Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 07 de agosto de 1998 Páx. 9.177

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 229/1998, do 24 de xullo, polo que se crea o Complexo Hospitalario de Pontevedra e se establecen os seus órganos de dirección e coordinación.

O Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, aprobou o acordo da Comisión Mixta de Transferencias adoptado o 27 de decembro do mesmo ano, sobre traspasos á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios do Instituto Nacional de la Saúde, traspaso asumido pola Xunta de Galicia mediante o Decreto 16/1991, do 11 de xaneiro, que adscribe as ditas funcións e servicios á Consellería de Sanidade. Entre os servicios traspasados e asumidos estaba o Hospital Montecelo.

O Decreto 58/1996, do 8 de febreiro, aproba o acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón dependente da Deputación de Pontevedra, encargándolles á Consellería de Sanidade e ó Servicio Galego de Saúde o exercicio das funcións emanadas das súas respectivas competencias.

Máis recentemente o Decreto 135/1998, do 23 de abril, integra o Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón no Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo, pasando a institución sanitaria denominada ata esa data Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón a denominarse Hospital Provincial de Pontevedra.

Durante o tempo transcorrido desde as respectivas transferencias foise producindo un proceso de homologación entre ámbolos dous centros, polo que é oportuno dictar unha norma que regule a coordinación dos recursos de atención especializada da área sanitaria de Pontevedra, Hospital Provincial e Hospital Montecelo, mediante a creación dun complexo hospitalario, aínda que mantendo certos elementos diferenciados deles.

O obxectivo non é outro que a optimización dos recursos existentes na actualidade e no futuro, adoptando solucións organizativas eficaces e eficientes.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Gali

cia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Créase o Complexo Hospitalario de Pontevedra como estructura que agrupa os hospitais Provincial de Pontevedra e Montecelo.

Artigo 2º.-Órganos de coordinación e dirección.

2.1. O complexo hospitalario estructúrase en órganos unipersonais e órganos colexiados.

2.2. O xerente xeral é o órgano unipersoal superior do complexo.

2.3. Como órgano colexiado de coordinación e dirección do complexo existirá unha comisión de dirección.

Artigo 3º.-O xerente xeral.

3.1. Á fronte do complexo hospitalario existirá un xerente xeral nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

3.2. Serán as súas funcións:

a) A execución das directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e polo Servicio Galego de Saúde, nas súas respectivas competencias.

b) A representación do complexo hospitalario.

c) A proposta de obxectivos do complexo hospitalario.

d) A programación, dirección e control da execución da actividade do complexo hospitalario, a través dos seus medios materiais e persoais, e a coordinación das súas unidades.

e) A reasignación de recursos humanos e materiais entre os centros que constitúen o complexo.

f) A proposta do anteproxecto de orzamentos do complexo hospitalario ou dos seus hospitais.

g) A proposta dos plans anuais de actividade asistencial, económica e investigadora e docente do complexo hospitalario.

h) A proposta de nomeamento e cesamento dos postos directivos do complexo hospitalario.

i) A presentación dunha memoria anual de actividades e dos informes periódicos que coide conveniente ou que lle sexan solicitados.

j) A proposta, se é o caso, dos incentivos de persoal

k) Outras funcións que lle poidan ser delegadas polos órganos competentes.

3.3. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se atopen vencellados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral. Tamén se poderá prover

mediante a formalización de contrato laboral previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no DOG, no que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

Artigo 4º.-A comisión de dirección.

4.1. A comisión de dirección é o órgano colexiado de coordinación e dirección do complexo e estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o xerente xeral.

Vocais: os directores xerentes, os directores de xestión, os directores médicos e os directores de enfermería dos hospitais que se agrupan.

4.2. Correspóndelle á comisión de dirección as funcións de análise, seguimento e elaboración de propostas das distintas actividades do complexo.

Disposición adicional

A integración establecida no presente decreto non afecta ó réxime xurídico do persoal que actualmente presta servicios nos hospitais que se agrupan.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os centros integrados na estructura obxecto deste decreto manterán o seu réxime xurídico e os órganos de dirección que teñen, sen prexuízo do establecido no texto articulado deste decreto e no seu ulterior desenvolvemento.

Segunda.-Sen prexuízo do establecido no presente decreto, os centros do complexo hospitalario creado poderán manterse como centros de gasto diferenciados para os efectos da xestión orzamentaria.

Terceira.-No caso de vacante dalgunha das direccións xerencias dos dous centros hospitalarios, desempeñará as súas funcións o xerente xeral do complexo.

No caso de ausencia, vacante ou enfermidade do xerente xeral, desempeñará as súas funcións o director xerente do centro que designe o xerente xeral ou, no seu defecto, o director médico designado por este.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para desenvolve-lo réxime xurídico dos órganos de dirección, unipersoais ou colexiados e para concreta-la estructura do complexo no nivel de subdireccións, así como para dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta norma.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

7090