Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 06 de agosto de 1998 Páx. 9.125

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 226/1998, do 24 de xullo, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

A necesidade de harmoniza-la estructura organizativa e o funcionamento interno das diferentes sociedades mercantís nas que ten participación maioritaria a Comunidade Autónoma de Galicia aconsella modifica-los estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, no sentido de delimita-las atribucións correspondentes ó presidente do Consello de Administración da sociedade, para o cal e de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 24º dos estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo aprobados polo Decreto 377/1991, do 19 de setembro, queda redactado nos seguintes termos:

Artigo 24º.-O presidente.

Corresponderanlle ó presidente do Consello de Administración as seguintes atribucións:

a) Exerce-la representación institucional da sociedade.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, arbitra-las deliberacións do consello e desface-los empates co seu voto de calidade.

c) Presentarlle ó consello os informes que considere oportuno.

d) Calquera outra función expresamente encomendada, ou que lle sexa delegada polo Consello de Administración de entre as de natureza delegable.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7323