Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 28 de xullo de 1998 Páx. 8.596

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de xullo de 1998 pola que se dispón a concesión de axudas a persoas físicas e xurídicas para actuacións en países en vías de desenvolvemento.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública ten establecida unha liña de axuda que, baixo a rúbrica orzamentaria de «a familias e institucións sen fins de lucro», se dedica á cobertura de necesidades xurdidas por razón do seu interese social ou humanitario.

As ditas axudas teñen carácter simplemente paliativo e destínanse a plasmar en accións concretas o compromiso da Xunta de Galicia na atención a accións humanitarias nos paises en vías de desenvolvemento, de tal xeito que alcancen a complementar ou alivia-la carencia de recursos, sen pretender solucións de desenvolvemento sostido (que xa se recollen na orde de convocatoria de axudas a ONGDs para execución de proxectos de desenvolvemento). Polos ditos motivos propóñense uns mecanismos de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.

En consecuencia, convén introducir na presente convocatoria uns criterios básicos nos que se fundamentan as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que non xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón das limitacións dos créditos e da propia índole da convocatoria e, por outra banda, que a consellería estea en situación de lle facer fronte ó número crecente de solicitudes que se van producindo cada ano.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá conceder axudas económicas por razón de interese social e humanitario, ás peticións solicitadas desde países en vías de desenvolvemento, por un importe de sete millóns cincocentas mil pesetas (7.500.000 ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 04.013.121A.490.00, existiendo crédito suficiente na partida indicada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, Lei 1/1998, do 7 de abril.

Poderán solicita-las devanditas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria.

Dadas as dificultades das comunicacións nos países en vías de desenvolvemento, onde son destinadas a maioría destas subvencións, faise necesario que o importe das axudas sexa librado en firme, pola intervención, á habilitación da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que será encargada de face-lo pagamento.

Artigo 2º.-A concesión das ditas axudas baséase nos seguintes criterios:

1. Emerxencia dos feitos, demostradas polos peticionarios.

2. Necesidade urxente de recursos económicos para paliar ou solucionar, segundo os casos, as causas sobrevidas.

3. Carencia de medios económicos propios ou dos obtidos por outros medios de lle facer fronte á situación denotada.

4. Incidencia, se é o caso, no contorno social ou comunitario no sentido ó que se dedica a presente convocatoria.

5. Concederáselles prioridade ás solicitudes que preveñan de/ou a través de persoas ou institucións que teñan vinculación con Galicia.

6. Concederáselles prioridade ós proxectos que sirvan para paliar, cubrir ou prever catástrofes de tipo natural e imprevisibles e de conservación do medio ambiente.

Artigo 3º.-As solicitudes formalizaranse a través de peticións dirixidas ó presidente da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Considéranse situacións de emerxencia aquelas que demanden atención económica urxente para cubri-las necesidades de carácter básico e urxente, tales como, entre outras similares, as seguintes:

1. As destinadas a cubrir necesidades básicas derivadas de problemas de alimentación, vestido, atención sanitaria, educación e outras de natureza análoga non cubertas.

2. As encamiñadas a promove-la inserción ou recuperación de persoas en situación de marxinación social, que non teñan cuberta esta atención por outros medios.

3. As encamiñadas a paliar, cubrir ou prever catástrofes de tipo natural e imprevisible, así como conservación do medio ambiente.

Artigo 5º.-Os interesados na obtención destas axudas deberán dirixirlle as súas solicitudes ó presidente da Xunta de Galicia. As solicitudes deberán cubrirse preferentemente a máquina ou en letras maiúsculas.

Artigo 6º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento dos gastos para os que solicita axuda.

b) Datos da entidade bancaria na que desexe que se faga efectivo o ingreso.

Artigo 7º.-O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación a que se refire o artigo anterior deberán ser reparados ou completados, se é o caso, no prazo de 15 días a partir da notificación do seu requirimento, quedando sen efecto aquelas solicitudes que non cumpran co referido trámite.

Artigo 8º.-As solicitudes presentadas por persoas xurídicas excluirán calquera outra presentada separadamente por outros membros destas.

Artigo 9º.-A Dirección Xeral de Relacións Institucionais desta consellería, á vista das solicitudes recibidas ó abeiro da presente disposición, elevaralle informe e proposta ó conselleiro, que resolverá.

Artigo 10º.-O prazo de presentación das solicitudes queda aberto desde a entrada en vigor desta orde ata o día 15 de novembro de 1998.

Artigo 11º.-De conformidade co disposto polo artigo 43.2º c), a contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e co Decreto 264/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios, no caso de non recaer resolución en prazo, as solicitudes deberán entenderase desestimadas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1998.

Dositeo Rodrígue Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6559