Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 09 de xullo de 1998 Páx. 7.765

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xuño de 1998 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades e institucións sen fin de lucro para a realización de cursos e outras actividades formativas de lingua galega.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, ordénalles ós poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal do galego, lingua propia e oficial da Comunidade Autónoma.

Para que ese uso normal chegue a ser unha realidade cómpre levar a cabo un labor de formación e de mellora do dominio do idioma galego entre toda a poboación. A concreción desta tarefa é competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal e como establece o Decreto 346/1996, do 13 de setembro. A propia consellería regulara xa os cursos de lingua galega mediante unha Orde do 1 de marzo de 1989.

Un importante sector da sociedade, especialmente sensible co idioma e coa cultura de Galicia, é o que abrangue as entidades e institucións sen fins de lucro. Nelas agrúpanse libremente cidadáns que, usándoa, lle confiren á lingua galega ante outros sectores sociais o prestixio necesario que os anime a utilizala.

Por todo isto, e de acordo coa vixente normativa en materia de subvencións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, poderalles conceder subvencións a aquelas entidades e institucións sen fin de lucro, legalmente constituídas que, aténdose ás condicións da presente orde, organicen e realicen en Galicia de forma totalmente gratuíta cursos e outras actividades formativas de lingua galega.

2. Das entidades e institucións sen fin de lucro mencionadas neste artigo exceptúanse as dependentes das entidades locais, entendendo por tales as así recoñecidas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

3. Non se lles poderá conceder estas subvencións a aquelas entidades e institucións sen fin de lucro que recibisen subvencións no exercicio económico de 1997, acolléndose ó disposto na Orde do 13 de novembro de 1996, e que non as xustificasen debidamente conforme se estipulaba na propia orde.

Artigo 2º

1. O importe máximo do gasto producido por estas subvencións será de trinta e dous millóns cincocentas trinta mil (32.530.000) pesetas, e financiarase con cargo á partida 07.06.353F.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

2. A subvención que se lle conceda a cada entidade ou institución solicitante poderá comprende-los gastos da docencia e do material necesarios. Para a determinación da retribución do profesorado de cada un destes cursos e actividades formativas terase en conta o establecido pola Orde do 18 de xuño de 1990, pola que se regulan os módulos económicos das actividades de formación dirixidas ó profesorado dos niveis non universitarios.

Artigo 3º

1. Os cursos de iniciación e de perfeccionamento terán unha duración de 75 horas, e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regularon tales cursos. Das demais actividades formativas cada comisión avaliadora das recollidas no artigo 6º desta orde estudiará individualizadamente as solicitudes e formulará a correspondente proposta tanto en canto ó programa que se debe impartir coma no tocante á duración en horas da actividade.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso ou da actividade.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos e actividades deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, aplicándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso ou actividade, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

4. As persoas que desexen acceder ós cursos de perfeccionamento convocados por esta orde deben acreditar previamente que teñen superado ou validado o curso de iniciación. Para o resto das actividades formativas, as comisións avaliadoras mencionadas determinarán os requisitos previos de admisión.

Artigo 4º

As peticións realizaranse empregando o modelo de solicitude que se xunta como anexo a esta orde, e a el engadiráselle:

a) Breve proxecto no que consten os seguintes datos dos cursos ou das actividades para as que se pide a subvención:

-Modalidade: iniciación, perfeccionamento ou outras; no caso doutras actividades engadirase unha memoria explicativa dos obxectivos, contidos e duración destas.

-Localidade ou localidades onde se van levar a cabo.

b) Documentos que amosen a acreditación legal da personalidade da entidade e a representación suficiente da persoa que asina a petición.

c) Certificación bancaria (orixinal) da conta corrente na que se desexa que se realice o pagamento.

d) Fotocopia do CIF da entidade ou institución solicitante.

Artigo 5º

1. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As peticións entregaranse no rexistro da correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (dirixidas ó Gabinete de Normalización Lingüística), sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados, e daráselles un prazo de 10 días para emendar erros ou omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se produciu a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Artigo 6º

Para o estudio das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión presidida polo delegado e integrada polo xefe do Gabinete de Normalización Lingüística, un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística e un funcionario ou funcionaria da propia delegación, que actuará como secretario.

Para o seu traballo as comisións terán en conta, entre outros, os seguintes criterios de actuación:

a) Preferencia dos cursos de iniciación e de perfeccionamento sobre outras actividades formativas.

b) Prioridade para o curso ou actividade que complete ciclo.

c) Un único curso ou actividade por entidade ou institución solicitante, no caso de que por razóns orzamentarias o número destas últimas supere o total dos cursos e actividades que se poden subvencionar.

d) Prioridade das entidades e institucións non subvencionadas no ano ou anos anteriores por esta mesma orde.

e) Prioridade para os cursos e actividades propostos en zonas nas que a demanda de formación non estea suficientemente cuberta.

Unha vez examinadas as solicitudes, as propias comisións, a través do delegado provincial, trasladaranlle as propostas de concesión das subvencións ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

No suposto de que non se produza resolución expresa desta convocatoria nos tres meses seguintes á súa publicación no DOG, as solicitudes deberanse entender como desestimadas.

Artigo 7º

1. Cada entidade ou institución, unha vez recibida a comunicación da concesión da subvención, disporá dun prazo máximo de quince días para comunicarlle ó Gabinete de Normalización Lingüística da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-A aceptación ou non da subvención concedida.

-No caso de aceptala, as datas, o lugar e o horario de realización do curso ou da actividade subvencionada.

-A relación de asistentes, co DNI de cada un (entre 20 e 30 persoas).

2. Os cursos e as actividades formativas subvencionados deberán ter rematado antes do 30 de novembro de 1998.

Artigo 8º

1. O profesorado idóneo para imparti-los cursos e as actividades formativas nomearano os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ó abeiro do disposto no artigo 201 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, e por proposta dos gabinetes de Normalización Lingüística das propias delegacións. Para estes efectos teranse en conta os límites establecidos tanto na Lei 53/1984 e no Real decreto 598/1985, sobre incompatibilidades, coma no Decreto 165/1988, polo que se declara de interese público a impartición de cursos de lingua galega.

2. O anuncio e a difusión (oralmente e por escrito, e por calquera medio) dos cursos e actividades que resulten subvencionados, e mais toda publicación que se derive deles, realizaranse en galego, e neles farase constar que están subvencionados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística. En galego levarase a cabo tamén o propio desenvolvemento dos cursos e actividades, tendo en conta en ámbolos dous casos que, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma, haberá que respectar (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística) o establecido pola Real Academia Galega.

Artigo 9º

O pagamento dos cursos e actividades subvencionadas realizarase así que a entidade subvencionada lle xustifique, antes do 30 de novembro de 1998, ó Gabinete de Normalización Lingüística da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a realización completa da actividade, para o cal terá que lle entregar:

-Acta do curso ou certificación da actividade.

-Facturas correspondentes ó gasto de material e á retribución do profesor ou profesores.

Artigo 10º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e determinará que a entidade ou institución beneficiaria deba reintegra-lo seu importe, segundo o disposto pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de decembro de 1990 (DOG nº 27, do 7 de febreiro de 1991).

Disposición derradeira

1. Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6339