Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 25 de xuño de 1998 Páx. 7.149

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias, persegue, entre outras finalidades, a de corrixi-los desequilibrios e deficiencias estructurais que condicionan a competitividade das explotacións agrarias, para o cal se ten en conta, no seu articulado, unha serie de medidas dirixidas, preferentemente, a aquelas explotacións agrarias que obteñan a consideración de prioritarias, para o cal han de cumpri-los requisitos establecidos nela e figurar no catálogo xeral de explotacións prioritarias, adscrito ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, catálogo que se nutre das comunicacións achegadas para o efecto polas comunidades autónomas.

A Comunidade Autónoma de Galicia posúe competencias exclusivas en materia de agricultura e gandería, segundo o disposto no artigo 30.1.3 do seu Estatuto de autonomía. A Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) atribúelle a este, entre outras funcións, a execución das accións de fomento que contribúan á mellora do sistema productivo agrario e ó seu desenvolvemento equilibrado e integrado no territorio, entre elas as axudas estructurais dirixidas á mellora da eficacia do sector agrario, en xeral, e do lácteo e gandeiro en particular, de acordo co disposto no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e se modifica a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Aínda que na disposición adicional primeira da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 24 de abril de 1998, pola que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia medidas sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, xa se regula a cualificación como prioritaria das explotacións agrarias que cumpran con determinados requisitos, de igual xeito que na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 22 de maio de 1996, sobre o mesmo tema, parece necesario crear un rexistro específico no que se inscriban todas aquelas explotacións agrarias que acaden tal cualificación, para o cal se fixa un procedemento administrativo desvinculado dunha concreta orde de convocatoria de axudas como ata agora, pois, así, poderase dispor dunha información homoxeneizada e unificada, co que tamén se poderá dar mellor cumprimento ó mandato da precitada Lei 19/1995, en canto á comunicación ó MAPA sobre as explotacións agrarias galegas que

cumpren os requisitos necesarios para cualificalas como prioritarias.

Neste rexistro, consonte coa facultade que lle outorga ás comunidades autónomas a disposición derradeira terceira da Lei 19/1995, establécese un réxime especial, en canto ós requisitos necesarios, para acada-la cualificación como prioritarias, das explotacións situadas en zona de montaña, debido ás condicións máis difíciles que nelas implica o desenvolvemento da actividade agraria.

Ademais, nalgúns casos constan en poder do ILGG datos de abondo para poder cualificar como prioritaria unha explotación, polo que sería posible efectuar tal recoñecemento, de oficio, incluso sen que tivese que solicitar unha determinada axuda o titular daquela para a tramitación da cal teña que aportar unha determinada información coa que, ademais, se lle pode outorgar tal cualificación.

Xa que logo, con base en todo o exposto, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1.1. Pola presente orde créase un rexistro, de carácter público, no que se inscribirán as explotacións agrarias que obteñan a cualificación de prioritarias, na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización de explotacións agrarias.

1.2. Este rexistro adscríbese ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) correspondéndolle ó seu director, a cualificación da explotación agraria como prioritaria e, por conseguinte, a súa inscrición neste rexistro.

1.3. A inscrición neste rexistro, de carácter administrativo e público, poderase efectuar dos modos seguintes:

-Por solicitude do interesado, para o que se deberá acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos na antedita Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias.

-De oficio, cando os datos necesarios para obter tal cualificación consten en poder do ILGG de acordo co disposto no artigo 6º.3 da presente orde.

1.4. De acordo co establecido na devandita Lei 19/1995, a cualificación da explotación agraria como prioritaria posibilitará a obtención preferente de beneficios, axudas e calquera outra medida de fomento prevista naquela.

Artigo 2º.-Explotacións titularidade de persoas físicas.

2.1. Para que poida ser cualificada como prioritaria unha explotación agraria deberá posibilita-la ocupación de, polo menos, unha unidade de traballo agrario, e que a súa renda unitaria do traballo sexa de, como mínimo o 35% da renda de referencia sen que chegue ó 120% desta, sen prexuízo do establecido no artigo 4º e na disposición transitoria da presente orde.

As definicións dos conceptos de unidade de traballo agrario (UTA) e renda de referencia, son as recollidas

nos puntos 10 e 12, respectivamente, do artigo 2 da Lei 19/1995. A de renda unitaria de traballo (RUT) é a contida no artigo 5º.1 da presente orde.

2.2. Ademais, o titular da explotación deberá reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser agricultor profesional segundo se define a este no artigo 2.5º da Lei 19/1995.

Esta condición acreditarase mediante copia cotexada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do último exercicio respecto do cal xa rematara o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por este durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos, imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

-As da actividade agraria da explotación ou outras actividades complementarias desta, de acordo co establecido no artigo 2.1º e 2.5º, parágrafo segundo, da Lei 19/1995.

-As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas polo traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas as rendas e haberes pasivos que fiscalmente haxa obriga de declarar.

-O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

b) Posuír unha capacitación profesional suficiente para o desempeño da actividade, o que se acreditará dalgún dos seguintes xeitos:

b.1) Achegando a documentación xustificativa de ter obtido o título de capataz agrícola ou de formación profesional agraria de primeiro grao, ou outro de grao superior na rama agraria.

b.2) Con cinco anos de exercicio da actividade agraria, que deberá acreditarse, con carácter xeral, cun informe de vida laboral da Seguridade Social.

-No caso de que parte ou a totalidade do exercicio da actividade agraria o fose como man de obra familiar, será precisa unha declaración do titular da explotación onde realizou tal actividade na que se especifique o tempo traballado na explotación e as tarefas desenvolvidas.

-Os anos nos que non se exercese a actividade agraria, ata alcanza-los cinco anos requiridos, poderán substituírse pola asistencia a cursos ou seminarios de capacitación agraria cunha duración de 25 horas lectivas por cada ano.

-En calquera caso, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), estudiará a documentación presentada e establecerá a súa idoneidade para os efectos de xustifica-la actividade agraria do solicitante.

b.3) No caso de agricultores mozos, segundo a definición destes dada no artigo 2.7º da Lei 19/1995, a capacitación profesional suficiente, para os que se instalen de acordo co disposto no artigo 17 da devandita lei, poderase acreditar, ademais do modo espe

cificado no apartado b.1) anterior, dalgún dos seguintes xeitos:

b.3.1) Cun certificado de asistencia ós cursos, de duración mínima de 200 horas lectivas, establecidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través das súas unidades de Extensión e Capacitación Agraria, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b.3.2) Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 200 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias e previamente homologados pola Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

b.3.3) Considerarase tamén acreditada se o agricultor mozo se compromete a adquiri-la capacitación profesional suficiente no prazo de dous anos por calquera das vías sinaladas nos tres parágrafos anteriores. Neste caso, no momento da solicitude da cualificación como prioritaria da súa explotación deberase presentar xustificante de ter pedida a admisión, ou estar matriculado, segundo o caso, no centro correspondente. Posteriormente, o mozo deberá presentar, no prazo sinalado, a documentación acreditativa de ter acadada a dita capacitación.

c) Ter unha idade comprendida entre 18 e os 64 anos, ámbolos dous inclusive, o que se acreditará mediante copia cotexada do documento nacional de identidade.

d) Residir na comarca onde se atopar a explotación ou noutra limítrofe, de acordo co mapa de comarcalización da Comunidade Autónoma de Galicia establecido no Decreto 65/1997, do 20 de febreiro, agás casos de forza maior ou necesidade apreciados pola dirección do ILGG. O dito requisito acreditarase con copia cotexada do DNI ou certificado de empadroamento nun dos concellos da comarca onde radique a explotación ou doutra limítrofe.

e) Estar dado de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, segundo a súa actividade agraria. Este requisito poderase xustificar do seguinte xeito:

e.1) No caso do réxime especial agrario da Seguridade Social, co informe de vida laboral.

e.2) No caso do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos en función da súa actividade agraria ou outras, co informe de vida laboral, e documento de afiliación á Seguridade Social ou último pagamento do imposto de actividades económicas.

e.3) No caso de asalariados do réxime xeral, co correspondente documento de cotización á Seguridade Social.

2.3. Se a titularidade da explotación agraria recaese en ámbolos cónxuxes será suficiente con que un deles reúna os requisitos indicados no apartado anterior.

2.4. Cando o titular da explotación fose unha comunidade de herdeiros só poderá cualificarse a explotación como prioritaria cando exista un pacto de indivisión por un período mínimo de 6 anos, contado a partir da data da cualificación desta como tal e se,

polo menos, un dos comuneiros cumpre os requisitos establecidos no apartado primeiro deste artigo.

Artigo 3º.-Explotacións asociativas.

3.1. De acordo co establecido no artigo 5 da Lei 19/1995, para que poida cualificarse como prioritaria unha explotación, esta deberá proporcionar unha ocupación equivalente, alomenos, a unha unidade de traballo agrario e a súa renda unitaria de traballo deberá ser, como mínimo, do 35% da renda de referencia e inferior ó 120% daquela, con independencia do establecido no artigo 4 da presente orde.

3.2. Ademais dos requisitos anteriores, deberán reunir algunha das seguintes condicións:

a) Ser sociedade cooperativa de explotación comunitaria da terra ou de traballo asociado dentro da actividade agraria.

Tal extremo acreditarase cunha certificación de tal condición expedida, para o efecto, polo órgano competente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, xunto cunha copia dos seus estatutos.

b) Ser sociedade cooperativa agraria, sociedade agraria de transformación, sociedade civil, laboral ou sociedade mercantil que, en calquera caso, cumpra algún dos seguintes requisitos:

1º Que, alomenos, o 50 por 100 dos socios cumpran os requisitos esixidos ó agricultor profesional, en canto a procedencia de rendas e dedicación ó traballo, conforme o establecido no artigo 2º.2 a) da presente orde.

2º Que alomenos dous tercios dos socios que sexan responsables da xestión e administración cumpran os requisitos esixidos ó agricultor profesional en canto a dedicación ó traballo e procedencia de rendas, referidos á explotación asociativa, acreditado, igualmente, segundo o disposto no artigo 2º.2.a) da presente orde; así como o sinalado nos subapartados b), c), d) e e) do devandito artigo 2º.2 e, ademais, que dous tercios, alomenos, do volume do traballo desenvolvido na explotación sexa aportado por socios que cumpran os requisitos anteriormente sinalados.

c) Ser explotación agraria asociativa que se constitúa por agrupación de, alomenos, dúas terceiras partes da superficie da explotación baixo unha soa extrema, sen que a superficie aportada por un só socio supere o 40% da total da explotación.

Neste suposto, alomenos un socio debe ser agricultor a título principal, segundo se define a este no artigo 2º.6 da Lei 19/1995, e cumpri-las restantes esixencias que se establecen no artigo 2º desta orde, para os agricultores persoas físicas, en canto a capacitación, idade, afiliación á Seguridade Social e residencia.

3.3. Ademais do establecido no punto anterior, cando o titular da explotación prioritaria sexa unha sociedade civil, laboral ou outra mercantil, as súas accións ou participacións sociais deberán ser nominativas e, no caso de que non se trate dunha sociedade agraria de transformación, terá por obxecto exclusivo o exercicio da actividade agraria na explotación da que sexa titular e máis do 50 por 100 do capital social, de existir este, deberá pertencer a socios que reúnan os requisitos de procedencia de rendas e dedicación

de traballo esixidos ós agricultores profesionais, referidos á dita explotación.

3.4.Para os efectos do disposto nos puntos 3.2 e 3.3 anteriores, consideraranse rendas procedentes da explotación as remuneracións que devenguen os socios polo traballo de todo tipo desenvolvido na explotación, as contraprestacións pola cesión a esta de terra ou outros medios de producción e polas súas aportacións ó capital social e as súas respectivas participacións nos resultados positivos da explotación.

Artigo 4º.-Explotacións agrarias prioritarias en zonas de montaña.

Como excepción ó disposto nos artigos 2º.1 e 3º.1 da presente orde, poderán ser, tamén, cualificadas como prioritarias aquelas explotacións situadas en zonas de montaña, segundo a relación de concellos incluída no anexo I á presente orde, titularidade dunha persoa física ou dunha entidade asociativa, sempre que a renda unitaria de traballo sexa inferior ó 120% da renda de referencia e cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

-Persoas físicas: os esixidos no artigo 2º da presente orde, e acreditados segundo o nel disposto.

-Entidades asociativas: a maioría dos seus socios deberán ser agricultores profesionais, de acordo co establecido no artigo 2º.2 a) da presente orde e ocupar, alomenos, unha unidade de traballo agrario.

Artigo 5º.-Determinación da renda unitaria de traballo.

5.1. Segundo o disposto no artigo 2.11º da Lei 19/1995, a renda unitaria de traballo (RUT) é o rendemento económico xerado na explotación agraria que se atribúe á unidade de traballo e que se obtén dividindo entre o número de unidades de traballo agrario dedicadas á explotación, a cifra resultante de suma-la marxe neta ou excedente neto de explotación e o importe dos salarios pagados.

5.2. A marxe bruta é a diferencia entre os ingresos brutos da explotación e os seus gastos variables.

5.3. A marxe neta é a diferencia entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades productivas, incluídas as subvencións de explotación, e tódolos gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar.

5.4. A dita marxe neta poderá estimarse como resultado de resta-los gastos fixos contabilizados ou, no seu defecto, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar, da suma das marxes brutas das actividades productivas da explotación.

Tal estimación farase no caso de que o titular da explotación solicite, ó mesmo tempo, unha axuda para a primeira instalación ou plan de mellora ó abeiro do disposto no Real decreto 204/1996.

5.5. Para as distintas actividades productivas, poderanse modula-las marxes brutas ou netas por resolución do director do ILGG.

5.6. En calquera caso, os titulares de explotacións poderán solicita-la determinación da renda unitaria de traballo baeándose nos datos da súa contabilidade documentalmente acreditados e, se é o caso, da documentación relativa á Seguridade Social.

5.7. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Cando o titular sexa persoa física, a aportación de man de obra acreditarase das seguintes maneiras:

a.1) A man de obra familiar do titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

a.2) A aportación da man de obra familiar do titular da explotación ata o 2º grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu fogar e estean ó seu cargo e que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ó correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 Unidades de Traballo Agrario polo primeiro traballador e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Para acreditar que esa man de obra pertence á unidade familiar, utilizarase a declaración do IRPF do titular ou o certificado de empadroamento.

a.3) A man de obra asalariada acreditarase documentalmente con base na cotización á Seguridade Social.

b) Cando o titular sexa persoa xurídica soamente se computará a man de obra aportada polos socios e asalariados non socios acreditada mediante a correspondente cotización á Seguridade Social.

Artigo 6º.-Tramitación.

6.1. Cando o procedemento se inicie por petición do interesado este presentará unha solicitude, de acordo co modelo que se xunta como anexo II á presente orde, dirixida ó director do ILGG, xunto coa que achegará a documentación adicional esixida para a acreditación dos requisitos establecidos.

A dita solicitude presentarase nos servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia ou, preferentemente, nas respectivas axencias de extensión agraria, segundo lugar da súa residencia, así como en calquera outra oficina administrativa de acordo co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.2. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos polos servicios provinciais do ILGG, o seu delegado provincial elevará proposta de resolución perante o director do citado organismo, quen resolverá a petición e, se é o caso, cualificará a explotación agraria como prioritaria, e ordenará a súa inscrición no rexistro administrativo para o efecto creado.

6.3. No obstante o disposto no apartado anterior, polo director do ILGG, de oficio, a proposta da subdirección xeral do dito organismo, poderase cualificar como prioritaria unha explotación cando, a pesar de non telo solicitado expresamente, os seus titulares soli

citaran axudas nas que, para a súa concesión, estean obrigados a acreditar documentalmente o cumprimento, entre outros, dos requisitos esixidos na presente orde para ser cualificados como tales ou, tamén, cando consten en poder do ILGG, por outras vías, datos suficientes para outorgar tal cualificación.

6.4. A antedita cualificación como explotación agraria prioritaria seralle comunicada, pola dirección do ILGG, ó interesado, e ó órgano competente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da súa inclusión no catálogo xeral de explotacións prioritarias.

Artigo 7º.-Obrigas dos titulares das explotacións cualificadas.

Os titulares das explotacións prioritarias cualificadas e rexistradas como tales deberanlle comunicar á dirección do ILGG, a través dos seus servicios provinciais, tódolos cambios que puideran afectarlle á condición de prioritarias destas no prazo dun mes desde que aqueles teñan lugar e, en especial, os relativos á titularidade, dimensión productiva e man de obra ocupada.

Artigo 8º.-Acreditación da cualificación.

A cualificación como explotación prioritaria acreditarase a través de certificación para o efecto expedida polo director do ILGG ou coa súa inclusión no catálogo xeral de explotacións prioritarias do MAPA.

Disposición transitoria

Non obstante o disposto nos artigos 2 e 4 da presente orde, ata o 31 de decembro de 1998, poderán cualificarse como prioritarias aquelas explotacións agrarias familiares cunha renda unitaria de traballo superior ó 30% da renda de referencia pero que sexa inferior ó 120% daquela, cando teñan a posibilidade de ocupar, alomenos, media unidade de traballo agrario e reúnan os restantes requisitos establecidos no artigo 2º da presente orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a disposición adicional primeira da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 24 de abril de 1998, pola que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia medidas sobre melloras estructurais e modernización de explotacións agrarias, así como calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoña ó disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do ILGG para dicta-las instruccións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 1998.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Ganadería e Política Agroalimentaria

6059