Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 03 de agosto de 1998 Páx. 8.981

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de xuño de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, do Instituto Galego de Consumo, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e da Dirección Xeral da Xuventude, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre os temas transversais.

Os decretos 426/1991, do 12 de decembro (DOG do 14 de xaneiro de 1992); 245/1992, do 30 de xullo (DOG do 14 de agosto); 78/1993, do 25 de febreiro (DOG do 2 de abril) e 275/1994, do 29 de xullo (DOG do 31 de agosto), establecen, respectivamente, os currículos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para a Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, os currículos dos ciclos formativos de formación profesional establécense en cadanseu decreto.

Unha vez establecidos os devanditos currículos pola Administración educativa, é competencia dos centros desenvolvelos, tanto a nivel de proxecto curricular como de programación de aula. Neste marco de desenvolvemento curricular, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a impulsa-las actividades de innovación educativa como medio de promoción e actualización profesional do profesorado.

Por outra parte, a necesidade de prepara-la infancia e a xuventude para vivir nunha sociedade na que os valores cambian con rapidez, demanda das institucións da nosa comunidade outras accións dirixidas a potenciar actitudes e coñecementos que no eido da educación consideramos temas transversais do currículo, tales como educación para a saúde, educación para o consumo, educación para a paz, educación para a igualdade de ámbolos sexos, educación para o lecer e educación ambiental, e que pola súa transcendencia e relevancia social necesitan para o seu desenvolvemento do concurso de tódalas institucións.

No Decreto 482/1997, do 30 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, no artigo 7 indícase a competencia do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental para facer propostas e promoción de plans e programas encamiñados á integración do medio

ambiente no currículo educativo das ensinanzas regradas a tódolos niveis.

Por todo isto, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, o Instituto Galego de Consumo, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a Dirección Xeral da Xuventude establecen, na presente resolución, as bases para a convocatoria e concesión de premios á innovación educativa sobre os temas transversais.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de dous premios á innovación educativa sobre cada un dos seguintes temas: educación ambiental, a transversalidade na educación, educación vial, educación para o consumo, prevención do consumo indebido de drogas, educación para a saúde (prevención VIH/SIDA e ETS, promoción da vida sen tabaco e saúde bucodental), educación para a paz, educación para a igualdade de ámbolos sexos e educación para o lecer, para todo o ensino non universitario; e a aprobación das súas bases de concesión.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os dous premios ós que se alude no artigo anterior terán a seguinte dotación:

Educación ambiental:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

Valoraranse os seguintes aspectos nos traballos presentados:

-Coherencia ambiental e fomento da ética ambiental respecto do equilibrio ecolóxico e a calidade de vida;

-Rendibilidade social e continuidade da experiencia.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A.640.2, unha vez realizada a retención correspondente.

A transversalidade na educación:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1, unha vez realizada a retención correspondente.

Educación vial:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1, unha vez realizada a retención correspondente.

Educación para o consumo:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0, unha vez realizada a retención correspondente.

Prevención do consumo indebido de drogas:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

Daráselles prioridade ós traballos realizados sobre o material didáctico, sobre prevención do consumo indebido de drogas, editado polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade e Servicios Sociais.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.01.313A.640.1, unha vez realizada a retención correspondente.

Educación para a saúde (prevención VIH/SIDA e ETS, promoción da vida sen tabaco e saúde bucodental):

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.313A.640.4, unha vez realizada a retención correspondente.

Educación para a paz:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.123A.226.06, unha vez realizada a retención correspondente.

Educación para a igualdade de ámbolos sexos:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 14.50.212A.227.06, unha vez realizada a retención correspondente.

Educación para o lecer:

Un premio para educación infantil e primaria de 250.000 pesetas.

Un premio para educación secundaria de 250.000 pesetas.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 14.01.211A.640.0, unha vez realizada a retención correspondente.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Poderá participar na presente convocatoria o profesorado dos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que estea en activo e imparta ensino nos niveis non universitarios.

2. Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar un traballo de aplicación práctica na aula sobre calquera aspecto dos temas transversais desenvolvido durante os dous últimos cursos, 1996-97 e 1997-98, antes da data de límite de entrega.

3. Os traballos presentados poderán abranguer calquera etapa, ciclo ou curso do ensino non universitario, e deberán explicita-los aspectos establecidos no punto 8 do presente artigo.

4. Os traballos que concorran deberán ser orixinais e non premiados con anterioridade.

5. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de outubro de 1998.

6. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os organismos que colaboran nesta convocatoria poderán proceder conxuntamente á reproducción, publicación e divulgación dos traballos premiados.

7. Os concursantes deberán presenta-lo traballo en soporte informático e en soporte papel por triplicado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe acompaña-lo traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos antes de ser certificada.

8. Os traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, asinada polo autor ou autora ou, se é o caso, polo coordinador ou coordinadora responsable do grupo de traballo segundo o modelo do anexo da presente resolución.

b) Certificación da dirección do centro educativo, acreditativa de que os concursantes prestan os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estiveron destinados nel durante a realización da experiencia.

c) Memoria descritiva, dun máximo de 20 folios, da experiencia educativa na que se reflectirán os obxectivos e contidos desenvolvidos, a metodoloxía empregada, datas ou períodos da súa realización, desenvolvemento da experiencia e criterios e procedementos de avaliación. Igualmente, deberá consta-la valoración do profesorado e do alumnado, agás a do alumnado de educación infantil, sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos.

d) Anexos dos traballos ou actividades realizados polos alumnos e alumnas durante a experiencia.

Artigo 4º.-Composición e funcións da comisión.

1. Os traballos que concursen e se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por unha comisión composta polos seguintes membros:

O director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que actuará como presidente.

O subdirector xeral de Ordenación Educativa, que actuará como vicepresidente.

Actuarán como vocais:

O xefe do departamento de Educación e Información Ambiental, ou persoa na que delegue.

A xerente do Instituto Galego de Consumo, ou persoa na que delegue.

O comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, ou persoa na que delegue.

A subdirectora xeral de Programas de Saúde Pública, ou persoa na que delegue.

A subdirectora xeral de Relacións coa Administración de Xustiza, ou persoa na que delegue.

A secretaria xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou persoa na que delegue.

O subdirector xeral de Promoción e Actividades, ou persoa na que delegue.

A xefa do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Un funcionario ou funcionaria do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como secretario ou secretaria.

2. A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. A decisión da comisión, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderá ser declarado deserto calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e se a comisión o determina, ser acumulados entre si ou compartidos.

4. A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos premiados, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

Artigo 5º.-Certificación.

A administración educativa poderalles recoñecer ós participantes con traballos que sexan avaliados positivamente, mediante expedición de certificado, as actividades de innovación realizadas no marco da presente convocatoria.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados e que non vaian ser obxecto de publicación, na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo de 30 días a partir da publicación da resolución da presente convocatoria.

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 1998.

Juan Casares Long

Director xeral do Centro de Información

e Tecnoloxía Ambiental

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

Jorge Rodríguez Vázquez-Molezún

Presidente do Instituto Galego de Consumo

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade

e Servicios Sociais

Pilar Farjas Abadía

Directora xeral de Saúde Pública

José Antonio Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local

Ana Gallego Castro

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller

Mª José Bravo Bosch

Directora xeral de Xuventude

6697