Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 29 de xuño de 1998 Páx. 7.291

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 186/1998, do 11 de xuño, polo que se procede á reforma do artigo 5 do Decreto 202/1997, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Familia.

A Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de conformidade co artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española.

En exercicio desta competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia. A lei, no seu artigo 13.1º b), prevé a creación do Observatorio Galego da Familia o que se levou a cabo polo Decreto 202/1997, do 24 de xullo, constituíndose como órgano colexiado de carácter consultivo e de apoio ó desenvolvemento das políticas socio-familiares adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A nova estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 347/1997, do 9 de decembro, fai necesario proceder á modificación do artigo 5 do Decreto 202/1997, que establece a composición do dito Observatorio, para axustalo á nova estructura, polo que se procede a darlle unha nova redacción, o que facilita a súa operatividade e evita a modificación puntual no caso de futuros cambios estructurais.

De conformidade coas anteditas normas e en virtude das competencias conferidas polo artigo 37.2º

da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 5 do Decreto 202/1997, do 24 de xullo, terá a seguinte redacción:

O Observatorio Galego da Familia estará integrado polos seguintes membros:

-Presidente: o/a conselleiro/a de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Secretario: o/a director/a xeral de Familia.

-Vocais:

a) Representantes da Administración autonómica:

1) Un representante, con categoría de director xeral, nomeado por cada unha das consellerías do Goberno de Galicia.

2) O/A director/a do Instituto Galego de Estatística.

b) Representantes da Administración local:

*Dous representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, nomeados por esta.

c) Representantes de entidades e asociacións de ámbito familiar:

*Dous representantes das organizacións e asociacións familiares da Comunidade Autónoma.

*O presidente da Sociedade de Pediatría de Galicia.

A Delegación do Goberno en Galicia poderá nomear un representante, que terá voz e voto.

Por cada membro titular deberase designar un suplente para o caso de que aquel non puidese asistir.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor ós 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

6175