Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 15 de xullo de 1998 Páx. 7.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de xuño de 1998 pola que se convocan axudas económicas para o acollemento familiar de persoas maiores e minusválidas.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, nos seus artigos 50 e 52 recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se fixa a estructura orgánica da consellería, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aprobou o Decreto 225/1994, do 7 de xullo, que establece o programa de acollemento familiar para persoas maiores e minusválidas, e ten por finalidade o mantemento do ancián ou do minusválido no seu medio social habitual, facilitando así a integración e evitando o internamento en institucións, cando este non sexa adecuado ou desexado. Esta orde trata de lle dar cumprimento ó artigo 8 do devandito Decreto 225/1994, do 7 de xullo, que dispón que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais efectuará anualmente unha convocatoria para o outorgamento das axudas económicas ós minusválidos e maiores de sesenta e cinco anos que desexen acollerse ós beneficios do citado programa.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 establécense os requisitos xerais para as subvencións que concederá esta Administración autonómica.

Segundo o citado na Lei de orzamentos, existe crédito adecuado na aplicación 11.03.212D.483.0 para financia-las axudas que se establecen no articulado da presente orde e que se concederán, en todo caso, tendo en conta o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios co fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas individuais para persoas maiores de 65 anos e minusválidas que desexen acollerse ós beneficios do programa de acollemento familiar regulado polo Decreto 225/1994, do 7 de xullo (DOG do 22 de xullo).

Artigo 2º.-Contía das axudas.

1. O importe máximo subvencionable do servicio de acollemento familiar será o que a seguir se detalla en función dos distintos tipos de beneficiarios:

a) Para persoas minusválidas:

-Válidas: persoas minusválidas que, posuíndo un grao de minusvalidez igual ou superior ó 65%, non estean afectadas de discapacidades que lles impidan realizar con autonomía as actividades da vida diaria: 70.000 ptas./mes.

-Asistidas: persoas minusválidas que, posuíndo un grao de minusvalidez igual ou superior ó 65%, estean afectadas de discapacidades graves ou severas que lles fagan precisar de axuda continuada doutra persoa para a práctica totalidade da realización das actividades da vida diaria: 90.000 ptas./mes.

b) Para persoas maiores:

-Válidas: persoas maiores de 65 anos que poden valerse por si mesmas para a realización das actividades da vida diaria: 60.000 ptas./mes.

-Asistidas: persoas maiores de 65 anos que necesitan doutra persoa para a realización das actividades da vida diaria: 90.000 ptas./mes.

2. Para efectos do cálculo da subvención considerarase que o beneficiario participa co 60% dos seus ingresos mensuais líquidos no custo do acollemento, polo que a contía máxima mensual subvencionable será a diferencia resultante entre os importes máximos establecidos no apartado anterior e a achega do beneficiario establecida neste apartado.

No cálculo dos ingresos mensuais do beneficiario así como na súa participación no custo do acollemento non se incluirán as pagas extraordinarias das pensións.

3. O importe da axuda poderá reducirse a teor do disposto no artigo 12 do Decreto 225/1994, do 7 de xullo.

Artigo 3º.-Beneficiarios, solicitudes, tramitación e resolución.

1. En relación cos beneficiarios, solicitudes, requisitos, tramitación e resolución das axudas aplicarase o disposto nos capítulos II, III e IV do Decreto 225/1994, do 7 de xullo.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán, así mesmo, presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 3 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Este prazo enténdese ampliado ata o 30 de setembro para aquelas situacións nas que se acredite que se produciron despois dos 3 meses establecidos.

Artigo 5º.-Documentación.

1. Será necesario presentar toda a documentación citada no artigo 8 do Decreto 225/1994, do 7 de xullo, excepto a acreditación dos ingresos dos acolledores, utilizando os modelos de impresos elaborados para o efecto.

2. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, facéndolle indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición arquivándose sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. A avaliación das solicitudes será efectuada pola Comisión de Avaliación que se constituirá para tal efecto en cada delegación provincial.

2. A Comisión de Avaliación estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o xefe da área de Servicios Sociais da delegación provincial.

-Vocais: dous empregados públicos da área de Servicios Sociais, sendo un deles o xefe de servicio responsable deste programa e outro un empregado público encargado da súa xestión, designado polo delegado provincial. Actuará como secretario un dos vocais.

3. Poderá asistir ás sesións da comisión, con voz pero sen voto, un representante dos servicios sociais de Atención Primaria e un representante da respectiva Intervención Territorial.

4. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examina-las soli

citudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designen os respectivos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer noutro empregado público do mesmo servicio có substituído.

5. A Comisión de Avaliación, tendo en conta o orzamento asignado para este programa, daralles prioridade, dentro daquelas solicitudes que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4º do Decreto 225/1994, do 7 de xullo, a aquelas persoas que:

-Vivan soas e carezan de familiares dispostos ou obrigados a prestarlles atención.

-Que precisando de axuda para a realización das actividades da vida diaria non sexan beneficiarias do Servicio de Axuda no Fogar; ou aqueloutras que sendo beneficiarias do servicio antes mencionado, este xa non fose o recurso máis axeitado para esa persoa no momento actual.

-Que vaian ser acollidas por primeira vez ou fosen acollidas de feito en datas posteriores á da implantación deste programa.

-Que teñan menores recursos económicos.

-Que teñan máis idade, no caso de persoas maiores, e maior grao de minusvalidez, no caso de persoas minusválidas.

Artigo 7º.-Concesión das axudas.

1. As axudas, unha vez avaliadas pola comisión provincial e fiscalizadas pola Intervención, serán concedidas polos respectivos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes será de 2 meses, contados a partir do día seguinte ó da data de peche do prazo de presentación de solicitudes, aínda que, por proposta dos órganos encargados de resolver, o director xeral de Servicios Sociais poderá acordar unha ampliación do prazo que non poderá ser superior ó inicialmente establecido.

Entenderanse desestimadas as peticións cando non recaese resolución expresa no prazo establecido para dictalas.

3. No caso de producírense baixas debidamente acreditadas procederase á súa cobertura concedéndolles novamente as axudas ás persoas que máis o necesiten dentro daquelas ás que lles fora denegada por insuficiencia orzamentaria para o ano que corre, e producirá efecto o día primeiro do mes seguinte ó da súa concesión.

A Dirección Xeral de Servicios Sociais poderá determina-lo número máximo de axudas que se poidan conceder para o presente exercicio de acordo coas limitacións orzamentarias valoradas conforme as instruccións que se dicten posteriormente.

Artigo 8º.-Pagamento das axudas.

1. Terase dereito ó pagamento da axuda desde o día primeiro do mes seguinte ó da súa concesión.

2. O pagamento efectuarase por mensualidades vencidas na conta corrente que sinale o beneficiario e da que terá que ser titular o propio beneficiario ou o seu representante legal, logo da presentación do contrato de acollida, segundo anexo VII do Decreto 225/1994, do 7 de xullo, cando se trate do pagamento da primeira mensualidade.

3. Naquelas baixas que se produzan dentro da primeira quincena do mes, aboarase soamente a metade da contía correspondente, e nas que acontezan na segunda quincena aboarase a totalidade.

Artigo 9º.-Control e fiscalización.

Os beneficiarios das axudas quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ás de control financeiro que lle corresponden á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

Disposicións adicionais

Primeira.-En relación coa prórroga das axudas, obrigas dos beneficiarios, seguimento e control daquelas, e a súa extinción, aplicarase o disposto no Decreto 225/1994, do 7 de xullo, de conformidade co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 e normas que o desenvolven.

En todo caso e para que a prórroga poida facerse efectiva, presentarase na delegación provincial que corresponda, antes do día 15 de xaneiro de cada ano, a solicitude xunto cos anexos IV (relativo ó acollido) e V actualizados.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado para o efecto no orzamento da Comunidade Autónoma para o presente exercicio.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante da revogación da axuda e o seu conseguinte reintegro xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Sanidade e Servicio Sociais,

encargado do despacho por ausencia do seu titular

(Decreto 173/1998, do 18 de xuño, DOG do día 19)

5764