Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 29 de xuño de 1998 Páx. 7.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 1998 pola que se convocan tres bolsas para colaborar en proxectos cofinanciados con fondos comunitarios na área da estatística pública, no Instituto Galego de Estatística.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula os principios e as normas nas que se basea a actividade estatística da Comunidade Autónoma, encomendándolle ó Instituto Galego de Estatística (IGE), entre outras funcións, o impulso e fomento da investigación estatística que contribúa a mellora-lo coñecemento da realidade social e económica de Galicia, así como o perfeccionamento profesional do persoal estatístico da Comunidade Autónoma.

Coa finalidade de fomenta-la formación e investigación, o IGE considera necesaria a convocatoria de tres bolsas dirixidas á formación de persoal cualificado na área da estatística pública.

Por todo isto, esta dirección resolve facer pública a presente convocatoria, que se aterá ás seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse tres bolsas para colaborar en proxectos cofinanciados con fondos comunitarios na área da estatística pública. As bolsas concederanse para calquera das titulacións previstas no artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos no momento de remata-lo prazo de presentación de solicitudes :

1. Posuí-la nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea, e ser veciño ou estar domiciliado en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter iniciado os estudios relativos á correspondente licenciatura ou enxeñería durante o curso 1991/1992 ou posteriores, e estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: socioloxía, informática, matemáticas, económicas, ciencias empresarais ou enxeñería.

3. Non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas mediante expediente disciplinario.

4. Non ter sido beneficiario doutra bolsa de formación ou investigación estatística convocada polo IGE.

Terceira.-Presentación, formalización e prazo das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse no impreso que se achega como anexo a esta convocatoria, presenta

ranse no rexistro xeral deste organismo, sito na rúa Ramón Piñeiro, 27, 3º 15702 Santiago de Compostela, ou nos rexistros dos demais órganos e oficinas ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada :

-Documento nacional de identidade e NIF. No suposto de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea, deberase presenta-la documentación equivalente.

-Certificación do expediente académico do solicitante, coas cualificacións obtidas e data de finalización dos estudios.

-Currículum vitae do solicitante, no que se sinalará a formación e a experiencia no campo da estatística. Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados documentalmente.

-Declaración expresa responsable de non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas mediante expediente disciplinario.

-Declaración expresa responsable de non ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación ou investigación estatística convocada polo IGE.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación, no Diario Oficial de Galicia, da presente convocatoria.

Cuarta.-Selección e avaliación das solicitudes.

A selección e avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria técnica do IGE.

Vocais:

José Manuel Prada Sánchez, director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

José María Riobóo Almanzor, catedrático de Economía Aplicada (estatística económica e empresarial) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Actuará como secretario un funcionario/a do IGE.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de avaliación fará pública a lista provisoria de admitidos e excluídos, dispoñendo os interesados de cinco días naturais para presenta-las alegacións oportunas. Unha vez resoltas, exporase a relación definitiva de aspirantes admitidos.

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo :

-O expediente académico, ata un máximo de 4 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 1.25 puntos para poder ser avaliados os restantes apartados. Se o solicitante está ademais en posesión do grao de licenciado ou presenta o proxecto fin de carreira coa cualificación, engadiranse a aquel 0.5, 0.25 ou 0.1 puntos se a súa cualificación é sobresaliente, notable ou aprobado.

-Cursos, seminarios e outras actividades de formación directamente relacionadas coa estatística, ata un máximo de 0.5 puntos, contabilizándose 0.05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Cursos, seminarios ou otras activadades de formación directamente relacionadas con ferramentas informáticas de uso habitual no tratamento e análise de datos, ata un máximo de 0.25 puntos, contabilizándose 0.05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Participación en estudios, traballos ou proxectos directamente relacionados coa estatística, ata un máximo de 0.5 puntos.

-Outros méritos curriculares, ata un máximo de 0.1 puntos.

Os solicitantes seleccionados poderán ser convocados a unha entrevista persoal.

Rematada a fase de avaliación, a comisión elevará ó director do IGE unha proposta de concesión.

Quinta.-Resolución e notificación.

Vista a proposta de concesión, a presente convocatoria resolverase por resolución do director do IGE e nela designará tres titulares e seis suplentes. Esta resolución, que se publicará no DOG, e no taboleiro de anuncios do IGE, notificaráselles ós beneficiarios, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nela indicaráselle-la data de incorporación ó IGE.

Recibida a notificación, e nos cinco días seguintes, os beneficiarios deberán proceder a :

-Comunicar por escrito a aceptación da bolsa e de cantas obrigas se deriven do seu desfrute.

-Acreditar que están ó día das súas obrigas tributarias coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, mediante documento orixinal ou fotocopia debidamente compulsada.

O bolseiro que non se incorporase na data establecida na notificación, ou que non presentara a documentación esixida, perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director do IGE procederá á concesión da bolsa ó seleccionado que figuraba como suplente na resolución de concesión.

Sexta.-Contía e duración da bolsa.

O importe da bolsa será de cento trinta e cinco mil pesetas (135.000) brutas mensuais, que se farán efectivas, polo importe líquido, na conta bancaria que solicite o bolseiro.

O tempo de duración da bolsa será de doce meses contados a partir da súa incorporación ó IGE; durante este período o bolseiro terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Sétima.-Obrigas dos bolseiros.

-Cumprir co réxime de formación e investigación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento, orientación e dirección dos funcionarios que se designen para tales efectos.

-Presentar antes de remata-lo período de desfrute da bolsa unha memoria referida á actividade de formación e investigación desenvolvida.

-Permanecer no centro un tempo non inferior a trinta horas semanais.

Oitava.-Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais en escrito dirixido ó director do IGE, quen poderá, polo período que falte, concederlla ó seleccionado que figure como suplente na resolución de concesión.

Novena.-Dotación económica e aplicación orzamentaria.

Para a concesión das bolsas que se convocan na presente resolución existe crédito na aplicación 05.50.441A.640.2 dos orzamentos do IGE para o ano 1998.

Décima.-Cláusula xeral.

A participación na convocatoria supón a aceptación expresa das súas bases.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral entre o bolseiro e o Instituto Galego de Estatística.

O director poderá revoga-lo desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen, ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade esixibles; no tal suposto, así como no de renuncia da bolsa por parte do beneficiario, o director do IGE procederá na forma prevista na base quinta desta convocatoria.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1998.

J. Antonio Campo Andión

Director do Instituto Galego de Estatística

6125