Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 17 de xuño de 1998 Páx. 6.723

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes.

A Lei de montes do 8 de xullo de 1957 e o seu regulamento aprobado por Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, prevén a posibilidade de realización de proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión en montes. Posteriormente, estes proxectos de ordenación e os plans técnicos de xestión foron obxecto de regulación nas ordes do 29 de decembro de 1970 e 29 de xullo de 1971 do Ministerio de Agricultura, aínda vixentes. A raíz da aprobación do Estatuto de autonomía para Galicia e en virtude do seu artigo 27.10º, é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma o desenvolvemento normativo en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A concorrencia de determinadas circunstancias como son a natureza dos proxectos de ordenación e dos plans técnicos de xestión como medios de planificación dos montes; a finalidade perseguida para unha óptima xestión forestal; o interese crecente demostrado polas comunidades de montes veciñais en man común á hora de elaboralos, e a vixente normativa fiscal en canto ás exencións de que son obxecto os propietarios dos montes con proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión, aconsellan a creación dun Rexistro de Montes suxeitos a proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión.

A súa creación permitiría por unha parte centraliza-la información sobre os montes que teñen proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión, como medio para articular unha política axeitada e realista de xestión das propiedades forestais e un máis áxil e mellor servicio ós seus titulares e, por outra banda, facilita-la expedición das certificacións oportunas para acreditala aprobación dos ditos plans.

Na súa virtude, facendo uso das competencias que lle están atribuídas, esta consellería,

DISPÓN

Artigo 1º

Créase o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes da Comunidade Autónoma de Galicia, que quedará adscrito á Dirección Xeral de Montes e Medio ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 2º

Este rexistro terá por obxecto a inscrición de tódolos proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión de montes aprobados pola Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 3º

O rexistro será público e gratuito en canto se refira á inscrición e exame do seu contido.

Artigo 4º

O asentamento que se practique no rexistro deberá conte-los seguintes datos:

Nome do monte.

Situación xeográfica.

Superficie.

Titular.

Proxecto ou plan.

Data de aprobación e vixencia.

Outros datos relativos ó plan-especies incluídas e quendas.

Nº de expediente que estará integrado polos seguintes díxitos: código da provincia e número correlativo á súa data de presentación.

Artigo 5º

O prazo para practica-la inscrición non excederá dos 15 días seguintes á aprobación, mediante resolución da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, do proxecto de ordenación ou plan técnico de xestión.

Artigo 6º

O acceso, para os efectos de expedición de certificacións polo rexistro, realizarase mediante instancia dirixida ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, ou ben directamente empregando os modelos normalizados que para tal efecto se faciliten no rexistro.

Artigo 7º

As certificacións serán emitidas polo responsable do rexistro e a súa expedición estará suxeita ás normas establecidas na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria

Os proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión aprobados con anterioridade á presente orde poderán inscribirse no rexistro no prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, para dictar cantas disposicións cumpran para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 1998.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

5707