Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 12 de xuño de 1998 Páx. 6.534

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 168/1998, do 28 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados e comprendidos dentro do plan parcial do campus universitario da Universidade da Coruña no polígono 1-13-B para a construcción da Facultade de Ciencias Sociais e do Edificio Universitario de Servicios de Investigación no campus de Elviña.

En virtude do convenio de colaboración subscrito o 25 de setembro de 1997 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña, para o desenvolvemento das infraestructuras no Campus da Coruña- Elviña, a Universidade da Coruña solicita da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a declaración da urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para efectos de expropiación de terreos para a construcción da Facultade de Ciencias Sociais e do Edificio Universitario de Servicios de Investigación.

A aprobación do plan parcial do campus universitario da Coruña leva consigo a declaración da súa utilidade pública para efectos de expropiación forzosa, de conformidade co disposto no artigo 54.1º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

En aplicación do establecido no artigo 2 da Lei de expropiación forzosa e nos artigos 4 e 5 do seu regulamento a Universidade da Coruña deberá actuar no expediente expropiatorio como beneficiaria.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública a través de Resolución do 18 de marzo de 1998, DOG nº 57, do mércores 25 de marzo de 1998.

Considérase urxente a ocupación polo compromiso da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de adquiri-los terreos necesarios para a construcción dos referidos edificios destinados a fins universitarios, no citado convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña do día 25 de setembro de 1997.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, e 56 do seu regulamento, declárase a urxente ocupación dos terreos e bens necesarios concretados no expediente administrativo instruído para o efecto para a construcción da Facultade de Ciencias Sociais e do Edificio Universitario de Servicios de Investigación no Campus de Elviña, e consonte o establecido no artigo 2 da Lei de expropiación forzosa e nos artigos 4 e 5 do seu regulamento declárase a Universidade da Coruña como beneficiaria neste expediente.

Santiago de Compostela, vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

5399