Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 11 de setembro de 1998 Páx. 10.149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de setembro de 1998 pola que se establece o número de unidades e os postos de traballo docentes que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres nas escolas de educación infantil, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria, colexios de educación especial, centros públicos integrados e institutos de educación secundaria.

Pola Orde do 15 de maio de 1996 (DOG do 29) regulouse o proceso de adscrición dos funcionarios do corpo de mestres afectados pola implantación da educación primaria e do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

Pola Orde do 18 de xuño de 1996 (DOG do 21) establécense os postos de traballo docentes dos centros de educación infantil, educación infantil e primaria e educación primaria, así como as vacantes do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria nos institutos de educación secundaria que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres.

Tendo en conta as modificacións introducidas na planificación educativa desta Comunidade Autónoma, cómpre adapta-los postos de traballo á nova estructura derivada da Rede de Centros.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Aproba-lo número de unidades e os postos de traballo docentes das escolas de educación infantil, colexios de educación infantil e primaria, colexios de educación primaria, colexios de educación especial, institutos de educación secundaria, colexios rurais agrupados e centros públicos inte

grados, que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres, que se publican nos anexos I, II, III, IV e V.

Segundo.-Os centros públicos integrados que se creen como resultado da transformación dun colexio de educación infantil e primaria ou de educación primaria, ou pola incorporación nel das unidades que se suprimen nun I.E.S., manterán o código e denominación específica do colexio.

Terceiro.-Naqueles centros nos que por mor das variacións introducidas na Rede de Centros, a situación do profesorado adscrito pola aplicación da Orde do 15 de maio de 1996, resulte modificada, procederase do seguinte xeito:

a) Onde se produza a fusión de dous ou máis centros en funcionamento situados no mesmo recinto escolar ou o suficientemente cercanos que permita unha organización conxunta da actividade docente para constituír un novo e único centro que utilice as antigas instalacións en parte ou na súa totalidade, procederase a unha nova adscrición dos profesores procedentes dos centros que se fusionan, que poderán optar voluntariamente ós postos de traballo que se orixinen no centro resultante, para os que deberán contar coa oportuna habilitación, de acordo coa seguinte orde de prioridades:

-Especialidade na que se adscribiu polo proceso regulado na Orde de 15 de maio de 1996 ou por concurso de traslados posterior.

-Maior antigüidade no IES ou colexio no que está adscrito.

-Maior número de anos de servicio como funcionario de carreira do corpo de mestres.

-Número de rexistro de persoal máis baixo.

-Número de lista inferior, se é o caso.

b) Cando se produza unha integración de unidades dun centro noutro ou noutros, o profesorado do centro que se integra poderá ocupa-los postos de traballo vacantes que existan ou se orixinen no centro receptor, caso de posuí-la correspondente habilitación, de acordo coas prioridades establecidas no apartado a) deste mesmo punto.

Unha vez realizados os procesos recollidos nas letras a) e b) deste punto, os postos de traballo que puidesen resultar vacantes serán ofertados ós profesores que, reunindo o requisito de habilitación, voluntariamente desexen ocupalos.

c) Os mestres definitivos en postos de educación infantil ou de educación primaria dos colexios de educación infantil e primaria ou de primaria que se transforman en centros públicos integrados, continuarán nos mesmos postos que viñan desempeñando. Os postos do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres, serán cubertos polos

mestres adscritos, a través do proceso regulado pola Orde do 15 de maio de 1996 ou, se é o caso, por concurso de traslados posterior, ás unidades que se integran procedentes dos respectivos I.E.S.

Cuarto.-Os mestres que non obteñan destino, voluntaria ou forzosamente, terán a condición de suprimidos, podendo optar polo dereito preferente ós centros de procedencia (centro anterior ó proceso de adscrición levado a cabo no 1996 ou centro ó que se adscribiu no dito proceso), localidades e zonas deles, ou ós centros, localidades ou zonas onde se escolaricen os alumnos do centro de procedencia, de se-lo caso.

Quinto.-O mestre que resulte adscrito ás prazas de profesor de apoio a alumnos con necesidades educativas especiais nos institutos de educación secundaria ou nos centros públicos integrados exercerán as súas funcións en toda a etapa da educación secundaria obrigatoria.

Disposición adicional

Ós mestres que obteñan destino en postos de traballo do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, en aplicación desta orde, computaráselle-la antigüidade con efectos do un de setembro de mil novecentos noventa e seis, agás que obtivesen destino por concurso de traslados.

Disposición transitoria

Os colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria que conten con unidades de educación permanente de adultos manterán en funcionamento as ditas unidades e os postos de traballo que teñen actualmente catalogados.

Disposición derrogatoria

Esta orde deixa sen efecto a Orde do 18 de xuño de 1996 (DOG do 21 de xuño), pola que se establecen os postos de traballo docentes de centros de educación infantil, educación infantil e primaria e educación primaria, así como as vacantes do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria nos institutos de educación secundaria que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Persoal e á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Esta orde entrará en vigor o 1 de setembro de 1998.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

8276