Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 06 de xullo de 1998 Páx. 7.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN conxunta do 29 de maio de 1998, da División de Asistencia Sanitaria e da División de Recursos Humanos, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais UGT, CESM, CC.OO., CSI-CSIF, CIG e SATSE, sobre os sistemas de prevención de riscos e de consulta e participación dos profesionais das II.SS. do Servicio Galego de Saúde.

No marco da mesa sectorial de persoal sanitario, coa finalidade de establecer un sistema de prevención de riscos e de consulta e participación dos pro

fesionais das II.SS. do Servicio Galego de Saúde, iníciase un proceso negociador coas centrais sindicais representadas en tal mesa.

Como consecuencia de tal proceso negociador resultou o pacto anexo, subscrito entre a Administración sanitaria competente na materia e tódalas centrais sindicais con representación na devandita mesa. O dito pacto foi configurado de conformidade co artigo 35 da Lei 9/1987, do 9 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas e con base na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

O presente pacto resulta corolario e adaptación ó sector sanitario do acordo sobre dereitos de participación do persoal ó servicio da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais do 16 de xaneiro de 1998, (DOG nº 18, do 28 de xaneiro), asinado entre a Administración da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais.

O contido do devandito pacto é o que figura como anexo á presente resolución.

Para xeral coñecemento, e de acordo co disposto no artigo 36 da citada Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no DOG.

Na súa virtude

RESOLVEN:

Acorda-la publicación do pacto sobre os sistemas de prevención de riscos e de consulta e participación dos profesionais das II.SS. do Servicio Galego de Saúde que se inclúe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1998.

Francisco José López RoisValeriano Martínez García

Director xeral da DivisiónDirector xeral da División

de Asistencia Sanitariade Recursos Humanos

ANEXO

En Santiago de Compostela o vintenove de maio de mil novecentos noventa e oito, no marco da mesa sectorial de negociación do persoal sanitario, e de conformidade coas facultades conferidas no artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias outorgadas á referida mesa sectorial polo acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais, subscrito con data do 7 de setembro de 1991 polos representantes da Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais UGT, CESM, CC.OO., CSI-CSIF, CIG e SATSE, tralo proceso negociador mantido no seo das ponencias técnicas de traballo creadas ad hoc pola mesa sectorial sanitaria, subscríbese o presente pacto sobre os sistemas de prevención de riscos e de consulta e participación dos profesionais das II.SS. do Servicio Galego de Saúde, co contido que a

continuación se refire:

Exposición preliminar

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, vehicula unha regulamentación da materia, en moitos aspectos innovadora, debidamente imbricada no contido das directivas comunitarias, sen tampouco esquece-la tradición normativa en réxime de riscos do Estado español.

Esta norma plasma uns sistemas de prevención e protección dos riscos profesionais, tanto no ámbito do sector privado coma do público, coa introducción duns mecanismos especializados para a fixación

apriorística dos posibles riscos que se concitan nos diferentes sectores productivos, a través dos denominados servicios de prevención, como órganos axeitadamente especializados, dotados de profesionais idóneos e medios suficientes para o cumprimento dos seus fins. Así mesmo, establece a obrigada consulta e participación dos profesionais en materia de prevención e protección de riscos, na procura de ratificar e reforza-la verdadeira coparticipación acorde co cometido que teñen asignado, coa ampla referencia contida no capítulo V da norma legal.

Parece razoable entender que o sector sanitario, como tamén ocorre con outros servicios públicos, se ben de xeito distinto polas súas características definidoras, require un especial tratamento da materia de prevención e protección dos riscos profesionais, que xa vén tendo historicamente algún predicamento nos centros hospitalarios a través dos tradicionais e practicamente xeneralizados servicios de medicina preventiva, aínda que sen a extensión, pormenorización e incisividade que se asigna a esta temática na lei vixente, sobre todo ó introducir e profundar, de xeito moi relevante, a consideración de aspectos non estrictamente sanitarios.

Por iso, en atención ás premisas históricas e á finalidade que impele a norma, que deberá ser acadada de xeito paulatino, preténdese a introducción dun mecanismo de prevención e protección de riscos que atenda a realidade actual das II.SS. e vaia adaptándoa ás medidas preventivas e protectoras máis eficaces que se deseñen. E igualmente resulta necesaria a plasmación dun sistema de consulta e participación dos profesionais en materia de prevención de riscos laborais máis idóneo e imbricado có actual modelo de representación vixente para o persoal de II.SS., con respecto ás regras básicas e premisas de obrigada observancia fixadas na norma legal.

Para o logro dos mentados fins, debateuse e negociouse durante longo tempo no marco de ponencia técnica constituída no seo da Mesa Sectorial de Persoal Sanitario. Froito de tal análise e debate colíxense os seguintes alicerces, regras e sistemas, consensuados entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais: UGT, CESM, CC.OO., CSI-CSIF, CIG e SATSE, que abranguen os aspectos esenciais da materia, coa configuración, así mesmo, dos mecanismos básicos de prevención e representación para facilita-lo seu pleno desenvolvemento e impronta nos ámbitos territoriais correspondentes.

Os distintos apartados que contén o pacto non pretenden, como é lóxico, ser omnicomprensivos da materia, máis ben fixar unhas bases e marco consensuado que favoreza a implantación do sistema axeitado nos distintos ámbitos territoriais.

Deste xeito as partes asinantes consensúan os seguintes extremos:

Primeiro.-Ámbito persoal.

O presente pacto afectará á totalidade do persoal que presta servicios nas II.SS. do Servicio Galego

de Saúde, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Vixencia temporal.

O pacto entrará en vigor o día siguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, con vixencia ata que as partes acorden a modificación total ou parcial do seu contido.

Terceiro.-Ámbito obxectivo.

O seu obxecto é regulamenta-los alicerces esenciais, regras e mecanismos, que a continuación se reflicten, para poñer en marcha os sistemas de prevención de riscos e de consulta e participación dos profesionas das II.SS. do Servicio Galego de Saúde.

Cuarto.-Servicio de prevención.

I.-Confígurase e establécese, como primeira medida, un servicio de prevención para as II.SS. do Sergas que, entre outras funcións propias do seu cometido, deseñe, determine e concretice as necesidades en materia de riscos dos centros sanitarios do Sergas, tanto de atención especializada como de atención primaria e, así mesmo, asesore e coordine as unidades básicas de prevención, residenciadas nos centros hospitalarios para atende-los profesionais da área sanitaria correspondente. Estas unidades conformaranse cun número de profesionais idóneos e precisos en materia de prevención, con respecto dos que se colixan das ratios mínimas fixadas normativa o paccionadamente, logo de estudio e proposta do servicio de prevención e informe da comisión central de saúde laboral á que logo se aludirá. Así mesmo, as mentadas desfrutarán da necesaria autonomía e virtualidade para o exercicio adecuado do seu cometido, sen menoscabo da lóxica imbricación e coordinación no seu funcionamento con outros

servicios sanitarios e non sanitarios dos centros onde se residencien.

O servicio de prevención estará debidamente dotado cos profesionais que se precisen para atinxir axeitadamente os fins propostos e disporá dos medios materiais requiridos. En principio incluirá aqueles profesionais que resulten imprescindibles, en cumprimento das previsións da lei, para a implantación e posta en marcha do sistema e incorporará, en réxime de tracto sucesivo, os demais profesionais necesarios para alcanza-los fins propostos de estudio e deseño de riscos, de asesoramento, dictame, proposta ou informe e outros que comprenda o seu cometido.

Quinto.-Comisión central de seguridade e saúde.

A constitución desta comisión obedece á necesidade constatada de analizar e informar consensuadamente a problemática en materia de prevención de riscos, que afecte ó ámbito da Comunidade Autónoma, en perfecta simbiose, tanto coa actuación do servicio no desenvolvemento do seu cometido coma cos mecanismos de representación instaurados para a consulta e participación dos profesionais, de ulterior referencia.

Esta comisión será de carácter paritario, integrada por representantes da Administración e das organizacións sindicais representadas na mesa sectorial do persoal sanitario, con residencia e actuación nos servicios centrais do Sergas. Elixiranse entre os seus membros un presidente e un secretario. Os acordos adoptaranse por maioría simple, sendo decisorio no caso de empate o voto do presidente.

Ademais do concreto cometido que se asigne no regulamento de organización, réxime e funcionamento elaborado, na tripla dirección xenérica, de asesoramento e resolución de controversias, proposta de medidas e instar toda a información que estime necesaria, esta comisión terá as seguintes funcións específicas:

a) Coñecer e, se resulta preciso polas características que concorran, informar sobre o mapa ou mapas de riscos do ámbito da Comunidade Autónoma, tralo deseño executado polo servicio de prevención.

b) Arbitrar e, se é o caso, resolve-las discrepancias e controversias que se produzan na aplicación da normativa de riscos profesionais.

c) Intervir na elaboración dos plans e programas de prevención que se estimen convenientes , así como na proposta de plans de formación axeitados en materia preventiva.

d) Coñecer e, de consideralo preciso, informar de xeito vinculante, respecto a dotación das unidades básicas preventivas, o seu volume e sistema de actuación, con base nos estudios, informes e propostas elaboradas polo servicio de prevención.

e) Coñecer e, se procede, informar de xeito vinculante sobre a problemática que se poida suscitar no eido dos comités de seguridade e de saúde, cunha finalidade integradora e uniformadora, respecto, en todo caso, ás atribucións asignadas a estos órganos pola normativa legal.

Sexto.-Sistema de consulta e participación.

Respecto da plasmación dun sistema de consulta e participación dos profesionais en materia de riscos, acorde coas necesidades das institucións sanitarias e a idiosincrasia dos instrumentos representativos de carácter territorial do Sergas, resulta indefectible atende-las premisas fixadas no capítulo V da norma legal, de manifesta prolixidade, por outra banda, por tratarse dunha norma de bases.

Consonte a tales premisas e a satisfación das necesidades a que debe propende-la instauración do sistema, adóptanse as medidas seguintes, coa implantación, así mesmo, dos concretos mecanismos que se refiren:

1º.-Delegados de prevención.

Os delegados de prevención aparecen previstos e cuantificados no artigo 35 da tan repetida norma legal. Da lectura do texto colíxese que os delegados de prevención se designan por e entre os representantes unitarios do persoal, nas distintas unidades de representación, que para o noso sector se cir

cunscriben ás áreas sanitarias que serviron de alicerce para a elección das xuntas de persoal. Neste sentido, resultan un total de delegados por organización sindical segundo o cadro anexo que se xunta.

Os delegados electos desfrutarán das competencias e facultades que se lle arrogan no artigo 36 da norma, cunha descrición tan minuciosa e omnicomprensiva que non parece precisar dun ulterior engadido ou concreción. Así, en efecto, atópanse reflectidas no texto tódalas máis paradigmáticas funcións ou cometidos de carácter preventivo e protector de riscos, na tripla dirección de: a) dereito de información, b) facultades de comunicación e actuación, c) de proposta e decisión. Así, refírese en concreto:

-Colaborar coa dirección na mellora da acción preventiva.

-Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución da normativa sobre prevención de riscos laborais.

-Ser consultado, con carácter previo á súa execución, sobre as decisións a que se refire o artigo 36 da presente lei.

-Exercer un labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

Os delegados de prevención estarán facultados para:

a) Acompaña-los técnicos nas avaliacións de carácter preventivo do medio ambiente de traballo, así como nos termos previstos no artigo 40 desta lei, os inspectores de Traballo e Seguridade Social nas visitas e verificacións que realicen nos centros de traballo para comproba-lo cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais, podendo formular ante eles as observacións que estimen oportunas.

b) Ter acceso, coas limitacións previstas no apartado 4º do artigo 22 desta, á información e documentación relativa ás condicións de traballo que sexan necesarias para o exercicio das súas funcións e, en particular, á prevista nos artigos 18 e 23 desta lei. Cando a información estea suxeita ás limitacións citadas, só poderá ser subministrada de maneira que se garanta o respecto da confidencialidade.

c) Ser informados sobre os danos producidos na saúde dos traballadores unha vez que aquel tivese coñecemento deles, podendo presentarse, aínda fóra da súa xornada laboral, no lugar dos feitos para coñece- las circunstancias deles.

d) Recibi-las informacións obtidas por este procedentes das persoas ou órganos encargados das actividades de protección e prevención, así como dos organismos competentes para a seguridade e a saúde dos traballadores, sen prexuízo do disposto no artigo 40 desta lei en materia de colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

e) Realizar visitas ós lugares de traballo para exercer un labor de vixilancia e control do estado das condicións de traballo, podendo, para tal fin, acceder a calquera zona deles e comunicarse durante a xornada cos traballadores, de maneira que non se altere o normal desenvolvemento do proceso productivo.

f) Solicita-la adopción de medidas de carácter preventivo e para a mellora dos niveis de protección da seguridade e a saúde dos traballadores, podendo, para tal fin, efectuar propostas ó Comité de Seguridade e Saúde para a súa discusión nel. Propoñerlle ó órgano de representación dos traballadores a adopción do acordo de paralización de actividades a que se refire o apartado 3º do artigo 21.

A decisión negativa á adopción das medidas propostas polo delegado de Prevención a teor do disposto na letra f) do apartado 2º deste artigo deberá ser motivada.

Tales delegados desfrutarán, así mesmo, das garantías e deberes previstos no artigo 37 da lei, comprensivos do exercicio do crédito horario, xa inherente á súa condición de representantes de persoal, disposición horaria adicional para atender a determinadas funcións ou cometidos que explicita o texto e tamén da obriga de sixilo respecto das informacións a que tiveran acceso polo exercicio como tales. Así, o mentado precepto indica que : será considerado en todo caso como tempo de traballo efectivo, sen imputación ó citado crédito horario, o correspondente ás reunións do Comité de Seguridade e Saúde e a calquera outra convocada en materia de prevención de riscos, así como o destinado ás visitas previstas nas letras a) e c) do número 2 do artigo anterior.

Igualmente, alude o artigo á necesidade de lles proporcionar ós delegados os medios e formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións, coa precisión final de que o tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo para tódolos efectos.

Emporiso, cabería a posibilidade de que as organizacións sindicais, cando lles resultase imprescindible, por mor da súa estructura organizativa, funcional e de formación de cadros, puidesen designar delegados de prevención oss delegados de sección sindical electos, dotados de idénticas garantías e dereitos que os representantes unitarios dos traballadores (artigo 10 da Lei orgánica de liberdade sindical). Os designados por esta vía terían idéntico status cós demais delegados de prevención.

2º.-Comités de seguridade e saúde.

Aparecen reflectidos no artigo 38 da lei. Tales comités de carácter paritario e colexiado serán integrados por un número igual de membros de delegados electos de prevención e de representantes da Administración sanitaria. Estes órganos residenciaranse nas áreas sanitarias, por mor de que a representación dos delegados mana do citado ámbito.

Respecto de tal comité faise igualmente unha regulamentación bastante prolixa na citada norma, con

introducción incluso de precisións de orde interna máis propias dun regulamento dese réxime. Neste sentido destácase a insistencia da norma en salienta-la virtualidade do propio comité con fixación de reunións de temporalidade obrigatoria e o carácter que se lle outorga a tal órgano de asesoramento e audiencia obrigada, a través do trámite de consulta, que se explicita nos asuntos relativos á seguridade e saúde laboral; de tal carácter derívase a posibilidade, logo de debate, de emitir opinións e pareceres, así como de formular propostas e suxestións que procuren unha maior protección fronte ós riscos laborais.

O artigo 39 da norma refire as competencias e facultades do comité, coa previsión no artigo anterior de que ese órgano fixe as súas propias normas de funcionamento interno. Tal artigo 39 sinala, en concreto:

1. O Comité de Seguridade e Saúde terá as seguintes competencias:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos. Para tal efecto, no seu seo debateranse, antes da súa posta en práctica e no referente á súa incidencia na prevención de riscos, os proxectos en materia de planificación, organización do traballo e introducción de novas tecnoloxías, organización e desenvolvemento das actividades de protección e prevención e proxecto e organización da formación en materia preventiva.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos, propoñendo a mellora das condicións ou a corrección das deficiencias existentes.

2. No exercicio de súas competencias o Comité de Seguridade e Saúde estará facultado para:

a) Coñecer directamente a situación relativa á prevención de riscos no centro de traballo, realizando para tal efecto as visitas que estime oportunas.

b) Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo sexan necesarios para o cumprimento de súas funcións, así como os procedentes da actividade das unidades básicas de prevención, se é o caso.

c) Coñecer e analiza-los danos producidos na saúde e na integridade física dos traballadores, co obxecto de valora-las súas causas ou propoñe-las medidas preventivas oportunas. Coñecer e informa-la memoria e programación anual das unidades básicas de prevención.

Sétimo.-Representación adicional das organizacións sindicais da mesa sectorial de persoal sanitario en materia de prevención de riscos.

As organizacións sindicais con representación na mesa sectorial do persoal sanitario poderán designar un representante, por cada unha delas, con atribucións en funcións de seguridade e saúde laboral, en cada ámbito provincial.

Tal previsión obedece á petición formulada polas organizacións sindicais da citada mesa, impelida pola necesidade de dispoñer de representantes, debidamente formados e con pericia nesta complexa materia, para a súa axeitada utilización nos distintos ámbitos territoriais.

Parece razoable e xustificada a procura dunha máis óptima disposición dos representantes en materia de seguridade e saúde laboral polo que se asume a petición formulada, coa fixación dun representante por provincia, ó considerarse que tal número resulta suficiente para os fins propostos.

Os citados representantes desfrutarán das mesmas garantías cós representantes unitarios e delegados de sección sindical coa asignación dun crédito horario en superior contía, de 60 horas mensuais, con base no maior ámbito territorial ó que se cerne a súa actividade, que inclúe máis dunha área sanitaria, circunscribindo o seu cometido á concreta e complexa materia de seguridade e saúde laboral para evitar riscos; arróganse, en consecuencia, as competencias e facultades que recolle o artigo 36 da norma legal, que se dá por reproducido na súa transliteración anterior.

Ademais, tales representantes poderían asistir ás reunións, formalmente convocadas, dos comités de saúde laboral de área con voz pero sen voto, en idénticas condicións, pois, que os delegados de sección sindical segundo se desprende do artigo 10 da Lei orgánica de liberdade sindical.

Tamén resulta posible que estes representantes, por mor da querencia da organización sindical de que se trate, desempeñe a condición de delegado de prevención nunha área concreta, dentro do número de delegados que lle competan e integrando o Comité de Seguridade e Saúde correspondente. En tales circunstancias este delegado gozará, logo, do exercicio do dereito de voto.

Delegados de prevención por área de saúde do persoal de institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde en aplicación da escala do artigo 35 da Lei 31/1995.

Áreas sanitarias/Comités

de Seguridade e Saúde

Nº de

traballadores

Nº de

delegados

de prevención

Área A Coruña4.8748
Área Santiago de Compostela3.4387
Área Ferrol1.7845
Área Lugo2.4686
Área Burela5904
Área Monforte de Lemos5204
Área Ourense3.9147
Área O Barco de Valdeorras4193
Área norte Pontevedra2.9736
Área sur Pontevedra-Vigo6.1338

Comités de empresa
Santa María Madre7404
H. Cirúrxico Provincial2853
H. Psiquiátrico de Conxo2313

Total28.36968

6343