Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 12 de xuño de 1998 Páx. 6.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xuño de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación A Nosa Terra.

Visto o expediente de clasificación da Fundación A Nosa Terra, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. Cesáreo Sánchez Iglesias, en nome da fundación, en escrito do 2 de abril de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 24 de febreiro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Pedro Riol López co número setecentos cincuenta e nove do seu protocolo por Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Fernández Puga, Xan Carballa Alonso, Modesto Solla Sanz, Anselmo López Carreira que interveñen no seu propio nome, e ademais, concorren en representación de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manoel Porta, Lois Diéguez, César Portela Fernández-Jardón, María do Carmo García Negro, Anxo Manuel Quintana González, Manuel María Fernández Teixeiro, Roberto Vila Mea e Marcial Gondar Portasany; esta escritura foi corrixida por outra posterior con data do 6 de marzo de 1998, outorgada en Vigo ante o mesmo notario e co número setecentos sesenta e cinco do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a investigación e divulgación da realidade cultural e social de Galicia.

4. O padroado da fundación estará constituído por quince membros como máximo designados na acta fundacional.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación A Nosa Terra, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día un de xuño de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación A Nosa Terra e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5512