Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 17 de xullo de 1998 Páx. 8.131

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 1998 pola que se dispón a publicación do modelo de estatutos de confrarías elaborados de conformidade co disposto no Decreto 79/1998, do 12 de febreiro.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ó abeiro do artigo 27.29º do Estatuto de autonomía, ten atribuída a competencia exclusiva en materia de confrarías. No exercicio desa competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, establecéndose nos artigos 2.2º e 2.3º a obriga e contido mínimo dos estatutos polos que deberán rexe-la súa actuación, debendo ser sometidos posteriormente á ratificación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, previsión recollida así mesmo no artigo 3 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia.

Co fin de impulsar e axiliza-la elaboración dos estatutos das confrarías de pescadores de Galicia, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, elaborou un modelo de estatutos que recolle todos aqueles aspectos que a Lei 9/1993 establece como obrigatorios e algúns máis que garantan o bo funcionamento destas e un respeto estricto á normativa vixente.

Os devanditos estatutos permitiranlles ás confrarías presentalos no Rexistro de Confrarías no prazo previsto nas disposicións transitorias do Decreto 79/1998.

Este modelo de estatuto permite, e así se recolle neles, que sexa adaptado ás peculiaridades e singularidades de cada confraría e zona, non tendo carácter obrigatorio, polo que se coida conveniente a súa máxima difusión, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo iso resolvo dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia do modelo de estatutos de confrarías de pescadores de Galicia, elaborados de conformidade coa Lei 9/1993, do 8 de xullo, e o Decreto 79/1998, do 12 de febreiro.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

Capítulo I

Denominación, ámbito territorial e domicilio

Artigo 1º

A Confraría de Pescadores de , (concello) , (provincia) é unha corporación de dereito público, dotada de persona

lidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lle están encomendadas, que actúa como órgano de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro e representa os intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector.

Artigo 2º

O seu ámbito territorial comprende desde (punto de costa) a (punto de costa).

Artigo 3º

A confraría ten o seu domicilio social en , e o cabido poderá acorda-lo cambio de domicilio, dando conta á Xunta Xeral e á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Capítulo II

Das funcións da confraría

Artigo 4º

Son funcións da confraría.

1. Como órgano de consulta e colaboración coa Administración, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Orientar a tódolos seus membros sobre as accións derivadas da aplicación da normativa concernente ó sector pesqueiro e, en particular, sobre axudas, subvencións e programas establecidos pola Administración pública.

b) Actuar como oficinas públicas, no referente á recepción, rexistro e tramitación de documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma, cando expresamente así se estableza en virtude de disposición regulamentaria.

c) Promover actividades de formación dos profesionais nas actividades referidas á pesca.

d) Servirlle como entidade de consulta á Administración en tódalas cuestións concernentes ó sector, en especial na elaboración das disposicións de carácter xeral que lle sexan sometidas.

e) Elevarlle á Administración propostas sobre materias de interese pesqueiro e, en particular, sobre aquelas accións tendentes a mellora-las condicións técnicas, económicas e sociais da actividade pesqueira.

f) Promove-la creación de servicios comúns para os seus membros.

g) Velar polo estricto cumprimento da normativa vixente en materia de pesca, de descarga, primeira venda e de comercialización dos recursos mariños.

h) Colaborar coa Administración na elaboración das estatísticas do sector pesqueiro e marisqueiro

e, en particular, remitille á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura os datos relativos á descarga e primeira venda dos recursos mariños en fresco, na forma e prazo determinados regulamentariamente.

2. Así mesmo, na defensa dos intereses profesionais, correspóndenlle as funcións de:

a) Promove-la creación de servicios sociais, recreativos, culturais ou análogos para os seus membros.

b) Xestiona-las áreas da zona marítimo e marítimo-terrestre que lle foran confiadas mediante o título administrativo habilitante correspondente, expedido pola Administración competente.

c) Xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por calquera Administración pública para o cumprimento dos seus fins.

d) Responsabilizarse da vixilancia das zonas de dominio público marítimo e marítimo-terrestre que lle foran confiadas para o seu aproveitamento.

e) Administra-los seus propios recursos e patrimonio.

f) Prestar servicios de caracter xeral ós socios.

g) Promove-la execución de plans de capturas, concentra-la oferta e regulariza-los prezos.

h) Establece-los plans de producción e comercialización co fin de mellora-la calidade dos productos e adapta-lo volume da oferta ás esixencias do mercado.

i) Adopta-las medidas necesarias para a aplicación da política pesqueira comunitaria.

l) Fomenta-lo movemento asociativo como instrumento para a consecución dos obxectivos de ordenación e potenciación do sector.

3. Desenvolver aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas ou encomendadas pola Administración pública.

Capítulo III

Dos membros da confraría

Artigo 5º.-Dos membros.

1. Poden ser membros da confraría as persoas físicas ou xurídicas que voluntariamente se asocien, sempre que desenvolvan actividade empresarial ou laboral no sector estando en posesión do correspondente título administrativo habilitante e dentro do ámbito territorial da confraría.

2. A condición de membro da confraría atribúe, desde o momento da súa afiliación, a plenitude de igualdade dos dereitos e obrigas inherentes a ela, agás o de ser elixible que requirirá o exercicio ininterrompido durante alomenos dous anos no ámbito territorial da confraría da actividade económica ou

laboral dentro do sector pesqueiro ou marisqueiro, sen discriminación ningunha por razón de sexo, raza, relixión, ideoloxía ou de calquera outra clase e a partir dos 18 anos de idade.

3. Para os efectos asociativos, os mariscadores terán a condición de traballadores.

4. Os pensionistas do sector poderán seguir mantendo a súa condición de membros da confraría sempre que o soliciten, non podendo exerce-los dereitos de ser electores nin elixibles, agás no caso daqueles membros que, de acordo coa lexislación vixente, poidan seguir desenvolvendo unha actividade empresarial.

5. Ningún membro da confraría poderá pertencer simultaneamente a outra confraría.

Artigo 6º.-Dereitos dos membros.

Son dereitos dos membros da confraría:

a) Elixir e ser elixidos para postos de representación e dirección dentro da confraría e exercer, se así fosen designados, a dita representación.

b) Exercer accións e recursos en relación cos seus dereitos e instar á confraría ó exercicio das actuacións necesarias para a defensa dos seus intereses.

c) Participar en tódolos actos e reunións ós que sexan convocados.

d) Solicitar ó cabido as aclaracións e informes que coiden necesarios sobre o estado da Administración, patrimonio, funcionamento e actuacións da confraría, en todo aquilo que lles poida afectar.

e) Formular todo tipo de propostas e resolucións ós seus representantes.

f) Utiliza-los servicios da confraría.

g) Participar na constitución e desenvolvemento das correspondentes seccións.

h) Constituírse, dentro da confraría, en agrupacións sectoriais e participar na súa constitución, de conformidade co disposto no presente estatuto.

i) Expresar libremente as súas opinións en materia e asuntos de interese do sector.

l) Reunirse na confraría para tratar asuntos propios da profesión, con suxeición ás normas estatuarias.

m) Dispoñer dunha copia dos estatutos e regulamentos de réxime interior.

Artigo 7º.-Obrigas dos membros.

Son obrigas dos membros da confraría:

a) Actuar conforme o disposto nos estatutos e regulamento de réxime interior da confraría, así como ó establecido na legalidade vixente.

b) Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da confraría.

c) Actuar con lealdade e boa fe, non obstaculizando o normal funcionamento da confraría.

d) Respecta-la libre manifestación de pareceres e non entorpece-las actividades da confraría.

e) Facilitar información solvente e responsable sobre cuestións que non teñan natureza reservada, cando lle sexa requirida pola confraría.

f) Satisface-las cotas ou derramas que se establezan para contribuír ó sostemento da confraría ou agrupación.

g) Asistir e participar en tódalas accións, actos e reunións ós que sexan convocados pola confraría.

h) Acata-los estatutos, regulamentos de réxime interior, e demais normas de funcionamento da confraría.

Artigo 8º.-Altas e baixas dos membros da confraría.

1. Das altas.

a) As persoas físicas ou xurídicas que voluntariamente desexen ser membros da confraría e reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.1º deste estatuto presentarán escrito en tal sentido, dirixido ó patrón maior quen, xuntamente coas informacións oportunas, dará conta ó cabido, na súa primeira reunión.

b) Unha vez valorada a solicitude e comprobado que o solicitante cumpre cos requisitos necesarios para ser socio e de non existir ningunha outra razón que impida a súa afiliación, o cabido autorizará a dar de alta ó novo socio.

2. Das baixas.

As baixas produciranse por:

a) Vontade do membro.

b) Por non reuni-los requisitos requiridos na lexislación vixente e no Estatuto da confraría.

c) Como consecuencia de expediente incoado polo órgano competente, cando o remate deste supoña a sanción de expulsión da confraría.

Capítulo IV

Estructura orgánica

Artigo 9º.-Órganos rectores.

Son órganos rectores da confraría a xunta xeral ou asemblea, o cabido ou comisión permante e o patrón maior.

Artigo 10º.-Da xunta xeral.

1. A xunta xeral é o órgano superior de goberno e decisión da confraría na que están representados tódolos profesionais do sector afiliados a ela.

2. A xunta xeral actúa como órgano de control e fiscalización dos restantes órganos rectores da confraría. Os acordos que adopte obrigan á totalidade dos afiliados.

Artigo 11º.-Composición da xunta xeral.

1. Os membros da xunta xeral elixiranse mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, por un período de catro anos, podendo ser reelixidos.

A constitución da xunta xeral levarase a cabo dentro dos 30 días seguintes ó da proclamación de candidatos elixidos pola comisión electoral. No mesmo acto procederase á elección de presidentes de agrupacións, vocais do cabido así como do patrón maior.

2. A xunta xeral está presidida polo patrón maior, asistido polos vicepatróns maiores e secretario que levantará acta dos acordos e resolucións adoptados.

3. A xunta xeral está composta por membros. Sempre que sexa posible respectarase a paridade entre traballadores e empresarios. Nela terán representación a totalidade dos sectores da producción que integran a confraría.

Artigo 12º.-Das funcións.

Correspóndenlle á xunta xeral as seguintes funcións:

a) A súa constitución e a das distintas comisións.

b) Aprobar e modificar total ou parcialmente os estatutos e regulamentos internos da confraría.

c) Acorda-la disolución dos órganos rectores e convocatoria de eleccións, por propia iniciativa ou por acordo do cabido.

d) Elixir e cesar ó patrón maior e ós membros do cabido.

e) Nomear e cesa-lo secretario da xunta xeral e do cabido conforme ó disposto no artigo 18 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro.

f) Defini-lo ámbito territorial da confraría e acorda-la súa modificación.

g) Acorda-la fusión, disolución ou federación da confraría.

h) Aproba-lo orzamento anual e as súas modificacións, illada ou acumulativamente, cando estas excedan do 10% do seu total.

i) Acorda-la fixación das cotas ordinarias ou derramas extraordinarias.

l) Acordar calquera actuación que comprometa o seu patrimonio en máis do 25%.

m) Autoriza-lo patrón maior para tomar diñeiro a préstamo, concertar avais e demais instrumentos financeiros, asinar convenios, concertos e acordos e interpoñer recursos e litixios.

n) Aproba-la memoria anual relativa ás actividades da confraría e á súa situación socioeconómica.

ñ) Constituí-la sección de organización da producción-

o) Autoriza-la contratación do persoal laboral propio.

p) Decidir sobre aquelas cuestións de interese que outro órgano rector someta á súa consideración.

q) Solicitar e recibir do cabido a información oportuna sobre a situación da confraría.

(E aqueloutras que considere a confraría, dentro das competencias que lle outorga a legalidade vixente).

Artigo 13º.-Da delegación de funcións.

1. A xunta xeral, por acordo da maioría absoluta dos seus membros, poderá delegar no cabido as funcións recollidas nas alíneas m) e o) do artigo anterior.

2. En caso de urxencia, e sen necesidade de delegación, o cabido poderá autorizar ó patrón maior para interpoñer recursos e litixios dándolle conta á xunta xeral na súa primeira reunión.

Artigo 14º.-Do funcionamento da xunta xeral.

1. O pleno da xunta xeral estará formado polo patrón maior e os presidentes e vocais das agrupacións de traballadores e empresarios.

2. A xunta xeral estará presidida polo patrón maior ou persoa que o substitúa.

3. Cada unha das agrupacións de traballadores e empresarios que forman a xunta xeral poderá reunirse para tratar temas específicos do sector ó que representan.

4. O pleno da xunta xeral reunirase como mínimo unha vez ó ano.

Con carácter extraordinario poderá reunirse nos termos previstos no artigo 33, do presente estatuto.

5. Para a válida constitución da xunta xeral, para os efectos de adopción de acordos, requirirase a presencia do patrón maior, secretario ou, se é o caso, de quen os substitúan, e da metade alomenos dos seus membros.

6. Para seren válidos os acordos adoptados pola xunta xeral deberán ser aprobados pola maioría dos membros presentes, agás nos seguintes casos:

a) A constitución, dentro da confraría, da sección de organización da producción, así como a federación con outras confrarías requirirán do respaldo da maioría absoluta.

b) As funcións recollidas nas alíneas b) e l) do artigo 12º deste estatuto requirirán do respaldo dos dous tercios (2/3) dos membros da xunta xeral.

c) O cesamento do patrón maior antes da expiración do seu mandato requirirá o respaldo dos tres quintos (3/5) dos membros da xunta xeral.

d) A fusión e disolución da confraría requirirá o respaldo das tres cuartas (3/4) partes dos membros da xunta xeral.

Artigo 15º.-O cabido e a súa composición.

1. O cabido é o órgano de goberno, xestión e administración da confraría.

2. A composición do cabido será paritaria nos mesmos termos previstos para a xunta xeral. Estará presidido polo patrón maior e composto polos dous vicepatróns maiores, por vocais e polo secretario, que levantará acta dos acordos e resolucións adoptados.

3. Os vocais do cabido serán elixidos polos compoñentes das agrupacións de traballadores e empresarios que forman parte da xunta electoral, de entre os seus membros. A súa toma de posesión realizarase dentro dos 10 días seguintes á constitución da xunta xeral.

4. A duración do mandato será de 4 anos.

Artigo 16º.-Funcións do cabido.

Son funcións do cabido:

a) Dirixir e realiza-las actividades necesarias para o exercicio das facultades atribuídas á confraría.

b) Velar polo cumprimento dos acordos da Xunta Xeral.

c) Velar polo normal funcionamento dos servicios da confraría.

d) Elaborar e propoñer á xunta xeral o proxecto de orzamento e as súas modificacións, cando estas excedan do 10% do total.

e) Executa-lo orzamento aplicando o plan de contabilidade correspondente, e proceder ás súas modificacións, sempre que o global destas non excedan do 10% do total, debendo dar cumprida conta de cada un destes acordos á xunta xeral.

f) Acordar calquera actuación que non comprometa o patrimonio da confraría en máis dun 25%.

g) Elabora-la memoria anual relativa ás actividades da confraría e á súa situación socioeconómica, someténdoa á xunta xeral para a súa aprobación.

h) Resolve-las altas e baixas dos seus afiliados, e logo de instrucción do oportuno expediente, acorda-la separación daqueles por razóns disciplinarias.

i) Propoñerlle ó pleno da xunta xeral os programas anuais de actuación e xestión corporativa e realizar e dirixi-los xa aprobados, dando conta do seu cumprimento.

l) Confeccionar e propoñer ó pleno da xunta xeral a aprobación de toda clase de proxectos de orzamento e as súas liquidacións.

m) Tomar acordos en materia de ordenación de cobros e pagos e inspecciona-la contabilidade xeral de cobros e pagos da confraría, sen prexuízo das facultades atribuídas ó administrador e interventor, todo de acordo co presente estatuto.

n) Elaborar e propoñer á xunta xeral o proxecto de estatutos, así como os regulamentos internos que procedan e as súas modificacións.

ñ) Propoñerlle á xunta xeral a disolución dos órganos rectores e a convocatoria de eleccións.

(E aqueloutras que a confraría considere, dentro das competencias que lle outorga a legalidade vixente).

Artigo 17º.-Funcionamento do cabido.

1. O cabido reunirase con carácter ordinario unha vez ó mes, e con carácter extraordinario sempre que o convoque o patrón maior, por decisión propia ou a petición da maioría dos seus membros.

2. Para a válida constitución do cabido, para os efectos de adopción de acordos, requirirase a presencia do patrón maior, secretario ou, se é o caso, de quen os substitúan, e a metade alomenos dos seus membros.

Artigo 18º.-Do patrón maior.

1. O patrón maior é o órgano representativo da confraría. Preside a xunta xeral e o cabido, participando nas súas reunións con voz e voto, o cal será de calidade en caso de empate.

2. A toma de posesión do patrón maior farase dentro dos 5 días seguintes ó da constitución da xunta xeral.

3. O cargo de patrón maior é incompatible con calquera outro nos órganos de goberno das agrupacións e sectores da producción integrados na confraría.

4. A duración do mandato será de catro anos.

Artigo 19º.-Da elección do patrón maior.

1. O patrón maior será elixido pola xunta xeral de entre os seus membros, de acordo co disposto no artigo 11º.

2. Os candidatos a patrón maior deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ser cidadán da Unión Europea.

b) Ser maior de 18 anos.

c) Ser proposto, alomenos, por cinco vocais da xunta xeral. Cada vocal só poderá asina-la proposta dun candidato.

3. As candidaturas presentaranse por escrito ante a comisión electoral da confraría, dentro do prazo que sinale o calendario electoral confeccionado para o efecto.

4. Se se producise o empate nas votacións repetiranse estas ata unha terceira vez e de persistir aquel, quedará suspendida a elección e aberto un novo prazo de quince días durante o que se poderán presentar novas candidaturas. Transcorrido este convocarase nova elección baixo as mesmas normas. De persisti-lo empate ata a terceira votación, nesta segunda elección, resolverase a favor do candidato de maior idade de entre os que obtiveron a maioria de votos, e de persistir aquel resolverase a favor do candidato con maior antigüidade na condición de socio na confraría.

Una vez elixido o patrón maior, a súa vacante como membro da xunta xeral será cuberta pola persoa da mesma agrupación e sector da producción que lle corresponda, en función do número de votos obtidos no proceso electoral.

De non presentarense candidatos a patrón maior, os vocais da xunta xeral consideraranse todos eles electores e elixibles.

Artigo 20º.-Do cesamento do patrón maior.

1. O cesamento do patrón maior poderase producir por acordo do pleno da xunta xeral, adoptado antes da expiración do mandato, e irá precedido das seguintes formalidades en canto á actuación interna da xunta xeral :

a) Presentarase escrito razoado no que se fundamenten os motivos da solicitude, subscrito, alomenos, pola terceira (1/3) parte dos vocais do pleno da xunta xeral.

b) O cabido reunirase en sesión extraordinaria para examina-la regularización da petición e se a atopase conforme co previsto na alínea anterior, acordará a convocatoria do pleno da xunta xeral cunha antelación mínima de oito días á data da reunión.

c) A reunión do pleno da xunta xeral será presidida pola persoa que lle corresponda nos termos fixados no artigo 23º do presente estatuto.

O patrón maior, por sí ou por medio dun representante, poderá asistir á reunión do pleno e participar nela.

d) A reunión terá lugar sen solución de continuidade e a votación será nominal.

Se a votación non acadara a maioría suficiente, de acordo co disposto no artigo 14º, non poderá presentarse nova solicitude antes de transcorrer un ano. Esta maioría será, alomenos, das tres quintas (3/5) partes dos vocais que compoñen a totalidade do pleno da xunta xeral.

Artigo 21º.-Da gratificación do patrón maior.

O patrón maior poderá recibir unha gratificación en concepto de gastos de representación na contía que lle sinale o cabido e aprobe o pleno da xunta xeral.

Artigo 22º.-Das funcións do patrón maior.

Correspóndenlle ó patrón maior as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión da confraría.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las reunións dos órganos colexiados da confraría e dirixi-las súas deliberacións.

c) Coordina-la actuación dos membros do cabido e demais órganos da confraría.

d) Ostenta-la representación legal da confraría e ser canle de relación da mesma con calquera outra entidade e institución.

e) Colaborar coas federacións nas que se integre a confraría.

f) Ordena-los pagos previstos nos orzamentos.

g) Servir de canle de relación entre a confraría e as agrupacións que a integren.

h) Contrata-la realización de auditorías e demais estudios sobre a situación económica da confraría.

(E aqueloutras que a confraría considere deben poñerse, dentro das competencias que lle outorga a legalidade vixente).

Artigo 23º.-Dos vicepatróns maiores.

1. Ostentará o cargo de vicepatrón maior primeiro o presidente da agrupación de empresarios ou traballadores distinta á de procedencia do patrón maior. Será vicepatrón maior segundo o presidente da agrupación á que pertence o patrón maior elixido.

2. Os vicepatróns maiores, en función da súa orde, substituirán o patrón maior nos casos de vacante, en canto non se proceda a unha nova elección deste, ausencia ou enfermidade.

Artigo 24º.-Da provisión de vacantes nos órganos de goberno.

As baixas definitivas producidas entre os membros dos órganos de goberno cubriranse do seguinte xeito:

a) Na xunta xeral, pola persoa da mesma agrupación e sector de producción que lle corresponda en función do número de votos obtidos no proceso electoral.

b) No cabido, mediante designación efectuada pola agrupación de empresarios ou traballadores que corresponda, entre os seus representantes na xunta xeral.

c) No caso do patrón maior, será elixido pola xunta xeral na forma prevista no artigo 19º deste estatuto.

d) Polo que respecta ós vicepatróns maiores, actuarase de acordo co disposto no artigo 23º deste estatuto.

Artigo 25º.-Do secretario da xunta xeral e do cabido.

1. A xunta xeral e o cabido contarán cun secretario que será unha persoa ó servicio da confraría. A súa designación correspóndelle á xunta xeral.

2. Correspóndelle ó secretario:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectua-la convocatoria por orde do patrón maior, asi como as citacións ós seus membros.

c) Recibi-los actos de comunicación dos membros co órgano, e xa que logo, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escrito dos que deba ter coñecemento.

d) Prepara-lo despacho dos asuntos e redacta-las actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, dictames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 26º.-Da comisión xestora.

1. No suposto da demisión da maioría dos membros da xunta xeral, entenderanse disoltos os órganos de goberno da confraría.

Neste caso, por parte do patrón maior saínte designarase unha comisión xestora que deberá constituírse no prazo de quince días contados desde a súa designación e que estará formada por cinco membros da confraría.

Os membros da comisión elixirán de entre eles a un presidente. Actuará como secretario o da Xunta Xeral e cabido.

2. Son funcións da Comisión Xestora.

a) A convocatoria de eleccións xerais nun prazo máximo de dous meses contados desde a súa constitución.

b) Adopta-las decisións ordinarias necesarias para o normal funcionamento da confraría ata a toma de posesión dos novos órganos de goberno.

Artigo 27º.-Das seccións.

1. Cando a confraría pretenda levar a cabo actividades de organización e comercialización da producción, estructurarase en dúas seccións que se denominarán de «orientación», que existirá en todo caso, e de «organización da producción».

2. Á sección de orientación correspóndenlle as funcións recollidas no artigo 4º.1 deste estatuto e as alíneas a) g) e l) do punto 2º do mesmo artigo.

3. Á sección de organización da producción correspóndenlle as funcións recollidas no artigo 4º.2, agás as alineas a) g) e l), deste estatuto e ademais darlle saída por medio da sección, se se coida necesario, ó producto ou conxunto de productos explotados polos seus membros, como tamén a de adopta-las medidas oportunas para garanti-lo exercicio racional da pesca e as condicións de venda da producción.

4. A sección de organización da producción contará con órganos diferenciados e establecerá as súas propias normas de funcionamento sen prexuízo de someterse ás recollidas con carácter xeral por este estatuto.

5. Cada sección terá un responsable encargado da xestión económica, nomeado pola xunta xeral por proposta do cabido.

Artigo 28º.-Das agrupacións.

1. Para acadar unha mellor consecución dos seus fins, os membros da confraría poderán formar, dentro dela, agrupacións sectoriais.

2. Os regulamentos de réxime interior, ademais de seren aprobados pola asemblea da agrupación que se constitúe, deberán ser aprobados polo pleno da xunta xeral da confraría.

Artigo 29º.-Da ordenación e coordinación das agrupacións.

1. As agrupacións formadas na confraría deberán mante-la necesaria coordinación e colaboración, sin prexuízo da súa autonomía, para o cumprimento das súas funcións propias e específicas.

2. As funcións de ordenación referidas ás agrupacións, exerceranse mediante os contidos que determine o cabido da confraría.

3. As agrupacións deberán notificar ó patrón maior da confraría, con tres días de antelación como mínimo, as reunións que vaian celebra-los seus órganos de goberno. Así mesmo daranlle traslado das actas correspondentes no menor tempo posible.

4. As reunións dos órganos de goberno da agrupación estarán presididas polo patrón maior, que poderá delegar nalgún dos vicepatróns maiores ou no presidente da agrupación.

Capítulo V

Dos acordos alcance e obrigatoriedade

Artigo 30º.-Da actuación dos órganos rectores.

Os órganos rectores da confraría axustarán a súa actuación ó disposto neste estatuto e ós seus acordos validamente adoptados, en canto non contradigan as disposicións legais.

Artigo 31º.-Deliberación e acordos.

Correspóndelle ó patrón maior da confraría dirixi-la discusión dos asuntos incluídos na orde do día da convocatoria, conceder e retira-la palabra ós oradores, declarar cerrada a deliberación e someter a votación as propostas.

O patrón maior moderará a extensión dos debates na xunta xeral ou no cabido, respectando en todo caso dúas quendas a favor e outras dúas en contra das respectivas propostas.

A liberdade de opinión que se recoñece a tódolos membros dos órganos rectores non protexe as manifestacións, actos ou palabras inxuriosas ou gravemente ofensivas para as persoas e institucións.

Aqueles que incorran nas devanditas faltas serán amoestados pola presidencia, que poderá retirarlle-lo uso da palabra e incluso expulsalos do local, sen prexuízo das medidas doutra orde a que houbese lugar.

Na xunta xeral e no cabido as votacións para adopción de acordos levaranse a cabo en votación ordinaria polo procedemento que fixe o patrón maior.

O patrón maior poderá decidir que a votación sexa secreta, por propia iniciativa ou mediante acordo maioritario do órgano rector, cando o aconselle a especial delicadeza do tema ou a significación das persoas afectadas.

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos vocais asistentes, salvo que a natureza do asunto requira e esixa, por precepto legal ou estatutario, quórum especial ou unha maioría cualificada. En caso de empate repetirase a votación e de persistir, decidirá o voto de calidade do patrón maior. Rematadas as votacións o patrón maior proclamará o resultado e os acordos que se adoptaron.

Para efectos de divulgación e publicación das disposicións, actos e acordos dos órganos rectores da confraría, aplicarase o establecido nas disposicións de carácter xeral, coas seguintes particularidades:

-A publicación no taboleiro de anuncios do extracto dos acordos manterase por un período de quince días a partir das datas da súa adopción ou ratificación.

-Cando os órganos rectores así o acorden, facilitarán nota ós medios de comunicación social sobre os seus acordos ou directrices validamente adoptados.

Artigo 32º.-Das reunións.

As reunións dos órganos rectores poden ser ordinarias e extraordinarias.

A asistencia ás reunións é obrigatoria. As reunións celebraranse sempre no domicilio social da confraría, salvo que se dispoña outra cousa na convocatoria.

Artigo 33º.-Das reunións extraordinarias.

As reunións extraordinarias do pleno da xunta xeral celebraranse cando o acorde o patrón maior ou o cabido. As do cabido cando o decida o patrón maior.

Tamén se celebrarán reunións extraordinarias, cando o soliciten, mediante escrito razoado, un tercio dos compoñentes dos respectivos órganos rectores ou calquera dos presidentes das agrupacións que forman a xunta xeral. O patrón maior efectuará a convocatoria no prazo de dez días ou comunicaralles ós interesados, no mesmo prazo, os motivos que impiden a súa celebración.

Artigo 34º.-Do prazo para as convocatorias das reunións.

As reunións convocaranse, de acordo co disposto no artigo 25 b) do estatuto, cun mínimo de sete días para a xunta xeral e de dous días para o cabido; as convocatorias das reunións de urxencia faranse co tempo necesario para notificárllelo persoalmente a cada membro.

Artigo 35º.-Das reunións non estatutarias.

O patrón maior por propia iniciativa ou mediante acordo de calquera dos órganos rectores, poderá convocar reunións ou asembleas dunha determinada agrupación, cando así o requira a peculiar natureza dos temas da convocatoria, e designar, se é o caso, por delegación quen deba presidilas.

Capítulo VI

Do proceso electoral

Artigo 36º.-Do réxime electoral.

1. Rematado o período de mandato dos órganos rectores, nun prazo máximo de tres meses, por proposta do cabido, a xunta xeral acordará a iniciación do proceso electoral.

2. Os vocais da xunta xeral e cabido, así coma o patrón maior, desempeñarán a súa condición en funcións ata que, pola comisión electoral, se proceda á proclamación dos candidatos elixidos.

Artigo 37º.-Da comisión electoral.

1. A comisión electoral, que se constituirá con ocasión de cada convocatoria, estará composta por:

-Un presidente, que será o socio de maior antigüidade na confraría.

-O vicepatrón maior primeiro.

-O vicepatrón maior segundo.

-O traballador de maior idade en activo.

-O empresario de maior idade.

-O secretario da xunta xeral.

2. Correspóndelle á comisión electoral.

a) Elaborar e propoñer ó cabido, para a súa aprobación, o plan, as normas e o calendario que corresponderá a todo o proceso electoral, debendo ser remitido con anterioridade ó inicio do proceso á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa ratificación.

b) Publica-lo censo electoral, que estará exposto ó público durante un prazo de 15 días, no taboleiro de anuncios da confraría, sendo susceptible de reclamacións e impugnacións por parte dos electores, sobre exclusións e inclusións, diante da comisión electoral.

c) Proclama-las candidaturas así como os candidatos electos.

d) Nomea- los membros da mesa electoral e ós seus suplentes.

3. A comisión electoral considerarase disolta finalizado o proceso de eleccións dos órganos de goberno e unha vez resoltas cantas cuestións e reclamacións se presentasen en relación con este.

Artigo 38º.-Do censo electoral.

O secretario da confraría entregará á comisión electoral os censos electorais actualizados e por separado, de empresarios por unha banda e de mariscadores e traballadores pola outra.

Artigo 39º.-Normas e plans electorais.

As normas e plans electorais deberán regular, como mínimo:

a) Requisitos para exerce-lo dereito ó voto:

1. Ter 18 anos cumpridos o día en que se celebren as votacións.

2. Non estar inhabilitado para o exercicio deste dereito por norma legal, estatutaria ou resolución firme de órgano competente.

3. Estar incluído na lista electoral actualizada.

b) Requisitos para ser elixible: ademais das condicións xerais para ser elector, deberán cumpri-los seguintes:

1. Saber ler e escribir.

2. Non estar inhabilitado por acordo, resolución ou sentencia de órgano competente, dos que se derive a suspensión ou inhabilitación para o exercicio de cargo representativo.

3. Acreditar no período inmediato anterior á convocatoria, un mínimo de dous anos de actividade profesional e permanencia na confraría, estando ó día de pagamento das obrigas económicas con esta.

4. Ser proposto por socios.

5. Ser proclamado candidato.

c) Voto por correo.

Os electores poderán exerce-lo seu dereito ó voto por correo de acordo co seguinte procedemento:

1. A papeleta de voto introducirase nun sobre da agrupación á que pertenza o elector.

2. O sobre contendo a papeleta introducirase, xunto coa fotocopia compulsada do documento nacional de identidade, pasaporte ou permiso de conducir, polo secretario da comisión electoral, noutro sobre que será enviado ó presidente da mesa electoral.

3. A comisión electoral establecerá os prazos para poder exerce-lo voto por correo.

Artigo 40º.-Da mesa electoral.

1. A mesa electoral estará composta por un presidente, que será o patrón maior da confraría; por catro vocais, dos que dous serán os traballadores de maior e menor idade da entidade, e os outros dous os armadores que reúnan iguais características; e o secretario, que será o da confraría.

2. A mesa electoral será a encargada de presidi-la votación, realiza-lo escrutinio e resolve-las reclamacións que se produzan en relación con estas. As súas resolucións serán susceptibles de recurso administrativo perante a comisión electoral, no prazo de dous días desde a celebración do proceso.

Capítulo VII

Do persoal da confraría

Artigo 41º.-Do persoal laboral.

O persoal laboral propio da confraría, contratado por esta, estará suxeito á autoridade dos órganos de goberno competentes en cada caso.

As funcións que desempeñará este persoal serán as que determine o cabido no contrato laboral, de conformidade coas disposicións de carácter xeral.

Artigo 42º.-Do xerente.

1. Co fin de xestiona-las seccións de que dispón a confraría, esta poderá contratar un xerente que, baixo as ordes do patrón maior, terá atribuídas as funcións que se lle encomenden polo órgano de goberno competente en cada caso.

2. O xerente dará conta da súa actividade ó cabido e á xunta xeral da confraría.

Artigo 43º.-Réxime disciplinario do persoal.

Ó persoal contratado pola confraría aplicaráselle o réxime disciplinario que corresponda de acordo co Estatuto dos traballadores e demais lexislación aplicable en cada caso.

Capítulo VIII

Do réxime económico

Artigo 44º.-Da autonomía financeira.

A confraría ten plena autonomía en canto á administración dos seus recursos, sexan orzamentarios ou patrimoniais, que aplicará ó cumprimento dos seus fins.

Artigo 45º.-Da capacidade de dispoñer.

A confraría ten plena capacidade para adquirir, posuír, gravar e allear libremente toda clase de bens e dereitos que integran o seu patrimonio.

Sección primeira

Dos recursos da confraría

Artigo 46º.-Patrimonio da confraría.

1. O patrimonio da confraría estará integrado por:

a) Os bens e dereitos que na actualidade posúe e os que adquira no sucesivo por calquera título.

b) As doazóns, legados e calquera outro dereito adquirido.

c) As accións ou títulos representativos do capital de empresas públicas ou privadas e as obrigas ou títulos análogos dos que a confraría sexa titular.

d) Os dereitos de propiedade incorporal que poida posuír.

2. A titularidade do patrimonio inmoble quedará debidamente reflectida no Rexistro da Propiedade a través da correspondente inscrición que se instará obrigatoriamente e baixo a responsabilidade do órgano de goberno competente.

3. O inventario dos bens e dereitos propiedade da confraría, clasificados e valorados economicamente, será actualizado cada ano e aprobado polo cabido, e daráselle coñecemento deste ó pleno da xunta xeral.

4. O patrimonio é indivisible e está ó servicio de tódolos membros.

Artigo 47º.-Recursos económicos.

A confraría disporá dos seguintes recursos económicos:

a) As cantidades recadadas, se é o caso, en concepto de cotas, achegas voluntarias e as porcentaxes establecidas sobre a prestación de servicios e máis concretamente sobre as vendas de peixe e marisco que se realicen.

b) Os dereitos, taxas e exencións que lle sexan legalmente establecidos.

c) Os productos e rendas dos seus bens, os intereses das súas contas bancarias e demais productos financeiros.

d) As doazóns, legados e achegas que reciba.

e) As contías percibidas en concepto de sancións.

f) O tanto por cento do retorno por vendas noutros portos.

g) As cantidades recadadas en concepto de porcentaxes que legalmente se establezan, que serán satisfeitas polos compradores ou asentadores sobre o valor da compra de peixe efectuada, por servicios que lle preste a confraría.

h) As subvencións e demais consignacións orzamentarias que reciban con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Estado.

i) Calquera outro recurso obtido, de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.

Artigo 48º.-Cotas específicas.

1. Por acordo do pleno da xunta xeral poderanse establecer cotas específicas baixo algunha das seguintes formas:

a) Exacción directa ós membros individuais da confraría.

b) Participación fixa ou alícuota nas cotas recadadas polas agrupacións constituídas dentro da confraría.

As cotas pódense establecer como un só pagamento por entregas periódicas durante un tempo determinado ou por un tempo indefinido, segundo a índole das necesidades que hai que cubrir.

2. O establecemento das cotas específicas deberá xustificarse debidamente pola transcendencia dos fins perseguidos, pola insuficiencia dos medios orzamentarios dispoñibles, e pola correlación entre as contías das cotas e o beneficio directo que haberá de achega-lo obrigado ó seu pagamento.

3. O establecemento das cotas específicas pode ser promovido polo cabido ou por iniciativa do pleno da xunta xeral, pero o acordo definitivo desta deberá proceder da elaboración dunha memoria a cargo do cabido na que se analicen:

a) As necesidades que xustifiquen a implantación das cotas e obxectivos que se traten de acadar.

b) Medios requiridos para logra-lo fin proposto.

c) Dispoñibilidades orzamentarias existentes na confraría.

d) Forma de recadación e de distribución das cargas, tarifas orzamentarias e incidencias económicas previsibles nos obrigados ó seu pagamento.

e) Beneficios esperados da aplicación dos recursos obtidos, réxime contable e órganos de control.

f) Importe das cotas específicas xa existentes na confraría e que afectan á totalidade ou a unha parte

dos que, de acordo coa proposta, figuren como obrigados ó pagamento.

4. O pleno da xunta xeral será convocado cunha antelación mínima de sete días, xunto coa convocatoria unha copia da memoria referida no punto 3 do presente artigo.

O acordo de implantación da cota deberá ser votado, como mínimo, por un número de vocais que representen a dúas terceiras (2/3) partes dos membros que compoñen o pleno da xunta xeral.

Os recursos obtidos coas cotas específicas poderán ser destinados a cubri-las atencións comúns do orzamento ou a conceptos ou fins determinados.

Sección segunda

Do orzamento

Artigo 49º.-O orzamento.

1. O funcionamento económico da confraría desenvolverase a través do orzamento único de ingresos e gastos.

2. O orzamento anual estructurarase de acordo coas seccións nas que está organizada a confraría.

Artigo 50º.-Da tramitación do orzamento.

O cabido elaborará o proxecto de orzamento da confraría no que se integrarán as propostas de financiamento dos proxectos que ultimen os responsables da xestión económica de cada sección.

Artigo 51º.-Da aprobación do orzamento.

1. O proxecto de orzamento será aprobado pola xunta xeral, por proposta do cabido, antes do día 31 de decembro do ano anterior ó do exercicio en que deba aplicarse.

De non ser aprobado antes desta data quedará automaticamente prorrogado ó do exercicio anterior, por doceavas partes.

2. O orzamento aprobado será exposto durante 20 días no taboleiro de anuncios da confraría, para coñecemento dos afiliados.

Artigo 52º.-Da modificación orzamentaria.

1. As dotacións de obras e servicios non incluídas no orzamento serán obxecto de modificación orzamentaria.

2. O cabido poderá acordar modificacións de partidas orzamentarias, sempre que, illada ou acumulativamente, non excedan do 10% do total do orzamento; daralle coñecemento posterior á xunta xeral.

3. As modificacións orzamentarias que excedan do 10% do total do orzamento serán aprobadas pola xunta xeral, por proposta do cabido.

Artigo 53º.-Da execución orzamentaria.

1. A execución do orzamento correspóndelle ó cabido.

2. En cada sección haberá un encargado da xestión económica dela, nomeado pola xunta xeral por proposta do cabido, quen elaborará os documentos orzamentarios e contables que sexan necesarios, sendo responsable da veracidade dos datos que neles se recollan.

Artigo 54º.-Da información do desenvolvemento orzamentario.

O encargado da xestión económica informará ó cabido, cunha periodicidade mínima trimestral, do desenvolvemento da execución orzamentaria co fin de que poidan efectuar con oportunidade os reaxustes que consideren necesarios.

Artigo 55º.-Do réxime de contratación.

O patrón maior ostentará a representación da confraría para a celebración de toda clase de contratos nos que esta sexa parte, conforme os acordos e instruccións do pleno da xunta xeral quen, de maneira expresa, deberá outorgarlle esta facultade.

Seccion terceira

Do réxime contable e contas anuais

Artigo 56º.-Do réxime contable.

A confraría axustará as súas prácticas contables ó plan de contabilidade das confrarías de pescadores de Galicia e reflectirá separada e explicitamente, se é o caso, os movementos que correspondan ás actividades da sección de orientación e da sección de organización da producción, todo iso sen prexuízo de axustarse á correspondente xestión orzamentaria de ingresos e gastos.

Artigo 57º.-Das contas anuais.

1. As contas anuais e o informe de xestión serán formulados polo cabido e aprobados pola xunta xeral.

2. A formulación e aprobación das contas anuais realizaranse dentro do primeiro trimestre do ano seguinte a aquel ó que corresponda.

Sección cuarta

Da responsabilidade

Artigo 58º.-A responsabilidade.

1. O patrón maior, membros do cabido e xerente, así como os administradores ou xestores da confraría, responderán perante ela, fronte ós membros e acredores da confraría, do dano que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeña-lo cargo.

2. Responderán solidariamente tódolos membros dos órganos da administración que realizou o acto ou adoptou o acordo lesivo. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán

exentos da responsabilidade que, de se-lo caso, poida derivarse dos acordos.

3. En ningún caso exonerará da responsabilidade a circunstancia de que o acto ou acordo lesivo fose adoptado, autorizado ou ratificado pola xunta xeral da confraría.

Artigo 59º.-Da acción de responsabilidade.

1. A acción de responsabilidade contra os administradores ou xestores será exercida pola confraría, logo de acordo da xunta xeral.

2. A aprobación das contas anuais non impedirá nin suporá o exercicio da acción de responsabilidade nin a renuncia á acción acordada ou exercitada.

Capítulo IX

Sistemas de garantías e recursos

Artigo 60º.-Deber de legalidade.

1. Os órganos de goberno da confraría acomodarán os seus actos e acordos á legalidade. Calquera dos seus membros e o secretario do órgano de goberno deberán poñer de manifesto as infraccións que se advirtan.

2. Correspóndelle ó patrón maior adopta-las medidas que sexan legalmente necesarias para obte-la suspensión e revogación dos acordos adoptados polos órganos de goberno da confraría ou as agrupacións nela constituídas.

Artigo 61º.-Petición, demandas e recursos dos asociados.

Calquera asociado pode dirixir peticións, formular demanda ou interpoñer recursos ante os órganos de goberno da confraría de acordo cos procedementos respectivamente aplicables. En todo caso, é deber dos órganos de goberno competentes dar xustificación das cuestións presentadas, orientar, se houbera lugar a iso, sobre os requisitos de procedemento, resolver segundo sexa procedente e notificarlle ó interesado o contido do acordo, con indicación dos posibles recursos e prazos.-

Artigo 62º.-Do recurso ordinario.

Contra os actos e acordos dos órganos de goberno da confraría que violen ou descoñezan o ordenamento xurídico xeral ou os dereitos que as disposicións e estatutos outorgan ós confrades, á confraría e ó persoal que presta os seus servicios nela, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente. Caberá recurso ordinario perante da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo X

Do procedemento sancionador

Artigo 63º.-Do réxime sancionador.

O procedemento sancionador requirirá, salvo para as faltas leves, a apertura dun expediente previo e a audiencia ó interesado, a quen se lle notificarán os cargos.

Correspóondelle ó patrón maior a incoación do expediente e nomear instructor e secretario deste. Así mesmo, e no mesmo acto, poderá acorda-la suspensión provisional dos dereitos do presunto infractor, ata un prazo máximo non superior a 2 meses.

As infraccións cometidas polos membros da confraría clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 64º.-Das infraccións.

1. Considéranse infraccións leves:

a) A inasistencia inxustificada ás convocatorias de reunións.

b) A falta de colaboración na achega de datos e informes que non sexan exclusivos de dominio privado.

c) A perturbación da orde nas reunións.

d) Non aboa-las cotas ou derramas obrigatorias nos prazos fixados.

e) Causar danos nos bens ou elementos das instalacións da confraría en contía non superior a 15.000 pesetas.

(E aqueloutras que considere a confraría, dentro das competencias que lle outorga a legalidade vixente).

2. Considéranse infraccións graves:

a) As palabras ou manifestacións ofensivas en relación cos órganos de goberno, coas persoas que os constitúen ou co persoal da confraría.

b) A inobservancia grave das regras de convivencia da vida asociativa.

c) A reiteración de tres faltas leves.

d) O incumprimento ou desobediencia dos acordos dos órganos de goberno da confraría.

e) A falta de respecto, desconsideración ou desobediencia ós membros da xunta xeral, cabido e patrón maior no uso das súas funcións.

f) Polo incumprimento das obrigas legais.

g) Causar danos nos bens ou elementos das instalacións da confraría en contía entre 15.001 pesetas ata 100.000 pesetas.

(E aqueloutras que considere a confraría, dentro das competencias que lle outorga a legalidade vixente).

3. Considéranse infraccións moi graves:

a) A agresión física ós membros ou persoal da confraría.

b) A reiteración de tres faltas graves.

c) Causar danos nos bens ou elementos das instalacións da confraría en contía igual ou superior a 100.001 pesetas.

(E aqueloutras que considere a confraría, dentro das competencias que lle outorga a legalidade vixente).

Artigo 65º.-Sancións.

1. Clasificadas as infraccións, gradúanse as sancións atendendo á neglixencia, á intencionalidade ou á reincidencia do infractor, así como á índole ou á trascendencia do prexuízo causado á institución ou ós seus representantes.

2. De conformidade cos citados criterios as sancións serán:

a) Pola comisión de infraccións leves, apercibimento ou suspensión dos dereitos de socio ata un máximo de tres días.

b) Pola comisión de infraccións graves, suspensión temporal do cargo representativo na confraría ata seis meses ou dos dereitos de asociado, de non ter cargo representativo, ata o mesmo prazo.

c) Pola comisión de infraccións moi graves, suspensión do cargo representativo ou da condición de socio da confraría por período superior a seis mese, ou expulsión de socio da confraría.

3. As infraccións serán impostas por:

-O patrón maior, as infraccións leves.

-O cabido, as infraccións graves.

-Pola xunta xeral, as infraccións moi graves.

4. Contra o acordo de suspensión provisional ou contra a resolución que poña fin ó procedemento sancionador poderá interpoñerse recurso ordinario no prazo dun mes perante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. A interposición do recurso non suspenderá necesariamente o cumprimento da sanción.

Artigo 66º.-Outras responsabilidades.

Se os órganos de goberno da confraría entenden que a conducta axuizada pode ser constitutiva de delicto ou falta tipificada no Código Penal, denunciará tales feitos ante o tribunal ordinario competente.

Artigo 67º.-Indemnizacións.

Tanto nos casos de infracción como no incumprimento das obrigas establecidas no estatuto, o órgano que resolva o expediente sancionador poderá impoñer ó responsable a indemnización por danos e prexuízos a favor da confraría.

Capítulo XI

Das relacións con outras confrarías, convenios, asociacións e da súa disolución

Artigo 68º.-Da relación con outras confrarías.

1. Cando así o acorde a xunta xeral, a confraría poderá agruparse con outras confrarías, comunidades, mancomunidades, federacións provinciais, interprovinciais ou de zonas marítimo-pesqueiras para o mellor cumprimento dos seus fins.

2. As relacións serán acordadas polo cabido da confraría, que será o órgano de enlace e coordinación, sen prexuízo das competencias que lle poidan corresponder a outros órganos de goberno.-

Artigo 69º.-Dos convenios e das asociacións.

1. A confraría, cando así o decida a xunta xeral, poderá facer convenios de colaboración e asociarse con outras confrarías ou asociacións, para xestionar determinados servicios de interese común dos seus membros.

2. Os convenios fixarán o obxecto, as competencias dos órganos que o subscriben, os mecanismos de asistencia técnica e control, o réxime de financiamento e a duración deles.

Artigo 70º.-Da fusión e disolución da confraría.

1. Cando a xunta xeral así o acorde, por motivos moi xustificados, a confraría poderá fusionarse con outras limítrofes. O acordo deberá ser adoptado polas tres cuartas partes (3/4) dos plenos das xuntas xerais, debendo remitirse o expediente á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa inscrición no Rexistro de Confrarías.

2. Cando existan circunstancias graves e insalvables que impidan o desenvolvemento dos fins que ten atribuídos a confraría, co quórum de asociados establecidos no punto anterior, poderá acordarse a súa disolución, mediante a incoación do oportuno expediente, que será enviado á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. En ámbolos dous casos anteriores, procederase ó cumprimento de tódalas obrigas contraídas.

4. O remanente, en caso de fusión, será negociado entre as confrarías fusionadas; no caso de disolución, aplicarase a calquera acción de interese social dentro do ámbito territorial da confraría.

Capítulo XII

Da reforma do estatuto

Artigo 71º.-Da reforma.

1. A reforma do estatuto poderá levarse a cabo por:

a) Petición de dous tercios (2/3) dos membros do cabido.

b) Petición da metade máis un dos membros da xunta xeral.

c) Petición das tres quintas (3/5) partes da totalidade dos socios da confraría.

2. O procedemento será o seguinte:

a) Presentarase, na confraría, escrito razoado indicando o artigo ou artigos que se van reformar así como certificación, expedida polo secretario, da acta da reunión da xunta xeral ou do cabido na que se tomou o acordo. No caso da alínea c) do punto anterior, ademais do escrito razoado, presentaranse as sinaturas conformadas dos socios que fan a solicitude.

3. No prazo máximo de tres meses, o pleno da xunta xeral da confraría aprobará ou denegará a reforma dando, por escrito, conta do acordo cando se trate da alínea c) do punto 1.

Capítulo XIII

Das festas oficiais

Artigo 72º.-Das festividades.

A confraría de pescadores de , ten como patrón a e patroa a declarando festas oficiais obrigatorias os días das súas festividades de cada ano, durante os que as embarcacións non poderán saír a faenar.

Tamén se declaran festas oficiais obrigatorias as de usos e costumes da localidade.

Disposición adicional

A confraría réxese polo presente estatuto e polo disposto na Lei 9/1993, de confrarías de pescadores de Galicia; o Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, e demais normas aplicables.

No suposto de colisión entre o presente estatuto e as normas antes citadas, aplicaranse estas últimas.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogados o estatuto e as disposicións que ata agora viñan rexendo na confraría de pescadores de .

Disposición derradeira.

O presente estatuto entrará en vigor cando sexa inscrito no Rexistro de Confrarías.

6821