Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 28 de agosto de 1998 Páx. 9.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 245/1998, do 30 de xullo, polo que se aproba a modificación dos estatutos da Universidade da Coruña.

O artigo 12.1º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, da reforma universitaria, establece o procedemento de elaboración e de entrada en vigor dos estatutos da universidade, no que determina que as universidades elaborarán os seus estatutos e, no caso de axustarse ó establecido nesa lei orgánica, serán aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma correspondente.

A Universidade da Coruña presentou perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o seu proxecto de novos estatutos, aprobado polo seu claustro universitario reunido en sesión extraordinaria os días 15 e 16 de xuño de 1998, e que modifica parcialmente os estatutos da universidade, aprobados mediante Decreto 253/1992, do 10 de setembro, nos artigos que figuran no anexo deste decreto.

Atendendo á reiterada doutrina xurisprudencial nesta materia, que establece que do artigo 12.1º da citada lei orgánica se infire que o Consello de Goberno da Comunidade Autónoma correspondente ten competencia para exerce-lo control da legalidade dos estatutos da universidade sometidas á súa aprobación e que esta actuación da Administración autonómica non vulnera o principio de autonomía universitaria, coñecido o seu texto, ponse de manifesto a necesidade de adecuar varios dos artigos ó disposto na citada lei orgánica e nas súas normas de desenvolvemento, coa finalidade de evitar posibles dúbidas interpretativas na súa aplicación, sen incidir na vontade universitaria expresada no devandito acordo de aprobación estatutaria.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a modificación dos estatutos da Universidade da Coruña, coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Artigo 2º

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Artigos do Estatuto da Universidade da Coruña, aprobado mediante Decreto 253/1992, do 10 de setembro de 1992, que resultan modificados:

Artigo 51.2.t).

Dirimi-los conflictos que puidesen formularse entre centros, departamentos e áreas de coñecemento, logo do informe da Comisión de Garantías, impulsa-la súa actividade recoñecida estatutariamente e suplila, de acordo coas disposicións legais vixentes cando, tralo requirimento, se deixe de realizar sen a correspondente xustificación.

Artigo 56.

1. A xunta de centro estará composta por:

a) O decano ou director, que a presidirá e convocará.

b) Os vicedecanos ou subdirectores e o secretario, que o será tamén da xunta.

c) Tódolos profesores e axudantes. Os que impartisen docencia en máis dun centro serán membros da xunta do centro no que desenvolvan maioritariamente a súa actividade docente.

d) Unha representación dos estudiantes nunha proporción do 33 por cento dos membros da xunta, correspondente un 31 por cento ó primeiro e segundo ciclo e un 2 por cento ó terceiro ciclo.

e) Unha representación do persoal de administración e servicios nunha proporción do 10 por cento dos membros da xunta.

2. Os profesores que impartisen docencia no centro e non formasen parte da xunta, así como os profesores visitantes, poderán asistir ás reunións con voz pero sen voto.

3. No caso de centros en que existisen profesores asociados de ciencias da saúde, a representación destes non poderá supera-lo 30 por cento do total dos profesores da xunta.

4. A xunta de facultade ou escola reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ó trimestre e con carácter extraordinario de acordo co que dispuxese o regulamento de réxime interno do centro.

5. Os representantes na xunta de centro serán elixidos para un período de dous anos.

Artigo 59.

1. O Consello de Departamento estará composto por:

a) Os catedráticos e profesores titulares, profesores asociados e profesores eméritos integrados nel.

b) Os axudantes do departamento.

c) Un representante dos bolseiros de investigación e investigadores integrados no departamento.

d) Unha representación dos estudiantes do ámbito da docencia do departamento que suporá un 33 por cento do total dos membros do consello. Deles, dous tercios serán de primeiro e segundo ciclo e un tercio de terceiro ciclo. Asegurarase, no caso de estudiantes de primeiro e segundo ciclos, a presencia de, cando menos, un representante de cada centro no que o departamento impartise docencia.

e) Un representante do persoal de administración e servicios adscrito ó departamento.

f) Un representante dos lectores integrados no departamento.

2. No caso de departamentos en que existan profesores asociados de ciencias da saúde, a representación destes non poderá supera-lo 30 por cento do total de profesores.

3. De o propor o propio Consello de Departamento, tódolos profesores, investigadores e estudiantes que puidesen resultar afectados polos asuntos que se vaian a tratar, poderán ser convidados, con voz pero sen voto, ás reunións.

4. O Consello de Departamento reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez por trimestre e en sesión extraordinaria de acordo co establecido no regulamento de réxime interno.

5. Os representantes no Consello de Departamento serán elixidos para un período de dous anos.

Artigo 65.1.h).

Nomea-los vicerrectores, o secretario xeral e o xerente e, de estima-lo necesario, adxuntos ós vicerrectores e ó secretario xeral para auxilia-los no seu labor de goberno universitario.

Artigo 67.

1. O secretario xeral é o fedatario dos órganos colexiados de goberno de que formase parte e das actuacións en que estivese presente como tal.

2. Será nomeado polo rector de entre os profesores da Universidade da Coruña.

3. Cesará no seu cargo por pedimento, por causa legal sobrevida ou por decisión do rector.

4. Para auxilia-lo secretario xeral existirá un vicesecretario xeral, que será designado libremente entre funcionarios públicos.

Artigo 70.

1. O rector poderá nomear, nos termos previstos na normativa vixente, un ou máis vicexerentes entre os funcionarios das escalas de técnicos de xestión ou de xestión con destino definitivo na Universidade da Coruña ou entre funcionarios alleos a ela de acreditada experiencia administrativa.

2. O vicexerente ou vicexerentes auxiliará o xerente e substituirano nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

3. O rector deberá nomear un vicexerente para o Campus de Ferrol, que terá as funcións que lle asigna o rector.

Artigo 92.

1. O profesorado da Universidade da Coruña estará constituído por:

a) Funcionarios docentes dos corpos legalmente establecidos.

b) O profesorado contratado das distintas categorías previstas legalmente ou aquelas que estableza a Universidade da Coruña en virtude da súa autonomía, conforme as disposicións legais vixentes.

2. O profesorado da Universidade da Coruña rexerase pola Lei de reforma universitaria e as súas disposicións de desenvolvemento, pola restante lexislación estatal que resultase aplicable, se é o caso, polas disposicións de desenvolvemento desta que dicte a Comunidade Autónoma de Galicia e mais polos presentes estatutos.

3. A Universidade da Coruña, en virtude da súa autonomía, poderá establecer categorías de profesorado contratado a tempo completo que se rexerán polas normas que regulamentariamente establecese o claustro, oída a xunta de persoal docente e investigador desta universidade, garantindo períodos amplos de contratación e tendendo a establecer unha equiparación salarial cos profesores funcionarios de universidade.

Artigo 95.3.b).

A determinación das prazas vacantes ou de nova creación que se convocasen a concurso corresponderá á xunta de goberno, por proposta do departamento correspondente, por iniciativa del ou dalgún dos seus membros, da área de coñecemento, do centro ou do instituto interesados. Así mesmo, corresponderá á xunta de goberno, co informe previo do departamento afectado e do centro correspondente, a adopción de acordo sobre se a praza debe ser provista mediante concurso de méritos.

Artigo 100.

1. A Universidade da Coruña poderá contratar lectores como parte do persoal dos departamentos nas áreas de coñecemento de linguas modernas ou estranxeiras. En calquera caso, a titulación dos lectores contratados será equivalente ó titulo de licenciado.

2. Os lectores serán asimilados ós profesores asociados para efectos económicos. As súas obrigas docentes virán fixadas nos respectivos contratos.

3. A Universidade da Coruña poderá determinar que a contratación de lectores se estableza mediante convenios de intercambio con universidades estranxeiras ou por aplicación de convenios exis

tentes con organismos oficiais e institucións doutros países, de xeito que se favoreza a incorporación de titulados propostos pola Universidade da Coruña a outras universidades.

TÍTULO III

Capítulo IV

Artigo 106.

1. O persoal de administración e servicios dependerá organicamente da xerencia da universidade e funcionalmente da secretaría xeral, vicerrectorados, decanos e directores de centros, de departamentos, de servicios ou de entes a que estea adscrito.

2. Sen prexuízo das funcións que correspondan ó Consello Social, determinaranse regulamentariamente e de acordo coa normativa vixente que corresponda en cada caso os sistemas que permitan unha avaliación obxectiva do rendemento do persoal de administración e servicios para os efectos da correspondente retribución por productividade.

3. A organización da administración da universidade contará, como mínimo, coa seguinte estructura: a) Servicios centrais, b) Servicios dos centros da universidade, c) Servicios dos departamentos, d) Outros órganos, entes ou servicios universitarios.

Os servicios estructúranse nas seccións correspondentes; estas, á súa vez, en negociados ou naquelas unidades administrativas que se precisasen.

Nos centros docentes universitarios existirá unha administración, coa categoría de sección, á fronte da cal estará un xefe de administración que executará ás decisións dos órganos do centro en materia da súa correspondencia.

4. O claustro elaborará os criterios xerais para a fixación dos perfís da prazas e postos de traballo.

5. As relacións de postos de traballo da Universidade da Coruña revisaranse e aprobaranse preceptivamente cada dous anos e de modo potestativo cada ano.

Artigo 107.

1. Por proposta da xerencia, trala consulta preceptiva á xunta de persoal, a xunta de goberno establecerá a relación de postos de traballo do persoal funcionario, que se remitirá ó Consello Social para a súa aprobación.

2. A relación de postos de traballo do persoal de administración e servicios funcionario é o instrumento técnico a través do que se realiza a ordenación de persoal, de acordo coas necesidades dos servicios, e incluirá como mínimo:

a) A unidade á que están adscritos os postos de traballo.

b) A denominación e características esenciais de cada posto.

c) Os requisitos esixidos para o seu desempeño.

d) Os niveis e complementos legalmente previstos.

3. A xunta de goberno, trala consulta preceptiva á xunta de persoal, poderá acorda-la creación, modificación e supresión das prazas que se precisen para a adecuada atención dos servicios, o cal se reflectirá na relación de postos de traballo existente, consonte o procedemento previsto legalmente.

Artigo 108.

1. Como consecuencia do seu réxime de autonomía e de conformidade co disposto na lei, a universidade seleccionará o seu propio persoal de administración e servicios funcionario, de acordo cos principios de igualdade, publicidade, capacidade e méritos e garantindo a efectividade do dereito de promoción interna dos funcionarios.

2. A selección do persoal funcionario de administración e servicios, que se levará a cabo a través dos sistemas de concurso, oposición ou concurso-oposición, rexerase pola normativa que aprobe a xunta de goberno, trala consulta preceptiva á xunta de persoal.

3. A selección do persoal que deba ocupar postos de xefatura ou nivel superior ó básico do corpo ou escala, realizarase mediante un concurso de méritos entre o persoal funcionario da universidade ou, excepcionalmente, mediante libre designación con convocatoria pública naquelas prazas que así se recollan na relación de postos de traballo.

4. Para os efectos do concurso consideraranse méritos preferentes, conforme regulamentariamente se determinasen, a avaliación do traballo desenvolvido nos anteriores postos, os cursos, o coñecemento da lingua galega, a titulación e a antigüidade.

Artigo 110.

Dentro do marco da súa propia oferta de emprego público, a Universidade da Coruña poderá elaborar plans de emprego referidos ó seu persoal funcionario de administración e servicios, logo de negociación coa xunta de persoal, que conterán de maneira conxunta as actuacións que haberá que desenvolver para a óptima utilización dos recursos humanos no ámbito a que afecten, de acordo co disposto na lexislación vixente.

As convocatorias, que se farán públicas polas canles adecuadas, referiranse ós requisitos que deberán reuni-los aspirantes como procedemento de selección e cualificación, ós exercicios concretos, ó programa de materias esixible, á composición dos tribunais ou comisións encargadas de xulgaren as probas, ós recursos contra as actuacións e ás resolucións dos tribunais e mais ó procedemento de nomeamento dos que superasen as probas.

Artigo 111.

1. O persoal laboral negociará coa Universidade da Coruña o seu propio convenio colectivo, que conterá as súas condicións de traballo segundo a lexislación vixente e os presentes estatutos.

2. A xunta de goberno establecerá a relación de postos de traballo de persoal laboral, elaborado de acordo co seu propio convenio colectivo e coa lexislación vixente.

3. O sistema de selección e promoción do persoal laboral de administración e servicios, que deberá axustarse á modalidade de concurso, oposición ou concurso-oposición, será aprobado pola xunta de goberno de acordo co establecido no seu propio convenio colectivo e a lexislación vixente.

4. A Universidade da Coruña poderá formalizar contratos temporais para a substitución do persoal en caso de baixa xustificada ou de excedencia e por razóns de urxencia, así como para a realización de traballos específicos non habituais, de conformidade co seu propio convenio e coa lexislación vixente.

Artigo 113.

1. A Universidade da Coruña elaborará un plan integral de formación do persoal que conterá as materias correspondentes ós coñecementos necesarios para o desenvolvemento dos diferentes postos de traballo das relacións correspondentes. Para isto, poderá establece-los convenios oportunos coa Escola Galega de Administración Pública e con outros institutos ou centros de formación da universidade ou doutros organismos, para promoción interna e formación profesional dos funcionarios e laborais da Administración universitaria.

2. Así mesmo, promoverase a participación do persoal de administración e servicios en cursos de perfeccionamento e especialización organizados por outros entes públicos ou privados, cando resultase de interese para a mellor realización das súas funcións na universidade. A concesión das licencias correspondentes para asistencia a eses cursos será competencia da xerencia da universidade, que deberá ter en conta as necesidades do servicio e a seguridade do seu regular funcionamento.

TÍTULO V

Capítulo I

Artigo 155.

1. A investigación recoñécese como un dereito e un deber de tódolos profesores como obxectivo propio, para a mellora da calidade do ensino e para a iniciación dos estudiantes na problemática científica, tecnolóxica e artística do momento.

2. O exercicio da liberdade de investigación farase compatible cos programas de investigación propostos na propia universidade e cos medios materiais e financeiros de que dispoña.

3. Os proxectos de investigación deberán cumprir en tódolos seus extremos co disposto no vixente ordenamento xurídico sobre medio ambiente e protección de animais utilizados para a experimentación e para outros fins científicos.

4. A Universidade da Coruña fomentará o perfeccionamento dos seus membros en centros de investigación acreditados de España e doutros países e mais velará para que as ausencias por este motivo non prexudiquen a carreira universitaria dos interesados nin provoquen unha diminución na capacidade docente do departamento.

5. Nos termos legalmente previstos, corresponde á universidade a titularidade das invencións realizadas polo profesor como consecuencia da súa función de investigación na universidade e que pertenzan ó ámbito das súas funcións docente e investigadora, sen prexuízo do establecido no artigo 11 da Lei de reforma universitaria. De acordo cos principios e normas vixentes, a xunta de goberno determinará a participación da universidade e dos profesores nos beneficios que se obteñan das citadas invencións.

TÍTULO VI

Capítulo I

Artigo 170.

1. Á fronte de cada servicio existirá un director, o nomeamento do cal ou o cesamento corresponde ó rector, oída a xunta de goberno.

2. A dirección de calquera dos servicios será incompatible co exercicio de cargos unipersoais de goberno e coa dirección dalgún outro servicio da universidade.

Artigo 171.

1. Cada servicio da universidade terá un regulamento de funcionamento, aprobado pola xunta de goberno, no que se especificará a dependencia deste. Nestes regulamentos, se a natureza do servicio o require, deberase recolle-la constitución dunha comisión de usuarios.

2. Cada servicio da universidade poderá ter un orzamento anual que comprenda a totalidade dos ingresos e gastos previstos para cada exercicio, que estará incluído no orzamento ordinario da Universidade da Coruña.

Artigo 172.

1. A Universidade da Coruña determinará o óptimo uso dos equipamentos de elevado custo infrautilizados, transformándoos, trala audiencia dos seus responsables e motivadamente, en servicios de apoio á docencia e á investigación.

2. Os servicios de apoio á docencia e á investigación son elementos básicos de acción da Universidade da Coruña nos campos da docencia e da investigación e terán un carácter preferente no que respecta ó seu financiamento e mantemento.

TÍTULO VI

Capítulo II

Dos servicios en particular

Artigo 173.

1. A biblioteca universitaria é unha unidade funcional de apoio ó estudio, á docencia e á investigación, na cal se organizan, procesan, custodian e se poñen ó dispor dos usuarios tódolos fondos documentais da universidade.

2. A biblioteca universitaria está integrada por tódolos fondos documentais (manuscritos, impresos, audiovisuais ou calquera outro soporte) adquiridos polos diferentes organismos universitarios, calquera que fose o concepto orzamentario con que se tivese adquirido, polos procedementos de legados, doazóns e intercambio e mais polos adquiridos en favor da universidade por outros organismos. Tamén estará integrado na biblioteca o relativo á teledocumentación.

3. A biblioteca universitaria, sen perde-lo seu carácter de unidade funcional, estructurarase de acordo con criterios de territorialidade ou especialización das coleccións e/ou servicios, estando constituída por: a biblioteca xeral, as bibliotecas de centros ou, se é o caso, de intercentros e mailas bibliotecas de institutos universitarios e doutros servicios universitarios.

4. A dirección de cada biblioteca corresponderá a un funcionario da escala de facultativos ou de axudantes de arquivos e bibliotecas. Constituirase unha comisión da biblioteca universitaria e comisións de bibliotecas de centros, intercambios, institutos universitarios e doutros servicios. A súa composición e funcións especificaranse no regulamento da biblioteca universitaria que, en calquera caso, terá que garanti-la participación de tódolos sectores da comunidade universitaria.

Artigo 174.

1. O arquivo universitario constitúe por si mesmo unha unidade funcional de apoio á docencia e á investigación. Estará constituído pola documentación producida pola universidade desde a súa fundación, así como os fondos documentais non universitarios, adquiridos, doados ou confiados en depósito á universidade.

Ten ademais a función de arquivo de xestión e, como tal, presta servicio nos labores administrativos.

2. O arquivo universitario ten como función conservar, ordenar, clasificar e facilita-la consulta e a utilización da documentación de acordo coas disposicións legais vixentes.

Artigo 175.

1. O persoal da biblioteca universitaria e do arquivo universitario estará constituído por funcionarios pertencentes ós corpos facultativos de arquivos e bibliotecas, axudantes de arquivos, bibliotecas e museos e mais da escala de auxiliares de arquivos,

bibliotecas e museos da Universidade da Coruña. A biblioteca contará, ademais, con persoal administrativo, auxiliar, subalterno e laboral.

2. Os directores da biblioteca universitaria e do arquivo universitario serán nomeados entre os funcionarios do corpo facultativo de arquivos e bibliotecas que prestasen servicios na Universidade da Coruña. Estarán baixo a dependencia directa do rector, que poderá delegar nun vicerrector ou no secretario xeral, correspondéndolle a representación da biblioteca ou do arquivo, así como a súa xestión e coordinación técnica.

Artigo 176.

1. O servicio de medios audiovisuais da universidade terá a misión de estimula-la introducción das modernas tecnoloxías audiovisuais na docencia e na investigación, así como a de potencia-la producción e difusión de documentos didácticos, educativos e culturais.

2. Ocuparase tamén da preparación de documentación audiovisual para proxección externa da universidade.

3. O servicio de medios audiovisuais custodiará e ordenará os fondos audiovisuais da universidade, sen prexuízo dunha posible sección desta índole no arquivo universitario.

4. A comisión de usuarios do servicio de medios audiovisuais deberá estar composta por membros representativos de tódolos centros universitarios, sendo as súas funcións as que dispuxese o correspondente regulamento do servicio.

Artigo 177.

Os Servicios Informáticos de Xestión teñen como fins inmediatos facilita-lo soporte axeitado para o acceso, almacenamento e proceso automático de datos para apoio da xestión administrativa universitaria.

Artigo 178.

1. O Servicio de Publicacións terá como función básica a publicación de traballos de investigación e de creación cultural dos membros da comunidade universitaria, así como de textos de apoio á docencia e mais á xestión, venda, distribución e intercambio de libros e revistas de carácter universitario.

2. O Servicio de Publicacións tratará por tódolos medios de que os membros da comunidade universitaria da Coruña poidan levar a cabo as súas publicacións nas mellores condicións posibles sen discriminacións.

En ningún caso se poderá, valéndose do Servicio de Publicacións ou por medio del, realizar publicacións ou operacións con fins de lucro que se afasten da normativa establecida polo devandito servicio.

3. O regulamento do Servicio de Publicacións establecerá a constitución, composición e funcións dun

ha comisión de publicacións, que será presidida polo rector ou vicerrector en que delegase.

En calquera caso, será competencia da comisión o establecemento da política editorial que conveña seguir.

4. Se é o caso, a imprenta universitaria terá como función a elaboración dos impresos e formularios da universidade e maila impresión dos libros e revistas que lle encargue o Servicio de Publicacións.

Artigo 179.

1. Os Servicios de Apoio á Investigación integrarán unidades e servicios especializados de instrumentación e de achega de materiais básicos para determina-las investigacións científicas, técnicas ou humanísticas, podendo prestar este servicio a outros organismos públicos ou privados conforme se indique no regulamento de servicio. Un dos membros do persoal adscrito funcionalmente a cada unha das unidades actuará como o seu coordinador técnico baixo a dependencia do director do servicio.

2. Como apoio á investigación existirá un servicio informático.

3. A Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) é o organismo que articula a relación da universidade co seu contorno social e industrial, desde o punto de vista dos procesos e resultados de investigación.

Artigo 180.

O Servicio de Relacións Internacionais coidará da participación da Universidade da Coruña en proxectos e programas europeos, iberoamericanos e outros de interese para a súa comunidade universitaria.

Ten como función informar, coordinar e asesora-la comunidade universitaria dos direrentes programas existentes, así como preparar e face-lo seguimento dos convenios de relacións internacionais da universidade.

Artigo 183.

1. O regulamento de residencias garantirá a participación dos residentes nos órganos do seu goberno, que tenderán á autoxestión de servicios e actividades.

2. As cotas das residencias da universidade para cada curso académico serán aprobadas pola xunta de goberno coa antelación suficiente.

3. Corresponderalle ó rector, logo de oídas a comisión de residencias e a xunta de goberno, fixa-las prazas que se deberán reservar para bolseiros, estudiantes estranxeiros en réxime de intercambio, profesores visitantes e membros non estudiantes da comunidade universitaria, procurando que estas reservas non sexan de tal contía que desvirtúen a finalidade principal de residencia definida nestes estatutos.

Artigo 184.

Os comedores universitarios constituirán un servicio xeral da universidade. Este servicio poderá ser prestado directamente por ela ou ser contrato con entidades non universitarias. Este contrato deberá ser aprobado pola xunta de goberno, que velará pola calidade do servicio.

Artigo 185.

O Servicio de Obras e Equipamentos terá como misión fundamental arbitra-las solucións e medios precisos para que as instalacións universitarias destinadas ó ensino, investigación, xestión e lecer sexan as máis adecuadas, así como os medios materiais de equipamento xeral que se requiran.

Artigo 189.

1. A Universidade da Coruña potenciará os diversos grupos ou asociacións universitarias que desenvolvan a súa actividade en tódolos eidos da cultura e do deporte, sen discriminación ningunha.

2. No regulamento de servicio establecerase a existencia de comisións específicas de actividades culturais e actividades deportivas, en que estarán representados tódolos sectores da comunidade universitaria.

3. Na medida en que o aconselle a propia demanda da sociedade, a Universitaria da Coruña organizará e promoverá actividades de divulgación e formación básica para transmitir ós sectores sociais interesados aqueles coñecementos e innovacións científicas, técnicas ou culturais, a difusión das cales implique un beneficio potencial para o seu benestar material e o seu nivel cultural.

Artigo 190.

1. Para o cumprimento destes obxectivos, a Universidade da Coruña poderá dispor de instalacións, equipamentos e partidas orzamentarias específicas, así como destinar persoal funcionario ou laboral a estes servicios.

2. Cando unha actividade de extensión universitaria se desenvolvese e consolidase de tal maneira que fora aconsellable a creación dun servicio dotado de persoal estable, este deberá ser aprobado polo claustro, que decidirá, ademais, se convén regula-lo seu funcionamento e uso mediante un regulamento semellante ós previstos neste título para outros servicios. Ten esa condición o Club Deportivo Universitario.

3. A Universidade da Coruña poderá contratar temporalmente, en réxime de prestación de servicios, profesionais ou artistas para a dirección, organización ou realización de actividades concretas de extensión universitaria.

TÍTULO VII

Capítulo II

Artigo 202.

O orzamento de gastos, que se clasificará atendendo á separación entre os correntes e os de investimento, deberase adaptar ás necesidades de información interna da Universidade da Coruña, de conformidade co disposto legalmente.

Artigo 203.

1. Tódolos créditos terán a consideración de ampliables, agás nos seguintes casos:

a) O crédito correspondente ó cadro de persoal dos funcionarios docentes da universidade, excluídos os conceptos retributivos a que alude o parágrafo 2 do artigo 46 da Lei de reforma universitaria.

b) O crédito correspondente ó cadro de persoal dos funcionarios non docentes.

2. Os suplementos de créditos extraordinarios aprobaraos o Consello Social, oída a proposta da xunta de goberno. Toda alteración orzamentaria deberá respecta-lo principio de suficiencia financeira, debéndose expresar no expediente o financiamento específico de alteración.

O Consello Social poderá delegar na xunta de goberno a aprobación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios, especialmente cando correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por outros entes públicos ou privados.

3. As transferencias de crédito entre os diversos conceptos dos capítulos de operacións correntes e de operacións de capital debe acordalas a xunta de goberno.

As transferencias de gastos correntes a gastos de capital debe acordalas o Consello Social. As transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo debe acordalas o Consello Social, trala autorización da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os créditos xerados por ingresos específicos e a incorporación de remanentes serán aprobados polo rector, de acordo coas disposicións legais e orzamentarias aplicables

TÍTULO VII

Capítulo IV

Artigo 208.

1. A Universidade da Coruña asegurará o control dos seus gastos e investimentos, organizando as súas contas segundo os principios dunha contabilidade orzamentaria, patrimonial e analítica.

2. A universidade fiscalizará a súa xestión económica a través dun órgano interno de control, sen prexuízo do control que fai o Consello de Contas e mais da fiscalización do Consello Social.

TÍTULO VII

Capítulo V

Artigo 214.

1. O Consello Social determinará cada ano, ó tempo que se aproba o orzamento, o límite de importe a partir do cal será necesario un acordo explícito para que o rector ou, se é o caso, o xerente proceda a unha contratación polo sistema de adxudicación directa.

2. O rector ou vicerrector en quen delegue ou, se é o caso, o xerente informará periodicamente a xunta de goberno das contratacións polo sistema de adxudicación directa que superen un importe determinado, que fixará a mesma xunta.

3. A universidade, tralo acordo favorable do Consello Social, poderá adquirir polo procedemento negociado os bens de equipo necesarios para o desenvolvemento dos seus programas de investigación.

Artigo 215.

1. En caso de contratación por concurso público, concurso-poxa ou poxa as condicións serán aprobadas polo rector, por proposta do xerente e co informe previo da asesoría xurídica da universidade.

2. A mesa de contratación estará formada, como mínimo, polo rector ou vicerrector en quen delegue, o presidente do Consello Social ou membro deste en que delegue, o xerente ou membro do persoal de administración e servicios en que delegue, e mais un membro da asesoría xurídica da universidade.

O órgano de contratación designará, ademais, entre funcionarios do mesmo órgano, a quen deba actuar como secretario desta, con voz pero sen voto.

3. A xunta de goberno e o consello social serán informados do resultado da contratación.

TÍTULO IX

Artigo 222.

1. As decisións dos órganos colexiados da universidade adoptarán a forma de acordos e as dos órganos unipersoais a de resolucións.

2. As resolucións do rector e os acordos do claustro universitario, xunta de goberno e consello social, no ámbito das súas respectivas competencias, esgotan a vía administrativa e son directamente recorribles ante os tribunais de xustiza.

3. Os acordos das xuntas de centro, dos consellos de departamentos e mais institutos universitarios e da Comisión de Doutoramento son recorribles perante a xunta de goberno, tralo informe, se é o caso, da Comisión de Garantías da Comunidade Universitaria a que se refire o artigo seguinte.

4. As resolucións dos órganos de goberno unipersoais son recorribles perante o rector, logo de informe, se é o caso, da Comisión de Garantías da Comunidade Universitaria a que se refire o artigo seguinte.

5. En calquera caso, a interposición de recurso poderá suspende-la execución do acto ou disposición impugnados, nos supostos previstos na normativa aplicable sobre o procedemento administrativo.

Artigo 223.

1. A Comisión de Garantías da Comunidade Universitaria é o órgano colexiado de tutela específica dos dereitos dos membros da comunidade universitaria.

2. Esta comisión estará composta por oito membros:

a) O presidente.

b) Tres profesores, dos cales polo menos dous serán de corpos estatais.

c) Tres estudiantes.

d) Un membro do persoal de administracións e servicios.

Esta comisión será elixida polo claustro por unha maioría de, como mínimo, tres quintos dos votos emitidos, sempre que estes últimos representen o sesenta por cento dos membros do claustro. Os membros serán elixidos por un período de catro anos, agás os representantes dos estudiantes, que o serán por dous.

3. A condición de membro da Comisión de Garantías é incompatible coa de:

a) Rector, vicerrector, secretario xeral, xerente ou vicexerente.

b) Decano ou director, vicedecano ou subdirector e secretario de centro.

c) Director ou secretario de departamento ou instituto universitario.

d) Membro da xunta de goberno.

e) Membro da xunta de persoal ou comité de empresa.

4. Ademais dos seus informes en todos aqueles supostos a que se refiren os presentes estatutos, a Comisión de Garantías da Comunidade Universitaria poderá actuar tamén por instancia de parte ou de oficio.

5. Un regulamento orgánico, aprobado polo claustro universitario, regulará o procedemento de actuación da Comisión de Garantías da Comunidade Universitaria.

6. A Comisión de Garantías da Comunidade Universitaria presentará anualmente ó claustro universitario unha memoria das súas actividades.

Artigo 224.

1. A iniciativa para a reforma dos presentes estatutos corresponde á xunta de goberno ou ó 25 por cento dos membros do claustro universitario.

2. As propostas de reforma dirixidas ó presidente do claustro deberán acompañarse dun texto articulado e da argumentación en que se fundamentan.

3. A reforma dos estatutos requirirá a aprobación por maioría absoluta dos claustrais en primeira votación e por maioría absoluta dos presentes en segunda votación, sempre que estes fosen, polo menos o sesenta por cento dos claustrais, de acordo co procedemento establecido con tal fin no regulamento de funcionamento do claustro universitario.

4. O novo texto será remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación e terá vixencia a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A normativa aplicable sobre o procedemento administrativo será supletoria en todos aqueles aspectos non regulamentados por estes estatutos nin polas súas normas de desenvolvemento.

Sexta.-Os actuais profesores do corpo de profesores numerarios de escolas oficiais de Náutica, a extinguir, conservarán tódolos dereitos do corpo a que pertencen, tendo, para efectos dos presentes estatutos, a mesma consideración que os catedráticos de escolas universitarias.

Sétima.-Os mestres de taller e instructores de tecnoloxía naval, funcionarios docentes declarados a extinguir, conservando tódolos dereitos que lles corresponden, terán, para efectos de participación nos órganos colexiados da universidade, a mesma consideración que os profesores titulares de escola universitaria.

Oitava.-Respectaranse os dereitos establecidos disposicións transitorias contidas na redacción dos estatutos aprobados polo Decreto 253/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia.

Disposicións transitorias

Suprímense.

7706