Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 17 de agosto de 1998 Páx. 9.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 1998 pola que se convoca un curso avanzado de equipos de protección respiratoria e utilización de cordas guía.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración dun curso avanzado de equipos de protección respiratoria e utilización de cordas guía, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos: actualización de coñecementos do EPR, procedementos operativos de posta en marcha e seguridade relativa a el e utilización de cordas guía.

2. Destinatarios: o curso vai dirixido ós membros dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Prazas: o número de prazas ofertadas será de 16.

4. Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

5. Solicitudes:

-As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

-O prazo para a presentación de instancias rematará o día 19 de outubro, ás 14 horas.

-As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas, isto será requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.

-As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Contido e duración: o curso terá unha duración de 35 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-Fisioloxía da respiración.

-Toxicidade. Protección das vías respiratorias. Termopatías asociadas ó uso dos EPR.

-Descrición do EPR.

-Descrición da corda guía, utilización.

-Descrición da táboa de control de EPR.

-Orientación, busca, rescate e localización do foco.

7. Datas: o curso celebrarase do 2 ó 6 de novembro. O horario será o seguinte:

Mañá: de 10 a 13.30 horas.

Tardes: de 15.30 a 19 horas.

8. Relación de admitidos: a relación de admitidos publicarase o día 23 de outubro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

9. Lugar: no centro de formación de Seganosa, sito na parroquia de Alxén, s/n, en Salvaterra de Miño (Pontevedra).

10. Certificado de asistencia: ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

11. Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

7495