Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 12 de xuño de 1998 Páx. 6.540

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 19 de maio de 1998 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas, asociacións de empresas e corporacións de dereito público para o fomento das actividades do grupo da minería non metálica.

A crise que atravesa a minería mundial, sobre todo a referida ós recursos metálicos, motivou que o sector mineiro lle prestase una maior atención á minería do grupo dos non metálicos, circunstancia á que non é allea a nosa Comunidade Autónoma, na que se conta con recursos minerais do dito grupo de recoñecida existencia, algúns dos cales están adquirindo día a día unha maior importancia.

Así, á parte da minería das rochas industriais, está cobrando un grande protagonismo a de rochas ornamentais, actualmente en franco desenvolvemento, se ben sufrindo ocasionalmente os clásicos altibaixos en continuo seguimento do sector da construcción.

Por outra parte, a Consellería de Industria e Comercio concentrouse no deseño de plans conxuntos para a mellora da competitividade do granito e lousa ornamentais, ó considerar estes proxectos de vital importancia e do máximo interese para estes subsectores, e para a consecución dos cales se precisan determinados incentivos.

Ademais, dado que o desenvolvemento tecnolóxico esixe una maior calidade das materias primas, especialmente daquelas que se incorporan a procesos de novas tecnoloxías, é necesario mellorar e crear novos procesos e productos con especificacións moi esixentes, para o que é imprescindible que as empresas da minería non metálica acometan proxectos de

investigación e desenvolvemento (I+D), de normalización e homologación (N+H) e investigacións propiamente mineiras, así como plans de competitividade e actuacións en materia de aseguramento da calidade, traballos considerados de alto risco e inabordables, polo xeral, sen contar coas axudas necesarias para iso.

Consecuentemente, para o logro das metas anteriormente sinaladas, é de todo punto imprescindible mellora-la eficiencia estructural mineira coa prestación dun apoio institucional mediante a incentivación necesaria.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.743A.770.0 do programa fomento grupo de actividades minerais non metálicas. Fomento da investigación de minerais non metálicos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, establécense axudas económicas para aquelas empresas, asociacións empresariais ou corporacións de dereito público, que realicen investimentos dentro das seguintes áreas de aplicación, referidas á investigación e explotación de xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos incluídos na vixente Lei de minas, correspondentes ó grupo da minería non metálica e para as seguintes actividades:

a) Proxectos de investigación de xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos.

b) Investimentos en proxectos das infraestructuras necesarias para levar a cabo a investigación e explotación dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos.

c) Investimentos en proxectos que, no campo da innovación tecnolóxica, definan novos procesos de explotación, tratamento e elaboración, mellora e obtención de novos productos ou ben incorporen bens de equipo e equipamento de concepción tecnolóxica avanzada ou que presenten melloras na eficiencia productiva, referida tanto a procesos como a productos.

Así mesmo, neste campo da innovación tecnolóxica poderán ser subvencionables os custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos realizados tamén por entidades que teñan calquera forma xurídica de colaboración empresarial, destinados á promoción de actividades de fomento de industrias y de servicios ás empresas, así como dos productos delas.

d) Investimentos en proxectos que supoñan un avance cualitativo no sistema de xestión da calidade ou nos seus procedementos, incluíndo procesos de normalización e certificación de productos derivados da explotación de xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos, incluso do seu tratamento e elaboración, así como a dotación de equipamento específico.

Así mesmo, poderán ser incentivables as actuacións de sensibilización, difusión, divulgación e elaboración de proxectos concertados relacionados con programas de xestión da calidade, podendo ser reguladas a través de convenios de colaboración específicos.

As actividades referidas a investimentos en calidade, normalización e certificación deberán ser desenvolvidas por entidades ou laboratorios independentes, debendo achega-la correspondente documentación acreditativa.

e) Investimentos en proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, tanto de investigación básica como de investigación aplicada e desenvolvemento, que se leven a cabo como parte dunha actividade continuada e sistemática, orientada ó desenvolvemento de novos procesos ou productos ou á mellora dos existentes.

Poderán ser subvencionables os seguintes conceptos:

-Os gastos derivados do persoal implicado no proxecto de investigación e da definición do proceso.

-O instrumental de investigación e control necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

-Nos casos en que os resultados da investigación incorporada se obtivesen, ben en parte ou na súa totalidade, a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, poderá subvecionarse o importe da participación da empresa no dito convenio. Así mesmo, cando as características propias do proyecto de investigación e desenvolvemento tecnolóxico requiran a participación doutros entes, públicos ou privados, poderá ser incentivable o custo vinculado á fórmula contractual de cooperación.

-En todo caso poderán ser subvencionables os conceptos incluídos no artigo 9 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Estudios e plans ligados a actuacións conducentes á creación de redes de cooperación industrial co obxectivo de incrementa-la productividade e a dinamización do tecido industrial para a mellora da competitividade.

g) Estudios sobre a minería non ligados ás anteriores áreas.

Artigo 2º

A contía das subvencións poderá acadar:

-Ata o 45% do investimento subvencionable para os investimentos referidos ós apartados a) e b) e para os proxectos de investigación aplicada do apartado e) que se realizan para lles dar utilidade práctica ós coñecementos adquiridos coa investigación básica industrial.

-Ata o 50% no caso dos apartados c) e d).

-Ata o 70% nos proxectos de investigación básica industrial do apartado e).

-Ata o 75% no caso dos apartados f) e g).

Artigo 3º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou ben mediante algunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

1. As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar e xuntos cos seguintes documentos:

a) Memoria técnica explicativa do alcance do proxecto ou estudio, finalidade, orzamento detallado e prazo de execución.

b) Copia cotexada do NIF ou do CIF.

c) Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

d) Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización, cando proceda.

e) Declaración expresa de non ter contraída ninguna débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais e sociais.

2. As memorias técnicas deberán contar, como mínimo, cos seguintes apartados:

a) Finalidade do proxecto ou estudio que se pretende realizar.

b) Descrición dos trabajos que se van realizar.

c) Medios técnicos e humanos necesarios para a súa realización.

d) Tempo previsto para a execución.

e) Orzamento dos investimentos que se van realizar.

f) Toda aquela información complementaria que o solicitante da subvención estime de interese para incluír no proxecto.

Artigo 5º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido na súa petición, a cal se arquivará sen máis trámites.

Examinada a documentación e emitido o correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro,

sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nas delegacións provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 6º

Os criterios que servirán de base para avalia-la prioridade das peticións presentadas serán os seguintes:

a) Minerais que presenten un claro futuro nas súas aplicacións ou demanda.

b) Os traballos de investigación mineralúrxica que se desempeñen en colaboración co laboratorio mineralúrxico da Grela (A Coruña).

c) Factores de carácter social da zona onde teña aplicación a investigación.

d) Melloras que, como consecuencia da investigación tecnolóxica, se poidan introducir nas instalacións de tratamento e/ou nos propios productos.

e) Vantaxes derivadas de novas infraestructuras mineiras ou mellora das existentes.

f) Aqueles estudios sobre localización que investiguen recursos con claras expectativas de apertura dunha nova explotación mineira a curto prazo.

Artigo 7º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 8º

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación antes do 30 de novembro de 1998, ante a delegación provincial correspondente, por triplicado exemplar, dos seguintes documentos:

a) Memoria final onde se inclúan as conclusións da realización do proxecto ou estudio.

b) Xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analizarán a memoria xustificativa e, se o seu xuízo foi realizada cos niveis de calidade esixidos e os investimentos están debidamente acreditados, proporá o pagamento da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicitar en calquera momento as aclaracións ou informes que se consideren convenientes e, no caso de non ser remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 9º

Para o libramento e posterior aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no

artigo anterior certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e declaración de subvencións solicitadas ou concedidas desde a data de solicitude das axudas comprendidas na presente orde.

Artigo 10º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida no artigo 2º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Admistración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 11º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas impostas na presente orde e nas que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación, para o seu cobramento, o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 13º

Con independencia do disposto nesta orde observarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e o que se estableza na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, neste momento en trámite parlamentario, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facultase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5404