O xefe do Servicio de Desenvolvemento Rural de Pontevedra pon en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Prado e Godóns (Covelo-Pontevedra), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 305/1995, do 16 de novembro (DOG nº. 228, do 28 de novembro), que a xunta local da zona, na súa reunión do 14 de xullo de 1998, aprobou as bases definitivas de concentración. As mencionadas bases estarán expostas ó público no local da Casa do Concello de Covelo e nos lugares de costume da zona durante un prazo de trinta días, contados a partir do seguinte a aquel en que sexa publicado o último dos avisos que corresponde facer no Diario Oficial de Galicia, no BOP, no xornal de máis circulación da zona e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, de conformidade co que determina a Lei de concentración parcelaria para Galicia (artigo 36).
Os documentos que se poden examinar refírense á determinación do perímetro (colección de planos cos predios incluídos e excluídos e relación destes), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes, que servirán de base para face-las compensacións que sexan necesarias, e á determinación dos propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas das que se declara formalmente a titularidade.
Contra estas bases, os interesados poden interpoñer, por si mesmos ou por representación, recurso de alzada ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro dos trinta días sinalados. Os recursos pódense presentar no rexistro da Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria sito na rúa Benito Corbal, 47, 4º, de Pontevedra, no rexistro xeral da consellería sito no edificio administrativo de San Caetano, s/n., de Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No escrito de recurso deberán expresar un domicilio dentro do termo municipal para facérlle-las notificacións que procedan e, se é o caso, a persoa residente nel a quen teñan que facérselle as notificacións.
Pontevedra, 15 de xullo de 1998.
Miguel Ángel Pérez Dubois
Xefe do Servicio de Desenvolvemento Rural
Visto e prace
José Manuel Gabeiras Vérez
Delegado provincial de Pontevedra
7766