Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 27 de agosto de 1998 Páx. 9.753

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 1998, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Araújo Piel, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Araújo Piel, S.A. (código número 3200562) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité de empresa, na xuntanza celebrada o día 26-6-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 15 de xullo de 1998.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Araújo Piel, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación territorial, persoal e temporal.

As normas contidas no presente convenio colectivo serán de aplicación ó centro de traballo da empresa Araújo Piel, S.A. situada en Ourense.

O presente convenio afecta a todo o cadro de persoal do centro de traballo Araújo Piel, S.A. con exclusión do persoal ó que fai referencia o artigo 1.3º c) do Estatuto dos traballadores.

Entrará en vigor o 1-1-1998 ata o 31-12-1998, con independencia da súa publicación no BOP e ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 2º.-Duración, prórroga e denuncia.

A duración do presente convenio será dun ano, é dicir, desde o 1-1-1998 ata o 31-12-1998 e prorrogarase tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia.

A fórmula de denuncia será mediante comunicación escrita á outra parte na que se fará consta-la representación que se desempeñe, o ámbito de aplicación do novo convenio, así como as materias obxecto de negociación.

Artigo 3º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria de interpretación e observación do convenio, integrada polo comité e representantes da empresa que interviñeron na súa negociación, sendo a súa misión a interpretación e vixilancia do pactado e demais funcións que lle sexan atribuídas polo convenio, así como as disposicións legais vixentes.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que viñan rexendo con anterioridade á vixencia do presente convenio, calquera que sexa a orixe da súa existencia, tanto polo imperativo legal, contrato individual, pactos de calquera clase ou por calquera outra causa.

As melloras económicas establecidas no presente convenio poderán ser absorvidas polas empresas ata onde alcancen con:

a) As de igual índole ou concepto que poidan implantarse por disposición legal.

b) As que libremente e en maior contía veñan outorgando as empresas cinguidas exclusivamente ó concepto polo que foron concedidas e nunca estimadas no seu conxunto.

Artigo 5º.-Salario base.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá como salario base o convido e fixado no anexo correspondente deste convenio, para cada unha das categorías profesionais correspondentes.

a) Incrementarase o salario base en 2,5% sobre a táboa de 1997.

Quedan excluídos do convenio, e polo tanto do que se acorda nestas acta, as persoas pertencentes á empresa e que ocupen postos de xefatura e dirección.

Artigo 6º.-Conceptos retribuídos e complementos salariais.

Con independencia do salario base, terán a consideración de complementos salariais os seguintes:

1. Complemento persoal de antigüidade. O persoal incluído no campo de aplicación do presente convenio colectivo, recibirá un incremento consistente no 5% do salario base por trienios.

A efectividade do premio de antigüidade será con efectos do día seguinte ó dos eu cumprimento.

2. De vencemento periódico superior a un mes. As que percibe o traballador/a como gratificación extraordinaria ou participación en beneficios.

3. Os traballadores/as que se encontran baixo o campo de aplicación deste convenio, terán dereito a dúas pagas extraordinarias que se percibirán no verán, xullo e Nadal, decembro, consistentes en 30 días de salario base, máis a antigüidade, se fose percibida.

4. Establécese, igualmente unha participación en beneficios, consistente en trinta días de salario, indo o seu aboamento rateado no salario base da táboa salarial.

Artigo 7º.-Incapacidade laboral transitoria por accidente de traballo ou enfermidade.

As empresas afectadas polo presente convenio, aboaranlles a aqueles dos seus traballadores/as que se encontren en situación de incapacidade laboral transitoria por causa de accidente laboral ou enfermidade, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional. Para o caso de enfermidade, a dita compensación levarase a cabo a partir dos primeiros vinte días de baixa.

Cando a situación de ILT coincida total ou parcialmente co período de vacacións previamente pactado, considerarase que as ditas vacacións foron desfrutadas durante o tempo que ámbalas situacións coincidan.

Por todo iso e para efectos do cálculo das pagas extras, considérase o dito período de vacacións e non de ILT, é dicir, que os ditos días se sumarán ós realmente traballados no semestre de que se trate para efectos de calcula-lo importe que van percibir da paga extra.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo para as empresas afectadas polo presente convenio será de oito horas diarias e serán de corenta horas semanais de presencia, nas cales se considerarán incluídos vinte minutos diarios de descanso para o bocadillo. A xornada anual non poderá supera-las 1.800 horas, polo que cada traballador poderá dispoñer do desfrute de 3 días ó ano, para o cal deberá comunicarllo á dirección da empresa con 5 dias de antelación á data do desfrute.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria, o traballador/a se encontre no seu posto de traballo, todo iso conforme o establecido no artigo 34.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

Conforme co disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cunha recarga do 75% sobre a hora ordinaria.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións consisten no desfrute de trinta días naturais. O salario que se percibirá durante elas será igual ó dunha nómina normal do mes.

As empresas afectadas polo presente convenio están obrigadas a notificarlles ós/as traballadores/as cunha antelación de tres meses, o período de desfrute das vacacións.

Artigo 11º.-Licencias e permisos.

Para estes efectos terase en conta o previsto polas normas laborais da industria de confección de pezas de peletería aprobadas pola Orde do 20 de outubro de 1949, ordenanza laboral para a industria da pel, aprobada pola Orde do 22 de abril de 1977 e a Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio poderán solicita-la correspondente revisión médica anual a todo o persoal do cadro.

O tempo que o/a traballador/a empregue para a asistencia á dita revisión, será aboada pola empresa.

Artigo 13º.-Aprendizaxe.

O período de aprendizaxe finalizará para os/as traballadores/as obrigatoriamente cando estes cumpran os dezaoito anos de idade.

Artigo 14º.-Material e roupa de traballo.

A empresa afectada polo presente convenio colectivo entregaralle a cada traballador/a dúas pezas de roupa de traballo que consiste en bata ou funda por ano, sendo o seu uso obrigatorio durante a xornada laboral correspondente.

Tamén será subministrado pola empresa o material de traballo necesario e a obrigatoria renovación conforme o estipulado no artigo 82 da ordenanza laboral da industria da pel existente.

Artigo 15º.-Cesamento na empresa.

O persoal afectado por este convenio que desexe cesar na súa prestación de servicios na empresa estará obrigado a notificar cunha antelación mínima de quince días o seu previo aviso.

O incumprimento do citado viso previo dará lugar a un desconto equivalente ó importe dos días que falten por transcorrer do período de aviso previo de quince días, podendo retrotraer este desconto das percepcións que a empresa debe aboar ó/á traballador/a en concepto de liquidación.

Artigo 16º.-Expediente de crise.

No caso de que a empresa á cal está afectada este convenio inicie un expediente de crise ou regulación de emprego ante a autoridade laboral com

petente, esta queda obrigada a informar e documentar previamente ós representantes dos traballadores/as.

Artigo 17º.-Permisos retribuídos.

O/A traballador/a, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do seu posto de traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos que a continuación se enumeran:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días en caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o/a traballador/a necesite facer un desprazamento a unha provincia diferente do centro de traballo, para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día polo traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo/a traballador/a afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o/a traballador/a por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización descontaráselle o seu importe desta do salario a que tivera dereito da empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Os traballadores/as, pola lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou pai en caso de que ambos traballen.

g) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo un menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre alomenos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

ANEXO I

Táboa salarial

Categoría profesionalSalario ptas./día

Oficial 1ª2.870

Oficial 2ª2.390

Oficial 3ª e axudante2.437

Peón2.327

Contratos en prácticas2.327

Aprendices 1º ano1.602

Aprendices 2º ano1.784

Persoal administrativoSalario ptas./mes

Oficial administrativo87.248

Auxiliar administrativo77.464

7597