Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 06 de xullo de 1998 Páx. 7.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de maio de 1998 pola que se establecen subvencións para escolas de música públicas de titularidade municipal e se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no seu artigo 39.5º que os estudios de música poderán cursarse, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudios, en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), regula a creación e funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia resaltando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

A crecente demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento do número de escolas de titularidade municipal para lles achega-los xoves e afeccionados á posibilidade de cursar estes estudios tanto para realizar unha actividade de formación artística como para continuar estudios regrados de música en centros autorizados ou nos conservatorios.

Co fin de potencia-lo funcionamento destas escolas de música de titularidade municipal e en virtude

das atribucións que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas para subvenciona-las actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver durante o ano 1998 polas escolas de música de titularidade municipal que radiquen en poboacións da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos gastos de persoal e funcionamento destas.

Segundo.-Poderán optar a estas subvencións as escolas de música sinaladas no punto anterior que estean inscritas no Rexistro de Escolas de Música da Comunidade Autónoma na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-O importe total das axudas non poderá supera-la cantidade de 34.000.000 de pesetas e libraranse con cargo á aplicación orzamentaria 07/03/322E/460.0 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

A contía máxima da subvención por beneficiario será a seguinte:

a) Para escolas que radiquen en poboacións de menos de 50.000 habitantes, 2.000.000 de pesetas (dous millóns).

b) Para escolas que radiquen en poboacións de máis de 50.000 habitantes, 10.000.000 de pesetas (dez millóns).

Cuarto.-As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado desde o día da publicación desta orde no DOG e irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1998 con indicación do número de alumnos.

b) Breve descrición das instalacións e material.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

e) Certificacións orixinais de estar ó día das súas obrigas tributarias e sociais.

f) Declaración de ter, ou non, solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1. Necesidades de instalacións e/ou reparación delas.

2. Valoración económica do orzamento.

3. Número de alumnos.

4. Número de profesores/as.

5. Zona de influencia.

6. Especialidades instrumentais que se imparten na escola.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa, ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorrer ás sesións conforme establece o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta provisional de adxudicación das subvencións para que os interesados poidan presenta-las reclamacións que consideren oportunas. Valoradas as reclamacións, a comisión elevaralle proposta definitiva de adxudicación das subvencións ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que será definitiva, publicarase no DOG; no caso de ser denegatoria será motivada e notificaráselles ós interesados.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Décimo.-Transcorridos tres meses desde a data de presentación das solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse derrogada sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo primeiro.-As subvencións concedidas que, en todo caso, estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles, irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades, e serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 36 A) da Lei 1/1998, do 7 de abril (DOG do 9), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 80% da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique, con anterioridade ó 30 de setembro de 1998, os gastos realizados segundo proxecto aprobado.

Para o libramento do 20% restante o beneficiario presentará, antes do 30 de novembro de 1998, a completa xustificación.

As xustificacións das axudas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, rúa San Lázaro, nº 107, 15771 Santiago de Compostela.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento da aplicación das axudas nas escolas subvencionadas.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música subvencionadas deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo cuarto.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

6052