Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 10 de agosto de 1998 Páx. 9.225

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 4 de agosto de 1998 pola que se autoriza a apertura dos establecementos comerciais os festivos locais, cando coincidan tres ou máis días inhábiles para o desenvolvemento da actividade comercial durante o ano 1998.

De acordo co disposto no parágrafo 3º do artigo 3 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Industria e Comercio poderá autorizar dous días para o desenvolvemento da actividade comercial, ademais dos previstos no parágrafo 2º do devandito artigo 3.

Por medio do Decreto 98/1998, do 20 de marzo, que modifica o artigo 3.2º do Decreto 365/1996, atribuíuselles ós concellos a iniciativa para a declaración como hábiles para os efectos da actividade comercial dos festivos locais. A devandita atribución supuxo un cambio na normativa existente anteriormente que declaraba hábiles para os efectos da actividade comercial tódalas festividades locais.

Como consecuencia do anterior recibíronse determinadas suxestións de varios sectores comerciais relativas a que, ó se-lo ano 1998 un ano de transitoriedade da normativa anterior á nova, fose autorizado pola Consellería de Industria e Comercio, nos concellos nos que coincidan tres ou máis días que sexan inhábiles para os efectos da actividade comercial o desenvolvemento da dita actividade no día correspondente o festivo local.

Como a autorización de apertura nos festivos locais debe respecta-lo réxime de participación dos concellos nesta materia, establecida no citado Decreto 98/1998, a devandita autorización debe estar condicionada a que así o acorde o concello respectivo.

Por todo iso, e de acordo co citado parágrafo 3º do artigo 3 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autonoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Nos concellos galegos nos que durante o ano 1998 coincidan tres ou máis días que sexan inhábiles para os efectos da actividade comercial, autorízase o desenvolvemento da devandita actividade, no día correspondente ó festivo local, sempre que así o acorde a respectiva autoridade municipal.

2. O disposto no parágrafo enténdese sen prexuízo das normas xerais en materia de horarios comerciais.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

7463