Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 17 de xuño de 1998 Páx. 6.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 9 de xuño de 1998 pola que se regula a concesión de axudas económicas por parte dos padroados provinciais para a mellora do medio rural.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública, dentro da súa liña de colaboración coas entidades privadas para contribuír á mellora do medio rural, regula por medio da presente orde as condicións e requisitos de carácter xeral ós que deberán axustarse os padroados provinciais para a mellora de medio rural, regulados polo Decreto 218/1987 e 429/1987, en canto ós seus fins, composición e réxime económico.

En consecuencia, e para os efectos de establecer un marco normativo xeral que conteña os criterios para a actuación dos mencionados padroados como órganos ós que lles corresponde a concesión das axudas reguladas pola presente orde,

DISPOÑO:

Primeiro.-A Consellería da Presidencia e Administración Pública transferirá ás súas delegacións provinciais, con destino ós padroados provinciais para a mellora do medio rural, con cargo á aplicación orzamentaria 04.09.121A.780.0, a cantidade total de cento setenta e cinco millóns de pesetas (175.000.000 de ptas.), distribuídos a partes iguais entre as catro delegacións. As cantidades resultantes por delegación constituirán os fondos obxecto das axudas para o presente exercicio, sen prexuízo de que os padroados poidan suplementar estas con fondos propios acumulados, de xeito que as ditas axudas se orienten á consecución dos fins sinalados no Decreto 218/1987, do 23 de xullo, e ó disposto na presente orde.

Segundo.-Para os efectos desta orde, as axudas estarán constituídas por cantidades non reintegrables.

Terceiro.-Poderán solicitar axudas:

1. As persoas xurídicas de ámbito privado cando nos seus estatutos se recoñezan fins relacionados co desenvolvemento comunitario e co medio rural.

2. As agrupacións constituídas, polo menos, por tres persoas maiores de idade.

Cuarto.-As solicitudes, conforme o modelo e anexos que figuran na presente orde, presentaranse nas delegacións provincias da consellería ou por calquera dos procedementos sinalados no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Polo que respecta ás solicitudes, os peticionarios deberán ter presente:

1. Agrupacións: se carecen de personalidade xurídica deberán cita-los nomes, apelidos e DNI das persoas que constitúen os órganos de dirección e xestión, que non será inferior a tres.

2. Agrupacións veciñais: a responsabilidade solidaria dos peticionarios farase constar expresamente.

Sexto.-Co obxecto de aplicar criterios de obxectividade na concesión, os padroados considerarán preferentes, e por esta orde, os seguintes:

1. Ruralidade do núcleo.

2. Carencia de medios económicos e imposibilidade ou probada dificultade de obter canles de financiamento por outros medios.

3. Finalización ou mantemento das obras xa iniciadas, financiadas polos padroados ou por outras vías.

4. Repercusión das obras en canto ó número dos seus beneficiarios ou necesidades daqueles en relación cos núcleos de poboación a que se destinen.

Sétimo.-Os padroados, a través das respectivas delegacións provinciais, xustificarán o emprego das cantidades transferidas por esta consellería mediante certificación de acta das sesións plenarias nas que se resolveu a concesión de axudas, con expresión de todos e cada un dos beneficiarios, da cantidade concedida e do obxecto da concesión.

A dita certificación deberá presentarse nesta consellería antes do 15 de novembro de 1998.

Ó mesmo tempo, a resolución correspondente deberalles ser notificada polos padroados provinciais a tódolos solicitantes, transcorridos 3 meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º.c) contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, de réxime finaceiro e presupostario de Galicia, e no artigo 36 da Lei 1/1998, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1998.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

5703