Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 18 de agosto de 1998 Páx. 9.500

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A vixente Lei de montes de 1957 e o seu regulamento aprobado por Decreto do 22 de febreiro de 1962 e a Lei 5/1977, de fomento da producción forestal, establecen que o réxime económico e xurídico dos aproveitamentos nos montes do Estado, nos consorciados ou nos conveniados, se axustará ás normas establecidas na Lei de patrimonio forestal e, subsidiariamente, ás xerais de contratación administrativa.

Por outra banda o Regulamento do patrimonio forestal do Estado, aprobado por Decreto do 30 de maio de 1941, regula por remisión expresa da Lei do 10 de marzo de 1941 de reorganización do patrimonio forestal do Estado, os sistemas de alleamento por poxa e polo procedemento directo, regulación que se mantén en vigor ó tratarse dunha propiedade administrativa especial, excluída expresamente da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O desenvolvemento da citada normativa forestal foi regulado polas ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 16 de xuño e 8 de xullo de 1989, e do 15 de marzo de 1990, nas que se delegaban atribucións nos delegados provinciais, se regulaban aspectos relativos ás poxas ordinarias de madeira e se especificaba, na última, aspectos sobre a utilización urxente dos aproveitamentos madeireiros creando, para os devanditos efectos, mesas de contratación nas delegacións provinciais.

Nembargantes o sistema de poxa que recolle a citada normativa especial da Comunidade Autónoma non deu resposta eficaz a determinadas situacións que na práctica se presentan, especialmente con respecto ás poxas de pequenos lotes de madeira para realizar clareos, nos que non se soen presentar proposicións dado o gravoso do sistema para os licitadores, que teñen que correr cos gastos derivados da constitución de fianzas e a publicación no DOG. A mesma situación prodúcese coas licitacións de madeira queimada, que teñen pouco valor e, ademais, requiren unha pronta execución co obxecto de limpar e rexera-los montes nos que se atopan, resultando frecuentemente desertas por idénticas causas.

Pretende polo tanto esta regulación, conservando aquelas partes do procedemento que amosaron a súa operatividade e eficacia, e salvagardando en todo caso as garantías de transparencia e obxectividade,

e tendo en conta ademais, que nos montes suxeitos a consorcio ou convenio a Administración realiza a súa xestión como simple administradora destes, introducir cambios que permitan elimina-las dificultades e dilacións que se producían ata o momento. Para estes efectos considérase tamén aconsellable suprimi-la Mesa Xeral de Contratación que se prevía con anterioridade, dada a súa escasa utilización e operatividade.

Persíguese, así mesmo, achegar na medida do posible este procedemento ó da recente Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas, aproveitando por tanto as vantaxes que esta introduce, froito da experiencia acumulada derivada da utilización da anterior Lei de contratos do Estado, e facilitar así a comprensión e interpretación da normativa forestal, sen esquecer que a citada lei sería supletoria en todo caso por dispoñelo expresamente a vixente Lei de montes.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. O alleamento dos aproveitamentos forestais que se realicen en montes a cargo da Xunta de Galicia rexeranse polo presente decreto, e subsidiariamente polas regras xerais de contratación administrativa.

2. Para efectos deste decreto, encontraranse incluídos os aproveitamentos que se efectúen nos montes propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e naqueles que se atopen suxeitos a consorcio ou convenio coa Xunta de Galicia.

Artigo 2º

O alleamento dos aproveitamentos forestais poderá realizarse por poxa, polo procedemento negociado, ou ben na forma establecida no artigo 10 do presente decreto para os alleamentos de menor contía.

Capítulo II

Poxa pública

Artigo 3º

O alleamento realizarase como regra xeral mediante poxa pública, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de 26 días naturais ó sinalado como último para a presentación das proposicións.

Artigo 4º

1. Será requisito necesario para acudir á poxa, acredita-la constitución previa dunha garantía provisional equivalente ó 2 por 100 da taxación do lote polo que se quere licitar. A dita garantía deberá de ser constituída nalgunha das formas establecidas na lexislación de contratos das administracións públicas.

2. Os adxudicatarios están obrigados a constituír unha garantía definitiva do 4 por 100 do importe de adxudicación, a disposición do órgano de contratación, que haberá de constituírse en calquera das formas establecidas no apartado primeiro e será depositada na Caixa Xeral de Depósitos ou nas súas sucursais. En casos especiais, de acordo co artigo 37.3º da Lei de contratos das administracións públicas, poderá establecerse ademais unha garantía complementaria de ata o 6% do prezo de adxudicación. A porcentaxe da garantía definitiva, incluída a complementaria que se estableza, deberá indicarse no anuncio da poxa.

Artigo 5º

Constituiranse nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, mesas de contratación para o alleamento de aproveitamentos de madeira procedentes de montes xestionados pola Xunta de Galicia.

Artigo 6º

Poderase establecer nos pregos de cláusulas administrativas particulares para aproveitamentos que se adxudiquen por contías superiores a 5 millóns de pesetas, a posibilidade de fracciona-la petición do adxudicatario, como máximo o pagamento do 50% do importe da adxudicación, sempre e cando se presenten avais suficientes para o 50% restante do aproveitamento. Unha vez efectuado o 50% da corta, deberá procederse ó pagamento do restante 50% para poder continuar co aproveitamento, momento no que poderá retirarse o aval. Na licencia de corta especificaranse os prazos do aproveitamento.

Capítulo III

Procedemento negociado

Artigo 7º

Con independencia da programación de poxas ordinarias durante o ano, cando concorra algunha das circunstancias que se relacionan a continuación, poderá realizarse coa publicidade que se establece, o alleamento polo procedemento negociado dos aproveitamentos forestais que deban executarse con urxencia, non podendo estes supera-los 5 millóns de pesetas:

a) Madeira ou restos leñosos queimados procedentes de incendios forestais.

b) Madeiras das que urxa o seu aproveitamento de forma especial debido á existencia de árbores mortas ou deterioradas como consecuencia de incle

mencias atmosféricas ou xeolóxicas, ou otros casos de forza maior.

c) Madeiras das que urxa o seu aproveitamento de forma especial ante a resolución urxente ou inminente dun procedemento administrativo iniciado ou en trámite como a declaración de prevalencia, ocupacións, expropiacións e outros semellantes, debendo motivarse expresamente no expediente de alleamento.

d) Madeiras das que urxa o seu aproveitamento debido a grave risco de contaxio fitosanitario a masas forestais próximas.

e) Madeiras obtidas do alleamento de tratamentos silvícolas, da creación e mellora da infraestructura forestal ou daqueles outros supostos para os que compra a súa rápida extracción do monte.

f) Calquera outro suposto que aconselle o seu rápido alleamento atendendo á gravidade das circunstancias concorrentes ou ó interese xeral, que deberán ser debidamente xustificadas polo enxeñeiro ou técnico responsable da zona correspondente mediante memoria para efecto aprobada polo xefe provincial, e autorizado polo delegado provincial.

Artigo 8º

Para efectua-lo alleamento polo procedemento negociado dos aproveitamentos forestais, invitarase a un mínimo de tres empresas, se é posible, capacitadas para executa-los aproveitamentos coa urxencia requirida para o caso, para que procedan á licitación no prazo que se lles determine, non sendo inferior este a 10 días naturais.

Artigo 9º

Os delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente, por proposta da mesa de contratación, serán os órganos competentes para resolve-los expedientes de alleamento de aproveitamentos forestais polo procedemento negociado.

Capítulo IV

Alleamento directo

Artigo 10º

1. Consideranse alleamentos menores aqueles nos que a contía estimada do valor do apreveitamento non supere o millón de pesetas logo da taxación afectuada polos servicios provinciais de montes e industrias forestais

2. Os delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente serán os órganos competentes para resolver estes expedientes de alleamento que unicamente requirirán a proposta dos servicios provinciais de montes e industriais forestais.

Disposición derrogatoria

Única.-1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) As ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 16 de xuño e 8 de xullo de 1989,

polas que se regulan os alleamentos de aproveitamentos madereiros de montes a cargo da Xunta de Galicia.

b) A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 15 de marzo de 1990 pola que se crean nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, mesas para o alleamento de aproveitamentos madereiros en montes xestionados por esta.

2. Así mesmo, quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dictar cantas normas fosen precisas para o densenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

7562