Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 10 de agosto de 1998 Páx. 9.212

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de maio de 1998 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 1998/1999 nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos.

Co obxecto de fixa-lo calendario escolar para o curso 1998/99 nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta das direccións xerais de Centros e Inspección Educativa, de Persoal e de Ordenación Educativa e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aproba-lo calendario escolar para o curso 1998/1999 nas condicións que se sinalan:

1. Duración do curso.

1.1. O curso abranguerá en educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria desde o día 1 de setembro de 1998 ata o 31 de agosto de 1999.

1.2. O curso abranguerá no bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (escolas de arte, conservatorios de música e danza, escolas oficiais de idiomas e escola de conservación e restauración de bens culturais) desde o día 15 de setembro de 1998 ata o 13 de setembro de 1999.

Nos primeiros días do mes de setembro, e ata o día 12, celebraranse as probas de setembro e as sesións de avaliación para os alumnos de bacharelato e formación profesional, e de ensinanzas de réxime especial.

Os alumnos que non puideran matricularse no prazo ordinario poderano facer no prazo extraordinario que abrangue desde o día 1 ata o 14 de setembro.

2. Clases.

2.1. En educación infantil, educación primaria e 1º ciclo da educación secundaria obrigatoria, as clases comezarán o día 15 de setembro e rematarán no mes de xuño, de acordo coa normativa reguladora das actividades de final do curso.

Desde o comezo do curso e ata o inicio das clases o profesorado dos centros que impartan estas ensinanzas dedicaranse a elabora-la programación xeral anual, a revisa-los proxectos educativo e curricular, a organiza-lo curso e, se é o caso, aplica-las probas de madurez para os alumnos procedentes do antigo 8º curso de EXB

2.2. En bacharelato, formación profesional, 2º ciclo da educación secundaria obrigatoria e ensi

nanzas de réxime especial, (escolas de arte, conservatorios de música e danza, escolas oficiais de ediomas e escola de conservación e restauración de bens culturais) as clases comezarán o día 24 de setembro, sen prexuízo de que os delegados provinciais por circunstancias concretas de organización poidan autoriza-la modificación da dita data, e rematarán no mes de xuño, de acordo coa normativa reguladora das actividades de final do curso.

Desde o comezo do curso e ata o inicio das clases, os departamentos didácticos dos centros de educación secundaria, baixo a coordinación e dirección do xefe de departamento dedicaranse a elabora-la programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organiza-lo curso escolar.

3. Xornada escolar.

3.1. Aqueles centros que combinen o servicio de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, permita garanti-lo axuste e perfecta coordinación dos centros co dito servicio.

3.2. Durante os meses de setembro e de xuño establecerase a xornada lectiva continuada en horario matinal nos centros que impartan educación infantil, ou educación primaria, ou infantil e primaria, ou primaria e secundaria obrigatoria, ou infantil, primaria e secundaria obrigatoria. Este tipo de xornada será aplicable ós alumnos de 1º, 2º e 3º cursos da educación secundaria obrigatoria escolarizados en institutos de educación secundaria, agás nos casos nos que teñan autorización expresa do delegado provincial para outro tipo de xornada.

4. Períodos vacacionais.

4.1. As vacacións de Nadal abranguerán desde o día 23 de decembro de 1998 ata o día 8 de xaneiro de 1999 (ámbolos dous inclusive).

4.2. As vacacións de Semana Santa abranguerán desde o día 29 de marzo ata o día 5 de abril de 1999 (ámbolos dous inclusive).

4.3. Considéranse períodos non lectivos os días correspondentes ó Entroido, luns e martes de Entroido (días 15 e 16 de febreiro de 1999).

5. Días festivos.

5.1. Son días festivos os así declarados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 1.3º do Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro (BOE do día 7).

5.2. Considéranse días non lectivos para efectos académicos, ademais das festas laborais de carácter local publicadas por resolución da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, as festivi

dades correspondentes ós patróns de cada nivel de ensino:

-24 de outubro de 1998: San Antonio Mª Claret (escolas de arte).

-22 de novembro de 1998: Santa Cecilia (Conservatorios de Música).

-27 de novembro de 1998: San Xosé de Calasanz (Centros de E. primaria).

-28 de xaneiro de 1999: San Tomás de Aquino (Centros de E. secundaria e bacharelato).

-31 de xaneiro de 1999: San Xoán Bosco (Centros de formación profesional).

-A festividade de San Antonio María Claret trasládase ó día 23 de outubro (venres).

-A festividade de Santa Cecilia trasládase ó día 20 de novembro (venres).

-As festividades de San Tomás de Aquino e de San Xoán Bosco trasládanse ó día 29 de xaneiro (venres).

-Os centros que imparten máis dun nivel de ensino poderán unificar nunha única xornada as festividades correspondentes ós distintos patróns.

6. Celebración de conmemoracións.

Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

-Do 14 ó 20 de decembro: conmemoración da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia.

-10 de decembro: Día da Declaración Universal de Dereitos Humanos.

-30 de xaneiro: Día da Paz.

-8 de marzo: Día Internacional da Muller.

-14 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-Do 12 ó 16 de abril: Semana da Prensa, da que o día 16 se declara con periódicos e sen libros.

-Entre o 2 e o 23 de abril: Día do Libro.

-7 de abril: Día Mundial da Saúde.

-9 de maio: Día de Europa.

-Do 12 ó 17 de maio: Semana das Letras Galegas.

-5 de xuño: Día Mundial do Ambiente.

Estas datas son lectivas para tódolos efectos.

Sen prexuízo do anterior, os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salienta-la importancia das referidas conmemoracións. No caso de que algunha coincida en festivo, trasladarase ó día lectivo inmediatamente anterior.

7. Os consellos escolares dos centros poderán solicitar, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica, ata dous días non lec

tivos. A dita petición deberá facerse antes do día 31 de outubro, ante o delegado provincial da Consellería de Educación, quen logo de informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda.

É desexable que os centros da mesma localidade elixan os mesmos días non lectivos.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

7028