Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 30 de xullo de 1998 Páx. 8.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 14 de xullo de 1998 pola que se desenvolve o sistema básico da rede galega de vixilancia en saúde pública.

A vixilancia epidemiolóxica das enfermidades transmisibles constitúe unha das actividades máis tradicionais da administración sanitaria. A obriga de notifica-los casos das enfermidades contaxiosas ás autoridades sanitarias xurdiu coa necesidade de controlar e previr, na medida posible, as enfermidades infecciosas que constituían as principais causas de morbilidade e mortalidade.

Os importantes cambios que experimentou o patrón de morbimortalidade nos países desenvolvidos, debido especialmente ós avances económicos, sociais, sanitarios e científicos, modificaron o concepto de vixilancia das enfermidades transmisibles incluíndo, ademais das actividades tradicionais de control indicadas, a análise continuada da situación sanitaria de xeito que se proporcione información útil para a planificación sanitaria e a avaliación da efectividade das intervencións sanitarias.

Esta nova concepción da vixilancia foi incorporada no marco normativo da Comunidade Autónoma de Galicia coa aprobación do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a rede galega de vixilancia en saúde pública, onde se establece, como un dos elementos da rede, o sistema básico, integrado polo sistema xeral de declaración obrigatoria de enfermidades, a notificación de situacións epidémicas e abrochos e o sistema de información microbiolóxica.

Este marco normativo da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto á creación da rede nacional de vixilancia epidemiolóxica, Real decreto 2210/1995, do 28 de decembro, os avances na creación dunha rede europea de vixilancia epidemiolóxica e de control das enfermidades transmisibles, e a crecente

importancia das enfermidades emerxentes e reemerxentes, fan necesario o desenvolvemento da presente orde.

Por todo isto, e en virtude das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983 do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, reformada pola Lei 11/1988 do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º

O sistema básico da rede galega de vixilancia en saúde pública está integrado polo sistema xeral de declaración obrigatoria de enfermidades, pola notificación de situacións epidémicas e abrochos e polo sistema de información microbiolóxica, segundo consta no Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea Rede galega de vixilancia en saúde pública.

Sección 1ª

Sistema xeral de declaración obrigatoria de enfermidades

Artigo 2º

1. O sistema xeral de declaración obrigatoria de enfermidades ten por obxectivo a vixilancia epidemiolóxica das enfermidades do anexo I.

2. Para acadar mellor este obxectivo, a declaración das enfemidades vixiadas polo sistema xeral de declaración obrigatoria de enfermidades terá, como o seu nome indica, carácter obrigatorio e farase segundo se indica nesta orde.

3. A declaración obrigatoria refírese ós casos novos destas enfermidades aparecidas durante a semana en curso e baixo sospeita clínica.

4. Tódolos médicos en exercicio no ámbito territorial da comunidade, fican obrigados a declarar ante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º

1. A semana é a unidade básica temporal para a declaración dos casos.

2. Para estes efectos, a semana comeza ás 00.00 horas do domingo e remata ás 24 horas do sábado seguinte.

3. A información será remitida á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais antes do mércores da semana seguinte.

Artigo 4º

1. As enfermidades ás que se refire o artigo 2º da presente orde serán declaradas mediante tres

modalidades de notificación: numérica, individualizada e urxente.

a) Enfermidades de declaración numérica. Son tódalas enfermidades que se relacionan no anexo I.

b) Enfermidades de declaración individualizada. Son as enfermidades relacionadas no anexo II. A notificación por este procedemento non exclúe a súa declaración numérica.

c) Enfermidades de declaración urxente. Son as que se relacionan no anexo III da presente orde. A declaración urxente realizarase de forma inmediata e polo medio máis rápido posible. Esta modalidade de notificación non exclúe a declaración individualizada nin a numérica.

2. Os modelos e impresos a través dos cales se realizará a declaración serán os que estableza en cada momento a Dirección Xeral de Saúde Pública. En todo caso incluirán as variables que aparecen no anexo IV.

3. Tendo en conta as novas posibilidades de envío de información que ofrecen os modernos sistemas de telecomunicacións, a Dirección Xeral de Saúde Pública facilitará e impulsará a declaración por estes medios entre os médicos do Servicio Galego de Saúde, coa debida salvagarda da confidencialidade dos datos.

Artigo 5º

1. Os médicos de atención primaria declararán directamente á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais as enfermidades de declaración obrigatoria.

2. Os médicos de atención especializada notificarán as enfermidades de declaración obrigatoria diagnosticadas por eles ó Servicio/Sección de Medicina Preventiva, se existise, ou ó director médico do hospital ou centro asistencial, no seu defecto, os cales terán que declara-las á delegación provincial de Sanidade e Servicios Sociais.

3. O impreso de notificación semanal será remitido aínda cando non se detecte ningún caso de enfermidade de declaración obrigatoria.

Sección 2ª

Situacións epidémicas e abrochos

Artigo 6º

Para efectos do disposto nesta sección, considerase abrocho ou situación epidémica:

1. O incremento significativamente elevado de casos en relación ós valores esperados.

2. A aparición dunha enfermidade, problema ou risco para a saúde nunha zona ata entón libre dela.

3. A presencia de calquera proceso relevante de intoxicación aguda colectiva, imputable a causa accidental, manipulación ou consumo.

4. A aparición de calquera incidencia de tipo catastrófico que afecte ou poida afectar á saúde dunha comunidade.

Artigo 7º

1. A declaración de abrocho ou situación epidémica é obrigatoria e urxente, efectuándose ante a menor sospeita e polo medio máis rápido posible.

2. Esta obrigatoriedade afecta, en primeira instancia, a tódolos médicos en exercicio e ós centros sanitarios, públicos ou privados, que sospeiten da existencia dun abrocho ou situación epidémica.

Artigo 8º

Cando o abrocho ou situación epidémica detectado se deba a algunha das enfermidades do anexo I, os casos diagnosticados no abrocho serán incluídos na declaración da semana na que son identificados.

Artigo 9º

1. Todo o persoal sanitario, no exercicio das súas competencias respectivas, estará obrigado a participar na investigación e control dos abrochos ou situacións epidémicas que afecten á poboación residente no ámbito territorial da Comunidade galega.

2. No caso de que o abrocho epidémico se producira nalgunha institución escolar, laboral ou doutro tipo, así como en establecementos de hostalería ou similares, os responsables subministrarán toda a información que lles solicite a autoridade sanitaria. Así mesmo, estarán obrigados a colaborar no control do abrocho ou situación epidémica.

Sección 3ª

Información microbiolóxica

Artigo 10º

O Sistema de Información Microbiolóxica recolle datos sobre a patoloxía infecciosa confirmada polo laboratorio, co obxectivo de aportar información específica para a vixilancia epidemiolóxica de tal forma que permita:

a) Detecta-la circulación dos diferentes axentes etiolóxicos, as súas características e patróns de presentación.

b) Caracterizar abrochos epidémicos.

c) Identificar novos axentes e patoloxías emerxentes.

d) Incorporar novos elementos de vixilancia, tales como resistencias bacterianas a antimicrobianos e marcadores epidémicos.

Artigo 11º

As fontes de información son os laboratorios de diagnóstico microbiolóxico, tanto clínicos como de saúde pública, así como os laboratorios de referencia. Os laboratorios incorporaranse á rede de acordo con criterios operativos de representatividade poboacional e/ou xeográfica e capacitación técnica, definida, como mínimo, polo seu volume de datos e a súa especificidade.

Artigo 12º

1. A Dirección Xeral de Saúde Pública seleccionará os laboratorios que se incorporarán ó sistema, tendo en conta os criterios operativos reflectidos no artigo anterior.

2. A designación dun laboratorio como de referencia implica a súa incorporación inmediata ó sistema de información microbiolóxica.

Artigo 13º

A Dirección Xeral de Saúde Pública determinará os compoñentes e as características específicas do sistema de información microbiolóxica.

Sección 4ª

Réxime sancionador

Artigo 14º

O incumprimento do previsto nesta orde constitúe infracción administrativa sanitaria, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Disposición transitoria

Primeira.-Os laboratorios ós que se refire o artigo 11 da presente orde incorporaranse ó sistema de información microbiolóxica nun prazo non superior a dous anos.

Segunda.-Unha vez incorporados ó sistema de información microbiolóxica, os laboratorios veñen obrigados a declarar no xeito que se especifique.

Terceira.-Os hospitais veñen obrigados a facilita-la a declaración dos seus laboratorios de microbioloxía.

Disposición adicional

A tuberculose respiratoria e a síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) serán de declaración obrigatoria e nominal e declararanse segundo se indicará nunha orde específica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública para adopta-las medidas precisas para a execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela,14 de xullo de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Relación de enfermidades incluídas no sistema xeral de vixilancia. (Todas elas son de declaración obrigatoria):

Botulismo

Brucelose

Cólera

Difteria

Disentería bacilar

Enfermidade invasiva por Haemophilus influenzae b

Enfermidade meningocócica

Febre amarela

Febre botonosa

Febres tifoidea e paratifoidea

Gripe

Hepatite vírica A

Hepatite vírica B

Hepatites víricas, outras

Infección gonocócica

Lexionelose

Lepra

Meninxite tuberculosa

Meninxites víricas

Paludismo

Parotidite

Peste

Poliomielite

Rabia

Rubéola

Rubéola conxénita

Sarampelo

Sífilis

Sífilis conxénita

Tétano

Tétano neonatal

Tifo exantemático

Tose ferina

Toxiinfeccións alimentarias

Triquinose

Varicela

ANEXO II

Relación de enfermidades que requiren declaración obrigatoria individualizada:

Botulismo

Brucelose

Cólera

Difteria

Disentería bacilar

Enfermidade invasiva por Haemophilus influenzae b

Enfermidade meningocócica

Febre amarela

Febre botonosa

Febres tifoidea e paratifoidea

Hepatite vírica A

Hepatite vírica B

Hepatites víricas, outras

Lexionelose

Lepra

Meninxite tuberculosa

Meninxites víricas

Paludismo

Parotidite

Peste

Poliomielite

Rabia

Rubéola

Rubéola conxénita

Sarampelo

Sífilis conxénita

Tétano

Tétano neonatal

Tifo exantemático

Tose ferina

Toxiinfeccións alimentarias

Triquinose

ANEXO III

Relación de enfermidades que requiren declaración obrigatoria urxente:

Botulismo

Cólera

Difteria

Enfermidade invasiva por Haemophilus influenzae b

Enfermidade meningocócica

Febre amarela

Peste

Poliomielite

Rabia

Tifo exantemático

Toxiinfeccións alimentarias, só ante a sospeita dun abrocho

Abrochos epidémicos de calquera orixe

ANEXO IV

Variables que deben de figurar nas declaracións numérica e individualizada.

Numérica:

Información relativa ó declarante: nome e apelidos, nº colexiado, código do punto de notificación.

Información sobre a semana á que se refire a declaración: data de comezo da semana á que se refire a declaración.

Información sobre as enfermidades declaradas: nome das enfermidades declaradas e nº de casos detectados de cada unha delas.

Enviar semanalmente, aínda que non se detecte ningún caso.

Individualizada:

Información relativa ó declarante: nome e apelidos, nº colexiado, código do punto de notificación.

Información sobre a semana á que se refire a declaración: data de comezo da semana á que se refire a declaración.

Información relativa á identificación do paciente: nome e apelidos, data de nacemento, sexo, domicilio, concello, provincia, teléfono, centro de traballo ou estudio (se procede).

Información sobre a enfermidade declarada: data de inicio dos síntomas, nome da enfermidade declarada.

No caso de estar incluída no calendario vacinal, indicarase se o paciente está vacinado contra ela ou non.

Se indicarase se a notificación se realiza a partir de sospeita clínica ou confirmación analítica.

Tipo de presentación: esporádica ou abrocho.

7265