Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 09 de xuño de 1998 Páx. 6.387

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña eléctrica a 132 kV, enlace de L.A.T. Sárdoma-Atios coa subestación de Mos, nos concellos de Vigo e Mos. (Expediente 37/97).

Vistos os escritos e a documentación presentados pola empresa Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificación en Avda. de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 17 de marzo de 1996 a citada empresa solicitou, ó abeiro da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a autorización administrativa das instalacións descritas no proxecto de execución: L.A.T. 132 kV D.C. enlace de L.A.T. Sárdoma-Atios con Sub. Mos, a autorización administrativa, a declaración de utilidade pública e a aprobación do citado proxecto.

Xunta a dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 52 da citada Lei 40/1994, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto no punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña de alta tensión a 132 kV, aérea, dobre circuíto, de 275 m de lonxitude, con conductor LA-455, sobre apoios metálicos, con orixe no van entre os apoios nº 20 e 21 (a 30 m do 21) da L.A.T. Sárdoma-Atios e final na futura subestación de Mos, concellos de Vigo e Mos.

Segundo.-O citado proxecto de instalación someteuse a información pública, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 26-5-1997, publicándose no DOG do 26-6-1997, BOP de Pontevedra do 1-7-1997, xornal Faro de Vigo do 19-6-1997, BOE do 20-6-1997, nos taboleiros de anuncios das casas do Concello de Vigo e Mos; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período legalmente establecido recibiuse alegación por parte da comunidade de montes veciñais en man común de Cabral, na que se propón unha traza alternativa coincidente sensiblemente coa estrada Puxeiros-Peinador.

A alegación foi remitida á empresa beneficiaria, que presentou un modificado ó proxecto que recolle

a variación da traza nos terreos da comunidade de montes. Consultada a citada comunidade sobre a variación proposta, esta aceptou o trazado, pero amosou a súa desconformidade sobre as afeccións formuladas, circunstancia que fará constar no momento do levantamento das actas previas á ocupación. A empresa beneficiaria amosa a súa conformidade neste punto.

Terceiro.-Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, a fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de julio, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e no Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto pola disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/68, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas:

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación da liña de alta tensión a 132 kV, con orixe no van entre os apoios nº 20 e 21 da L.A.T. Sárdoma-Atios e final na futura subestación de Mos.

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da citada instalación.

Terceiro.-Declara-la utilidade pública, da instalación eléctrica que se autoriza, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

4895