Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 08 de setembro de 1998 Páx. 10.052

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo), que tivo

entrada nesta delegación provincial o día 21-7-1998, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de personal, en data 14-7-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de xullo de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo 1998 Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo)

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

O presente convenio colectivo formalízase conforme o Estatuto dos traballadores, co fin de fomenta-lo espírito de xustiza social, mellorando o nivel de vida dos traballadores e incrementando a súa productividade.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará a tódolos centros de traballo da empresa situados en Vigo.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do presente convenio é o da empresa Mosa-Vigo, nos seus centros de traballo mencionados e os que durante a súa vixencia se poidan abrir na provincia.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O presente convenio sindical afectará a todo o persoal da empresa Mosa-Vigo e dos centros comerciais dependentes dela. Non obstante, quedarán expresamente excluídos o director e subdirector de Mosa-Vigo, cos cales a xerencia negociará cada ano as condicións económicas que lles correspondan.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

A vixencia do presente convenio é para o período abranguido entre o 1 de xaneiro de 1998 e o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 6º.-Denuncia do convenio.

Calquera das partes poderá denuncia-lo convenio, con tres meses de antelación, como máximo, á súa data de caducidade, en escrito do que notificará a recepción a outra parte.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Queda constituída unha comisión paritaria de catro membros, dous representantes dos traballadores e dous da empresa, para interpreta-lo convenio e como órgano de arbitraxe, conciliación e vixilancia do cumprimento.

Artigo 8º.-Unidade de convenio.

O presente convenio aplicarase con exclusividade de calquera outro e constitúe un todo orgánico, único e indivisible, quedando as partes vinculadas ó cumprimento da súa totalidade, agás que as partes acordasen modificacións parciais.

Artigo 9º.-Condicións máis beneficiosas, garantía persoal.

O persoal que, con anterioridade ó presente convenio, estivese desfrutando de condicións máis vantaxosas cás que aquí se establecen globalmente, deberá conservalas.

Artigo 10º.-Compensación.

As condicións económicas e sociais pactadas no presente convenio, no seu cómputo global e anual, son compensables coas que anteriormente rexesen por imperativo legal, por mellora da empresa ou pacto de calquera clase.

Artigo 11º.-Non absorción de melloras.

Tódalas melloras que, por disposición legal, se establezan, non serán absorbidas polo presente convenio, no que excedan o nivel deste, considerado anual e globalmente. Si o serán na medida que non superen o dito nivel.

Artigo 12º.-Prelación de normas.

As normas contidas no presente convenio regularán as relacións entre a empresa e o seu persoal, con carácter supletorio; no non previsto neste convenio, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas laborais vixentes.

Artigo 13º.-Organización do traballo.

En todo o relativo á organización do traballo na empresa, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións laborais vixentes sobre a materia.

Artigo 14º.-Xornada de traballo e horario.

Agás nos meses de xuño, xullo e agosto, o persoal de administración, talleres e recambios, traballará a xornada partida común que se establece no cadro horario anexo I.

O calendario laboral será de 1.810 horas de traballo efectivo ó ano ou 40 horas semanais.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de 30 -trinta- días naturais para todo o persoal que leve un ano ou máis de permanencia na empresa.

A data de desfrute das vacacións será preferentemente na temporada estival, estándose en desacordo co previsto na lei.

As vacacións desfrutaranse ininterrompidamente, agás pacto en contrario.

Artigo 16º.-Prestacións económicas en caso de enfermidade ou accidente.

En caso de baixa por enfermidade ou accidente, debidamente xustificada, a empresa completará as

prestacións económicas ata o importe íntegro do soldo empresa (soldo convenio, mellora da empresa, antigüidade e primas fixas). Exclúense os incentivos por quedar regulados por acordo á parte entre empresa e traballadores.

Non obstante, sempre que as causas da non asistencia ó traballo sexan por enfermidade de duración superior a un mes, aboaráselle á persoa afectada un 40% dos incentivos percibidos no mes anterior. Así mesmo, en caso de accidente laboral, aboaráselle ó persoal de talleres, recambios e administración o 75% dos incentivos do mes anterior.

Artigo 17º.-Productividade.

O persoal afectado polo presente convenio porá o máximo interese e boa vontade na prestación do seu traballo para que a súa productividade permita compensa-las retribucións económicas e prestacións sociais pactadas no presente convenio.

Artigo 18º.-Salarios.

Os salarios vixentes serán os recollidos nas táboas adxuntas do anexo II, para cada categoría. Os ditos salarios para o presente ano incrementaranse nun 2,3% nos conceptos seguintes: salario base, mellora voluntaria e plus de transporte. Incrementarase a mellora voluntaria linealmente en 450 ptas. que corresponden ó 0,3% da masa salarial (salario base, antigüidade, plus de transporte, mellora voluntaria e plus tóxico). Os ditos salarios entrarán en vigor desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 19º.-Antigüidade.

Os premios por antigüidade consistirán en cuadrienios ó 5% sobre o soldo convenio.

Para o cómputo do premio de antigüidade consideraranse a data inicial, a de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría en que se realizase e conservarase en caso de ascenso.

Os cuadrienios por antigüidade iranse computando durante a vida do productor, e consideraranse tempo hábil para estes efectos a aprendizaxe e o aspirantado, percibíndoo mesmo aprendices, aspirantes, auxiliares de caixa, persoal de limpeza, etc. sempre que reúnan catro anos ó servicio da empresa.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a percibir catro pagas extraordinarias, dunha mensualidade cada unha delas, a salario real, en cada un dos meses seguintes: marzo, xullo, outubro e decembro (Nadal). As pagas de marzo e outubro deben ser aboadas non despois do 15 dos ditos meses e a extraordinaria de Nadal non despois do 20 do mes de decembro.

Artigo 21º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse polo disposto na lexislación laboral vixente, coas modificacións que a seguir se expoñen:

-En caso de matrimonio do traballador, 15 días naturais.

-En caso de parto da esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos, 5 días naturais.

-En caso de traslado de domicilio habitual, 2 días naturais.

-En caso de falecemento de pais, netos, avós ou irmáns, 3 días naturais.

Para os permisos non especificados no parágrafo anterior, os traballadores terán dereito a permisos retribuídos conforme o estipulado nos artigos 22 e 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Excedencias.

En materia de excedencias observarase o preceptuado no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Prestacións sociais.

A) Dote matrimonial: as mulleres traballadoras que se rixan polo presente convenio, e que no sucesivo cesasen voluntariamente de presta-los seus servicios, con motivo de contraer matrimonio, terán dereito a un dote de tantas mensualidades de soldo convenio e maila antigüidade, se é o caso, como de anos de servicio prestasen á empresa, sen que poidan exceder de oito mensualidades. No caso de fracción anual computarase o exceso proporcional. A empresa poderá esixi-la exhibición do certificado de matrimonio previamente ó aboamento deste concepto.

B) Premios de natalidade e nupcialidade: ó persoal da empresa concederánselle os seguintes premios nos casos que se citan a seguir:

a) Ó contraer matrimonio: dez mil pesetas (10.000 ptas.).

b) Polo nacemento de cada fillo, doce mil pesetas (12.000 ptas.).

A empresa poderá esixir certificación acreditativa polo feito que orixine as percepcións mencionadas.

C) Axuda por defunción: en caso de falecemento do traballador, a empresa aboaralle á persoa que aquel designase como beneficiario, mediante escrito á dirección desta, unha mensualidade por cada ano de servicio na empresa, cun máximo de seis mensualidades.

En defecto de designación expresa, o citado dereito atribuiráselle ó cónxuxe supervivente ou persoa que con el conviva ou ós que sexan declarados herdeiros legais do causante.

D) Fondo de estudios: a empresa, logo de relación presentada polo comité de empresa, ou outra comisión designada para o efecto, aboará 7.979 ptas. (sete mil novecentas setenta e nove pesetas) en concepto de axuda escolar por cada fillo dos traballadores abranguidos en idade escolar entre os 4 e 16 anos. Esta cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador ou dos seus fillos abranguidos na idade citada. A empresa aboará a dita cantidade no mes de outubro, con criterio fundamentalmente social.

E) Seguro de vida: a empresa seguirá mantendo en vigor o seguro de vida, para casos de morte ou invalidez, que concertou coa compañía aseguradora La Sud América, en beneficio do seu persoal.

O seguro de vida manterase ata que o traballador alcance a idade de 65 anos, ou ata que cause baixa por incapacidade permanente total.

F) Axuda para subnormalidade: a aqueles productores que teñan descendentes subnormais, de calquera cualificación, que deles dependan, aboaránselles seis mil pesetas (6.000 ptas.) mensuais, por cada un, logo de xustificación por INSS.

G) Fondo de anticipos: mantense o fondo de anticipos reintegrables ata a suma dun millón cincocentas mil pesetas (1.500.000 ptas.) destinado a atender necesidades económicas urxentes e graves do persoal do cadro de Mosa-Vigo.

O dito fondo de anticipos poderá solicitarse, como máximo, por unha contía equivalente a catro mensualidades de salario do solicitante. O reintegro verificarase por deduccións periódicas en nómina e por un tempo máximo dun ano, fraccionado mes a mes. Non poderá solicitar un novo préstamo o traballador que teña pendente de amortizar outro anterior, ata a súa total cancelación. O comité de empresa de Mosa-Vigo é o encargado de conceder, denegar ou diminuí-los préstamos solicitados, á vista das peticións habidas e da súa importancia e urxencia, comprobando previamente a existencia de anticipos anteriores e fondos existentes. A solicitude de préstamos á caixa de anticipos realizarase mediante carta dirixida á dirección, coa aprobación do comité de empresa e xunto cos documentos que acrediten a súa urxencia e necesidade.

H) Gastos de locomoción: establécese en nove mil cincocentas catorce pesetas (9.514 ptas.) a axuda para locomoción, que se percibirá durante tódolos meses do ano, excepto o correspondente a vacacións. En caso de enfermidade xustificada polo INSS non se perde o dereito a esta axuda por locomoción.

I) Traballos tóxicos, penosos e perigosos: ó persoal das seccións de camións, chapa, pintura e turismos, que efectúe traballos tóxicos, penosos e/ou perigosos incrementaráselle o seu salario base nun 20%. Se concorren dous traballos da mesma natureza expresada, o incremento do salario sería do 25% e do 30% se fosen tres ou máis.

J) Roupa de traballo: o persoal productivo de talleres e recambios, o mesmo que vén recibindo na actualidade, terá dereito a que a empresa o provexa de tres pezas de roupa e dúas toallas ó ano. No caso de que por razóns excepcionais unha peza de roupa sexa inservible será reposta pola empresa e o comité de seguridade e a dirección estudiarán o caso individualmente. As pezas novas anuais serán entregadas nos meses de xaneiro, maio e setembro.

K) Seguridade e hixiene: a empresa velará polo cumprimento das normas de seguridade e hixiene,

reguladas pola correspondente ordenanza laboral. Para tal efecto constituirase un comité integrado por tres traballadores e presidido polo director ou persoa a quen el designe, por un asesor nomeado pola empresa.

L) Recoñecemento médico: os traballadores terán dereito a un recoñecemento médico ó ano, nos centros sanitarios que a empresa determina e con preferencia no ISH de Rande.

M) Traballadores diminuídos: os traballadores afectados de incapacidade diminuída, logo de certificación médica, poderán ser aplicados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándose o salario que tivesen acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que, por convenio, pactos, etc. experimentase no sucesivo, a categoría que tivese no momento de producirse o feito determinante da diminución da súa capacidade.

A asignación destes postos será realizada de común acordo entre a dirección e o comité de empresa. A incapacidade certificada polos servicios médicos da Seguridade Social, debe conformala o médico de empresa.

N) Nas vacacións, ó persoal productivo de taller aboaráselle a media dos tres últimos meses dos incentivos.

Artigo 24º.-Xubilación.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador 65 anos de idade, coas dúas únicas seguintes excepcións:

a) Se ó cumpri-los 65 anos non lle correspondese na Seguridade Social o 100 por 100 de porcentaxe, poderá continuar traballando polo tempo necesario, para completa-lo dereito á seguinte porcentaxe maior á que lle correspondería ó cumpri-los 65 anos. En ningún caso o dito período poderá ser superior a un ano.

b) No caso de que lle faltase tempo de carencia para adquirir dereito á prestación de xubilación na Seguridade Social, poderá continuar na empresa ata completalo.

No momento da baixa na empresa por xubilación aboarase a cantidade de 1.300.000 pesetas ou 1.000.000 de pesetas se a baixa se produce por recoñecemento oficial de incapacidade permanente total.

Artigo 25º.-Sala de reunións.

A empresa facilitará unha sala destinada ás reunións do comité de empresa, conforme a lexislación vixente.

Artigo 26º.-Aprendices maiores de 18 anos.

Contratos de aprendizaxe:

1º ano70%

2º ano80%

3º ano90%

Esta porcentaxe será aplicada sobre o salario convenio da categoría laboral do posto que desempeñe o traballador en prácticas.

Artigo 27º.-Dereitos sindicais.

Os dereitos sindicais serán os que dispoñan as leis vixentes en cada momento.

Artigo 28º.-Disposición derradeira. Cumprimento do convenio.

Se algunha das partes incumpre o acordado no presente convenio, a outra parte ten dereito a denuncialo, total ou parcialmente, ante a autoridade competente, agás que haxa pacto en contrario por modificacións parciais.

Artigo 29º.-Partes asinantes.

Asinan o presente convenio, pola parte social, os membros do comité de empresa: Enrique Román Romero, e pola parte empresarial, Manuel Fafián Alonso (director-xerente) e Jesús Prieto Bueno (apoderado).

ANEXO I

CADRO HORARIO

A) Departamento comercial.

a) De luns a venres:

De mañá: de 9 a 13.16 horas.

De tarde: de 16 a 19.20 horas.

b) O sábado:

Só de mañá: de 9 a 13 horas, librando un sábado de cada dous.

B) Departamento de administración: talleres e recambios.

a) De luns a venres (excepto no verán):

De mañá: de 8 a 13 horas.

De tarde: de 15.30 a 18.30 horas.

b) Verán (meses de xuño, xullo e agosto):

Xornada continuada de 7 a 15 horas e igualmente de luns a venres.

c) Quenda para a mañá dos sábados: establécese unha quenda dun administrativo e un dependente de recambios, para a mañá dos sábados, que será cuberta polo persoal afectado, mediante compensación en tempo ou en metálico.

d) Quenda para as tardes do verán: para atende-las necesidades dos servicios de administración e recambios, establécese unha quenda dun administrativo e un dependente, que farán a xornada partida.

ANEXO II

TÁBOA DE SALARIOS 1998

Grupo I

Enxeñeiros e licenciados: 126.828.

Axudantes técnicos: 115.627.

Grupo II

Xefe de sección: 107.268.

Viaxantes: 102.357.

Dependente de 25 anos: 101.151.

Dependentes de 22 a 25 anos: 97.358.

Axudantes dependente: 95.120.

Grupo II

Xefe administrativo: 120.108.

Xefe de sección administrativo: 109.252.

Contable e caixeiro: 104.599.

Oficial administrativo: 101.152.

Auxiliar administrativo: 95.293.

Grupo IV

Profesional de oficio de 1ª: 96.842.

Profesional de oficio de 2ª: 95.636.

Profesional de oficio de 3ª: 95.120.

Mozo e mozo especializado: 95.120.

Grupo V

Vixilante, sereno: 95.120.

ANEXO III

Este convenio queda automaticamente denunciado no momento da súa presentación na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

7380