Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 07 de xullo de 1998 Páx. 7.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xuño de 1998 pola que se clasifica como de interese medioambiental a Fundación Atlántica de Iniciativas Sociales, Medioambientales y Sanitarias.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociales, Medioambientales y Sanitarias, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito

1. Luis Matos Espiño, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 25 de maio de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 20 de maio de 1998, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número mil setenta do seu protocolo, por Luis Matos Espiño, Leopoldo García Alonso, Manuel Fernández Ramos e José Calvo Míguez, que interveñen no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a información, asesoramento, investigación e xestión en materias ecolóxicas, medioambientais, sanitarias e sociais.

4. O padroado da fundación estará constituído por Luis Matos Espiño como presidente, Manuel Fernández Ramos como secretario e Leopoldo García Alonso e José Calvo Míguez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese medioambiental da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociales, Medioambientales y Sanitarias, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese medioambiental e a súa adscrición á Consellería de Medioambiente.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día oito de xuño de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese medioambiental a Fundación Atlántica de Iniciativas Sociales, Medioambientales y Sanitarias e adscribila á Consellería de Medioambiente que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6346