Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 09 de setembro de 1998 Páx. 10.079

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 1998 pola que se publica o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para 1998.

Aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 1998,

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 75 dos Estatutos da universidade, resolve publica-lo acordo do Consello Social de aprobación do orzamento para o ano 1998, así como as súas bases de execución.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 1998.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 1998

En virtude do disposto no artigo 54 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, e no artigo 152 dos Estatutos da universidade, pola presente

norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 1998, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de vinteún mil oitocentos setenta e seis millóns de pesetas.

1. Clasificación económica

Ingresos21.876.000.000

Capítulo III.-Prezos públicos e outros ingresos3.900.873.000
Capítulo IV.-Transferencias correntes13.870.502.000
Capítulo V.-Ingresos patrimoniais128.000.000
Capítulo VI.-Alleamento de investimentos reais175.000.000
Capítulo VII.-Transferencias de capital3.099.625.000
Capítulo VIII.-Variación activos financeiros702.000.000

Gastos21.876.000.000

Capítulo I.-Retribucións de persoal13.413.780.000
Capítulo II.-Gastos en bens correntes e servicios2.653.667.000
Capítulo III.-Gastos financeiros15.000.000
Capítulo IV.-Transferencias correntes567.573.000
Capítulo VI.-Investimentos reais4.923.980.000
Capítulo VIII.-Variación activos financeiros50.000.000
Capítulo IX.-Variación de pasivos financeiros252.000.000

2. Normas de execución do orzamento.

Dos gastos de persoal

Artigo 1º

1. As retribucións do persoal activo ó servicio da universidade quedan suxeitas ó que nesta materia dispón a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega. Os incrementos retributivos do persoal laboral deberán ser autorizados pola Comunidade Autónoma, segundo a Lei orzamentaria.

2. Os custos do persoal laboral eventual contratado para substituí-lo persoal funcionario ou laboral de administración e servicios serán financiados con cargo ós créditos dos correspondentes cadros de persoal.

3. Cando se produzan baixas definitivas nas escalas a extinguir dos cadros de persoal de administración e servicios funcionario ou laboral, procederase ó reaxuste dos cadros de persoal correspondente e, no próximo exercicio, dos créditos a eles asignados. O custo de persoal funcionario de administración e servicios minórase polo importe das prazas ocupadas por persoal laboral a extinguir e increméntase na mesma contía o cadro de persoal laboral.

4. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servicios financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán supera-los ingresos.

5. Non se poderán abrir partidas orzamentarias no capítulo primeiro para gastos de persoal vinculado a proxectos ou convenios de investigación.

6. Constitúese un fondo para ampliación e mellora de 331.680.000 pesetas na partida orzamentaria «8125 3000 12200 Ampliación e mellora», dos que 250 millóns corresponden a persoal docente e 81,68 millóns a persoal de administración e servicios.

7. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos destinados ó pagamento dos gastos de mérito docente, productividade investigadora, trienios e seguridade social.

8. Autorízase a incorporación dos remanentes do capítulo I polo importe das retribucións e demais gastos de persoal con dereito a percepción durante 1998 e que non foran liquidados no exercicio.

9. Autorízase na data de peche do exercicio efectua-las xeracións e ampliacións de crédito establecidas nos artigos anteriores.

10. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ó financiamento dos plans de formación do persoal de administración e servicios, así como os correspondentes á achega da universidade ó plan de pensións do persoal.

Dos créditos e as súas modificacións

Artigo 2º

1. Os créditos autorizados teñen carácter vinculante e limitativo en canto ó concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal terán carácter vinculante en canto a capítulo, agás o artigo 10 (persoal eventual) e o artigo 15 (gratificacións e productividade); investimentos reais, activos e pasivos financeiros terán carácter vinculante en canto a artigo. Os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante en canto a capítulo agás o concepto 212, que non poderá ser minorado, se ben mediante redistribución de créditos do capítulo II dos centros poderá ser incrementado, tras comunicarllo ó Servicio de Contabilidade e Presupostos.

2. Con carácter xeral terán carácter vinculante os créditos con financiamento específico, e, en canto a subconcepto, as subvencións nominativas.

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos autorizados no estado de gastos, e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

4. Os créditos asignados pola Xunta de Goberno e o Consello Social ás facultades, Escola Politécnica Superior e escolas universitarias terán por finalidade financia-los gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o funcionamento ordinario do centro.

5. Os créditos distribuídos ós departamentos teñen como primeiro obxectivo atende-los gastos derivados da investigación que se faga neles, e deberán financiar, ademais, outros gastos asociados ó seu funcionamento ordinario.

6. Non se poderá promover contratación de persoal ou nomeamento de bolseiros con cargo ós créditos dos departamentos.

7. As partidas orzamentarias do orzamento para 1998 preséntanse de acordo coas clasificacións económica, funcional e orgánica, sen establecer vinculacións xurídicas dentro da clasificación funcional.

8. Os créditos descentralizados correspondentes a:

-Arrendamentos.

-Reparación e conservación de maquinaria, instalacións e ferramenta.

-Auga.

-Enerxía eléctrica.

-Combustible de calefacción.

Distribúense segundo os seguintes criterios, redondeados a múltiplos de 1.000 por exceso:

a) Para os contratos de arrendamento e reparación e conservación, o importe consignado inicialmente para 1997 incrementado no 2,1%.

b) Para os correspondentes a auga, enerxía eléctrica e combustible de calefacción, o crédito consignado inicialmente en 1997 incrementado o crédito final nun 2,1%. Os créditos serán axustados en función dos novos contratos e das ampliacións dos centros e servicios, e do gasto real no ano 1997. Estes axustes serán financiados pola partida de imprevistos.

9. Os responsables de asuntos económicos deberán formaliza-la retención de crédito polo importe total dos créditos asignados nos puntos a) e b) do número anterior no prazo de quince días a partir da aprobación do orzamento polo Consello Social. Unha copia da retención seralle enviada ó Servicio de Control Interno.

No presente exercicio os responsables de asuntos económicos deberán, como no exercicio anterior, face-las retencións de crédito e sucesivos axustes dos gastos correspondentes ás nóminas de persoal investigador (investigadores, bolseiros, PAS...) conforme lle sexa comunicado polo CITT e o Vicerrectorado de Investigación. Desta retención deberanlle enviar copia ó Servicio de Contabilidade e Presupostos.

10. Os gastos de reparación e mantemento de edificios que sexan inferiores a 200.000 pesetas deberán financiarse con cargo ó crédito descentralizado ós centros para esa finalidade.

11. Autorízase o vicerrector de Asuntos Económicos a executa-los axustes de créditos que procedan como consecuencia das desviacións que se poidan producir entre o orzamento prorrogado e o orzamento que se aproba por esta resolución.

Artigo 3º

1. A Xunta de Centro e o Consello do Departamento teñen a obriga de aproba-la distribución anual dos seus créditos así como a súa execución.

Artigo 4º

1. A modificación dos créditos orzamentarios axustarase ó disposto no artigo 55 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, no artigo 156 dos Estatutos da Universidade de Santiago e normas que o desenvolven, e nas presentes bases.

2. O Consello Social delega na Xunta de Goberno a aprobación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios cando estes correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por outros entes públicos ou privados. O rector daralle conta ó Consello Social dos expedientes aprobados.

3. O rector poderá autoriza-las transferencias de crédito de gastos correntes a gastos de capital, sempre e cando:

a) O gasto corrente figure orzado no capítulo II.

b) O importe da transferencia non exceda a cantidade de 5 millóns de pesetas.

4. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade, os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzada, derivados das seguintes operacións:

a) Prestacións de servicios.

b) Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

5. Correspóndelle ó rector a aprobación dos expedientes de xeración de crédito.

Artigo 5º

1. O rector poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos, de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

2. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos que hai que xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servicio pendentes ó peche do exercicio, imputaranse ó exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ó non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 6º

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados a 31 de decembro correspondentes a infraestructura, proxectos e convenios de investigación, prácticas de campo, dotación artística, fondo de solidariedade e os créditos financiados con achegas específicas.

2. Só poderán ser obxecto de incorporación ó exercicio seguinte os créditos do capítulo IV financiados con recursos propios que respondan a compromisos efectivamente adquiridos. Para esta incorporación deberase xunta-la relación nominal de beneficiarios.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o rector, que lles dará conta á Xunta de Goberno e ó Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ó remanente xenérico de tesourería, será aprobado pola Xunta de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo rector, logo da remisión dos plans de investimento propostos polos órganos dos centros e departamentos.

6. Os remanentes de crédito de proxectos, convenios, cursos, infraestructuras e congresos existentes a 31-12-1998 e que se correspondan con actividades finalizadas con anterioridade ó 31-12-1997 serán anulados.

Da contratación administrativa

Artigo 7º

1. Serán de aplicación para o exercicio 1998 a Lei de contratos das administracións públicas e as dis

posicións que a desenvolvan, e o Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela aprobado pola Xunta de Goberno e o Consello Social.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servicio de Xestión Económica todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura de contrato.

3. Constitúese un fondo de dotación artística mediante redistribución dos créditos para obras do orzamento da universidade polo importe do 2% do custo de execución material dos proxectos de obras.

Disposición adicional

Artigo 8º

Autorízase a xerente da universidade a que dicte as instruccións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición derradeira

As presentes normas entrarán en vigor o día seguinte ó da aprobación definitiva do orzamento polo Consello Social, sen prexuízo de que a súa executividade se entenda a partir do 1 de xaneiro de 1998.

8095