Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 09 de xuño de 1998 Páx. 6.350

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 161/1998, do 22 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 12.210 m situado no lugar da Moreira, termo municipal de Verín (Ourense) para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Verín reunido en sesión ordinaria o día 30 de xaneiro de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 12.210 m situado no lugar da Moreira (Verín) para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Verín acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 12.210 m situado no lugar da Moreira, termo municipal de Verín (Ourense), que linda ó norte, predio propiedade de Edificacións SYCA S.L., herdeiros de Francisco Toubes e propiedade de Carlota Vaz; ó sur, camiño veciñal; ó leste, herdeiros de José Nieto e herdeiros de Francisco Toubes; oeste, predio propiedade de Edificacións SYCA S.L.

O inmoble descrito figura inscrito no tomo 700, libro 142 de Verín, folio 112, predio rexistral número 24.560 a favor do Concello de Verín en virtude de escritura autorizada polo notario desa vila o 2 de xaneiro de 1998 co número 17 do seu protocolo.

Artigo 2º.-O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro de ensino secundario en Verín.

Artigo 3ª.-A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, pro

cederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5258