Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 27 de xullo de 1998 Páx. 8.517

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 1998 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de dúas prazas de técnicos de normalización lingüística, grupo I do cadro de persoal laboral desta universidade.

A Xunta de Goberno e o Consello Social aprobaron nas súas reunións do 21 de decembro de 1995 e 14 de febreiro de 1996 a Oferta Pública de Emprego do ano 1995.

Nela apróbase a reconversión de traballo de axudantes de normalización lingüística do grupo II polos de técnicos de normalización lingüística do grupo I, do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia. Este acordo xorde como unha necesidade de adapta-los mencionados postos a unha clasificación profesional acorde co nivel de responsabilidade que as necesidades cambiantes da universidade esixen, dentro dun marco de optimización dos recursos humanos da institución universitaria.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade resolve convocar probas selectivas para cubrir 2 prazas de técnicos de normalización lingüística do grupo I do seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 2 prazas de técnicos de normalización lingüística, grupo I, do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996) polo sistema de promoción interna.

1.2. O persoal que supere as probas selectivas quedará destinado nos postos de traballo obxecto da presente convocatoria.

1.3. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición e as súas probas e valo

racións axustaranse ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.4. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida sumando ambalas dúas fases.

1.5. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato:

a) Ser español ou nacional de calquera estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

f) Te-la condición de persoal laboral fixo das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Pertencer a distinta categoría cá das prazas convocadas na presente convocatoria.

h) Ter permanecido un mínimo de 6 meses na súa categoría profesional.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá solicitalo ó rector da Universidade de Santiago de Compostela en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte día ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os/as aspirantes deberán facer constar na súa solicitude o sistema polo que se inscriben: promoción interna.

3.2. A instancia irá acompañada de fotocopia do DNI e dos xustificantes dos méritos que se valorarán na fase de concurso, da maneira que se indica:

3.2.1. Certificación acreditativa dos servicios prestados, expedida pola unidade de persoal da universidade pública de Galicia onde prestaron os servicios referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.2.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.2.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente xerencia ou unidade de persoal da Administración onde se prestaron os servicios.

3.2.4. A certificación acreditativa dos extremos indicados nas bases 3.2.1, 3.2.2 (só se certificarán os

cursos que consten no expediente) e 3.2.3 expedirase de oficio para os aspirantes que presten ou prestasen servicios na Universidade de Santiago de Compostela, e engadirase á solicitude dos aspirantes.

3.2.5. En calquera momento a universidade poderá requirir dos/as candidatos/as os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.3. A presentación de solicitudes farase nos rexistros xerais da universidade situados no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n) ou na Vicexerencia de Lugo (Augas Férreas, Polígono de Fingoi, Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia Oposicións número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

3.5. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estos datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Os aspirantes con minusvalidecez deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que a adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de admisión de solicitude o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas da exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

Para repara-los defectos que motivaran a exclusión ou omisión das devanditas relacións, os aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparasen a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

A resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos esgotará a vía administrativa.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real Decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as Administracións Públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE do

26-3-1993) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (Diario Oficial de Galicia do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (Diario Oficial de Galicia do 14 de febreiro).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos devanditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores deberá comunicárselle ó rector da universidade. O nomeamento dos asesores farase público, e seranlles de aplicación as mesmas causas de abstención e recusación igual que os membros do tribunal.

5.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.6 as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. Neses casos, o tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.8. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaron, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para acreditaren a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se fixera o primeiro deles así como no rectorado da universidade, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegura-la súa máxima divulgación, cunha antelación de polo menos vintecatro horas á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición maila obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. En caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate, dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación na fase específica.

O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, e que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convo

cadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a documentación necesaria, que non conste no devandito servicio.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Disposición derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e das actuacións do tribunal poderán ser impugnados nos casos e nas formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 1998.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: TÉCNICOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Procedemento de selección:

1. O procedemento de selección será o de concurso-oposición e constará das seguintes fases:

1.1. Primeira fase, de carácter eliminatorio. Constará de dous exercicios:

Primeiro exercicio: consistirá na exposición por escrito dun tema dos propostos polo tribunal á escolla dos opositores entre os que forman o temario específico.

O tempo máximo de realización deste exercicio será de dúas horas.

A puntuación será de 0 a 30 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 15 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na resolución dun caso práctico proposto polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será de dúas horas.

A puntuación será de 0 a 30 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 15 puntos.

1.2. Segunda fase:

Proba de galego. Terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto de castelán para galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto de galego para castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

1.3. Terceira fase: concurso. Máximo 30 puntos.

a) Antigüidade: máximo 8 puntos, a razón de 0,055 puntos por mes traballado.

b) Experiencia: máximo 13 puntos, a razón de 0,18 puntos mes na mesma categoría en universidades públicas.

c) Cursos de formación e perfeccionamento, dispensados por centros ou organismos oficiais e que estean directamente relacionados co contido da praza, máximo 5 puntos, puntuarán do seguinte xeito:

*Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso.

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

*Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

d) Entrevista: valorarase ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: TÉCNICOS

DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. GRUPO I

Programa.

1. O galego na Idade Media.

2. Os séculos escuros.

3. Do Rexurdimento á Guerra Civil.

4. Da Guerra Civil ós nosos días.

5. Situación sociolingüística do idioma galego: bilingüismo, diglosia, conflicto lingüístico.

6. Factores sociais do bilingüismo en Galicia. Lealdade lingüística, cambio lingüístico, prestixio e promoción social.

7. Situación sociolingüística de Galicia: coñecementos lingüísticos.

8. Situación sociolingüística de Galicia: usos lingüísticos.

9. Situación sociolingüística de Galicia: actitudes lingüísticas.

10. Liñas xerais do proceso de normalización lingüística nos ámbitos educativo, institucional, socioeconómico e da comunicación en Galicia.

11. Lexislación lingüística. A Constitución española e o Estatuto de autonomía.

12. A Lei de normalización lingüística de Galicia.

13. Os Estatutos da universidade. O Regulamento de uso do galego.

14. Europa multilingüe. Linguas minorizadas e minorías lingüísticas en Europa.

15. O caso español. Linguas minorizadas e minorías lingüísticas en España.

16. O galego na universidade. O Servicio de Normalización Lingüística.

17. A normalización lingüística. A planificación do estatus e do corpus, da adquisición e do prestixio.

18. Os servicios de normalización lingüística: definición, organización e funcións.

19. Criterios de elaboración dun plan de normalización lingüística.

20. Definición e obxectivos da planificación lingüística.

21. Definición e obxectivos da dinamización lingüística.

22. O galego hoxe, o estándar e as variedades. Problemas e avances na estandarización do galego.

23. O galego común e as variedades xeográficas. Desviacións da norma: vulgarismos, arcaísmos, hiperenxebrismos, castelanismos e lusismos.

24. Variedades estilísticas, os rexistros e os tecnolectos.

25. A terminoloxía en Galicia.

26. Principios básicos do traballo terminolóxico.

27. Fonoloxía, fonética e ortografía.

28. Morfosintaxe: o nome e os pronomes. As súas funcións sintácticas.

29. Morfosintaxe: o verbo. Tipos de predicado. Tipos de oración segundo o predicado.

30. Morfosintaxe: o adverbio, a preposición, a conxunción e outros nexos. Os complementos circunstanciais. A oración composta. A estructura do texto.

31. Semántica e lexicografía. Campos e riscos semánticos. Relacións semánticas (sinónimos, homónimos, contrarios...). Criterios e métodos no traballo lexicográfico. Os problemas léxicos e o manexo de diccionarios.

32. Léxico. Mecanismos de creación de palabras. A renovación do léxico galego.

33. A redacción. Técnicas de redacción.

34. A linguaxe administrativa.

ANEXO III

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: TÉCNICOS

DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. GRUPO I.

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: Celso Rodríguez Fernández, vicerrector de Ordenación Académica e Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vocais:

*Representantes da universidade:

Manuel C. Núñez Singala, responsable do Servicio de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

X. Henrique Monteagudo Romero, profesor titular do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

*Representantes do comité de empresa:

Carmen Jove Ferreiro, grupo III, do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Javier Quiñoy Taboada, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Secretaria: Mª Consuelo Noya Sabel, funcionaria de carreira da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente

-Presidente: Antonio López Díaz, vicerrector de Coordinación do Campus de Compostela da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vocais:

*Representantes da universidade:

Rosario Álvarez Blanco, directora do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Antón Santamarina Fernández, director do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

*Representantes do comité de empresa:

Francisco Castro Alvaredo, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Ezequiel Vázquez Fernández, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Secretaria: Mª Celsa García-Píccoli Atanes, funcionaria de carreira da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

6593