Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 20 de agosto de 1998 Páx. 9.580

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública a solicitude de concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usuarios domésticos, comerciais e industriais en diversos termos municipais de Galicia.

Para os efectos previstos no artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos e no artigo 11 do Regulamento xeral do servicio público de gases

combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973 do 26 de outubro, sométense á información pública os seguintes proxectos de concesión administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio na r/ A Rosa nº 16, 3º B, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Obxecto da petición: concesión administrativa para o servicio público de distribución e subministración de gas natural, de conformidade cos proxectos presentados para o efecto, os cales se concretarán posteriormente, co oportuno detalle, nos proxectos para a autorización das instalacións, nos seguintes termos municipais:

Provincia da Coruña:

-Subministración a usuarios domésticos, comerciais e industriais: Laracha, Dodro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

-Subministración a usuarios industriais: Boiro, Carballo e Ordes.

Provincia de Pontevedra:

-Subministración a usuarios domésticos, comerciais e industriais: Caldas de Reis, Vilanova de Arousa, Cambados, Nigrán, Baiona, Gondomar, Marín, Bueu, Cangas e Moaña.

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presenta-las súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examina-lo proxecto de concesión na Dirección Xeral de Industria, edificio San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e Pontevedra.

No caso de presentación de proxectos en competencia presentarase memoria económica, en documento independente, que indique as necesidades de financiamento para asegura-la viabilidade económica do proxecto.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

7523