Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 18 de xuño de 1998 Páx. 6.824

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de xuño de 1998 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos na cesión de vehículos, especialmente preparados, para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, determina que o concello, como entidade básica da organización territorial do Esta

do, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (Art. 22.2º parágrafo c), a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á prevención de situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil nos concellos carentes dos medios necesarios para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

O Decreto 351/1997, do 10 de decembro, fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, incluíndo entre os órganos superiores da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a Dirección Xeral de Protección Civil, a través da que se exercen as competencias en materia de protección civil que ten atribuídas a Comunidade Autónoma.

De acordo co Decreto 208/1993, do 3 de setembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios no campo da protección civil á Administración local.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para aumenta-la eficacia dos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario a protección civil, cederalles en propiedade vehículos todo-terreo ós concellos galegos que conten con Servicio Muni

cipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, sexa municipal, ou teña subscrito un convenio co concello e ademais estea inscrita no Rexistro da Dirección Xeral de Protección Civil, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos convenios que se asinen para o efecto, entre a Xunta de Galicia e os concellos beneficiarios, estableceranse os termos desta cooperación conforme as estipulacións que se detallan nos artigos 7º e 8º desta orde.

Artigo 2º

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Dispoñer de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

b) Que con data anterior a esta orde, Protección Civil da Xunta de Galicia non lles concedese vehículo todo-terreo para misións de protección civil.

c) Que o seu censo de poboación de dereito non supere os 25.000 habitantes e non sexa inferior a 2.000.

d) Que nos seus orzamentos anuais asignen unha cantidade destinada especificamente a temas de protección civil.

e) Que carezan de medios de titularidade municipal suficientes para facer fronte ós riscos existentes no seu concello.

Artigo 3º

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de sesenta e un millóns cincocentas mil pesetas (61.500.000 ptas.), con cargo a aplicación orzamentaria 13.05.231A.624.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998, que se dedicarán á adquisición de vehículos para cedérllelos en propiedade ós concellos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil, no seu defecto, con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Municipal ou convenio de colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil existente no concello.

Artigo 4º

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude,

no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro da Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no Rexistro das delegacións provinciais desta consellería ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

a) Certificado, expedido polo secretario do concello, que acredite a existencia de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, dispoñer de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Municipal ou a existencia dun convenio de colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil existente no concello.

b) Certificado expedido polo secretario do concello dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais de 1998 destinados ás funcións de protección civil.

c) Certificado expedido polo secretario do concello relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presenta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, no caso de resolución favorable da consellería.

d) Copia da inscrición da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil no Rexistro da Dirección Xeral de Protección Civil.

e) Memoria asinada polo alcalde como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:

-Os riscos potenciais existentes no ámbito territorial do concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Medios que, sendo de titularidade do concello, se cederon en uso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

-Actividades realizadas no concello, durante os tres anos anteriores á publicación desta orde, en temas relacionados directa ou indirectamente coa protección civil.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Protección

Civil, concedéndoselles un prazo de dez días para emendar erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse.

Artigo 5º

As solicitudes recibidas e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Protección Civil que emitirán o correspondente informe.

O director xeral de Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos.

* Riscos potenciais existentes no concello.

* Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello poida mobilizar ante unha emerxencia.

* Cantidade destinada polo concello, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de protección da súa comunidade de veciños.

* Colaboracións realizadas en temas de protección civil coa Xunta de Galicia.

* Ter creada a Xunta Local de Protección Civil.

* Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

Artigo 7º

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles concedese a cesión en propiedade dun vehículo todo-terreo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se no prazo de tres meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non se notifica resolución favorable, entenderase como desestimada a petición correspondente.

3. Na notificación das resolución faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante e que serán incluídas no convenio:

a) Correspóndelle ó concello peticionario o pagamento do 20% do prezo de licitación do vehículo cedido.

b) Serán por conta dos concellos os gastos de seguros, mantemento, conservación e as indemnizacións

derivadas de posibles declaracións de responsabilide civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía e aqueloutros que se establezan nos convenios de colaboración que regulan a cesión dos vehículos.

c) Os concellos peticionarios comprométense a que os vehículos sexan destinados a misións de protección civil e, se é o caso, a cederllos en uso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello ou a aquela Agrupación de Voluntarios de Protección Civil coa que teña asinado un convenio de colaboración en materia de protección civil.

Artigo 8º

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela e facer efectivo o pagamento do 20% na entidade de crédito que lle indique a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e non se presente o resgardo xustificativo do depósito, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º

No caso de que o beneficiario da cesión en propiedade incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución dos vehículos.

Disposición adicional

A teor do disposto nos artigos 7º e 8º desta orde, o 20% do prezo de licitación do vehículo corre a cargo do concello, polo que o dito ingreso por parte dos beneficiarios poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderá utilizar na adquisición e na adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 1998.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

5628