orde. Efectuarase unha soa proposición económica por licitador para cada un dos lotes que irán en sobres separados no caso de presentarse a varios, constando a cantidade ofertada en número e letra. No caso de que un licitador presente máis dunha proposición económica por lote, procederase á súa anulación.

3. As oficinas receptoras deberán dar recibo de cada proposición, no que constará o nome do licitador, aproveitamento obxecto da licitación e data e hora da presentación.

4. Rematado o prazo de recepción, os xefes das oficinas receptoras expedirán certificación na que se relacione as proposicións recibidas ou, se é o caso, a ausencia de licitadores, que lle remitirán ó secretario da mesa de contratación.

Artigo 3º

1. A garantía provisional, imprescindible para participar na poxa, terá que ser constituída:

a) En metálico, en valores públicos ou en valores privados avalados polo Estado, por unha Comunidade Autónoma, pola Administración contratante ou por algunha das entidades relacionadas no punto seguinte, con suxeición, en cada caso, ás condicións que poidan regulamentariamente establecerse. A cantidade en metálico, os títulos ou os certificados correspondentes, depositaranse na Caixa Xeral de Depósitos ou nas súas sucursais coas excepcións que regulamentariamente poidan establecerse.

b) Mediante aval presentado, na forma e condicións regulamentarias, por algún dos bancos, caixas de aforros, cooperativas de crédito e sociedades de garantía recíproca autorizados para operar no territorio do Estado Español.

c) Por contrato de seguro de caución celebrado na forma e condicións que regulamentariamente se establezan con entidade aseguradora autorizada para operar no ramo da caución.

2. A garantía provisional será devolta ós interesados non incluídos na proposta despois da adxudicación do contrato. A garantía será retida ó empresario incluído na proposta de adxudicación.

Artigo 4º

1. Con prazo suficiente antes da celebración da poxa, reunirase a mesa e o presidente ordenará a apertura dos sobre A e o secretario cualificará a relación de documentos que figuren en cada un deles. Se a mesa observase defectos materiais na documentación presentada, poderá conceder un prazo non superior a tres días para que o licitador emende o erro.

2. O día da poxa e antes de proceder á apertura do sobre B, o presidente invitará ós asistentes a que manifesten as dúbidas que teñan ou pidan as explicacións que estimen pertinentes.

3. Unha vez iniciada a poxa, calquera licitador poderalle solicitar á mesa que non se proceda á apertura de máis sobres económicos dos presentados por el ós lotes que queden por poxar, por ter acadada a cota máxima da súa capacidade económica ou técnica. Esta renuncia previa e pública non suporá a perda da fianza provisional. Para maior garantía na limpeza do proceso, o comezo da poxa será polo lote que resulte dun sorteo público que terá lugar nese momento.

Artigo 5º

1. Efectuadas as propostas de adxudicación ás ofertas económicas máis elevadas, invitarase os licitadores asistentes a que expoñan cantas reclamacións ou reservas estimen convenientes en contra do acto celebrado, levantándose acta que recolla sucintamente todo o sucedido. A acta será asinada,

cando menos, polo presidente e o secretario da mesa de contratación e polos que presentaran reclamacións.

2. A adxudicación realizaraa o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente da provincia onde radique o aproveitamento, no prazo máximo de 20 días seguintes á proposta de adxudicación. A partir da data de adxudicación, os non adxudicatarios poderán retira-las fianzas provisonais depositadas.

Artigo 6º

Unha vez recibida a notificación da adxudicación, o licitador, no prazo de 20 días, terá que cumpri-los seguintes requisitos:

a) Constituí-la fianza definitiva.

b) Paga-lo importe da adxudicación ou ben do 50% dela de acollerse ó establecido no artigo 6 do Decreto 244/1998, do 24 de xullo.

c) Paga-lo importe das taxas que sexan de aplicación ó caso e os gastos de publicación no Diario Oficial de Galicia.

d) Os demais que establezan os pregos de cláusulas do aproveitamento.

Unha vez cumpridos os requisitos anteriores, formalizarase o contrato e expedirase a licencia de corta.

Disposición adicional

Consonte co establecido no artigo 5 do Decreto 244/1998, de 24 de xullo, constituiranse nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, mesas de contratación para o alleamento de aproveitamentos madeireiros procedentes dos montes xestionados por ela, que estarán constituídas da seguinte forma:

Presidente:

-O secretario provincial da Consellería de Medio Ambiente, ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-Un representante da Intervención Territorial da Delegación da Consellería de Economía e Facenda.

-Un representante do Gabinete Xurídico Territorial.

-O xefe do Servicio de Contratación, ou persoa que o represente.

Actuará como secretario da mesa un funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, adscrito ó servicio de Montes e Industrias Forestais.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

Don/Dona

maior de idade, natural de..., de nacionalidade ..., con domicilio

DNI nº en nome propio ou representación (documentación de clasificación empresarial número.....) ofrece a cantidade de ....(.......)* de ptas. polo lote con número de expediente ....... correspondente ó monte ........., taxado na cantidade de ........ ptas. que forma parte da poxa anunciada no Diario Oficial de Galicia nº ....... con data do .....

*Poñe-la cantidade ofertada en números, e en letras maiúsculas dentro da paréntese.

8416