Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 08 de xuño de 1998 Páx. 6.326

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Vicedo. (Expediente 003-EOL).

Examinado o expediente instruído por instancia de Eurovento Unipersonal, S.L., con enderezo para efectos de notificacións en r/Galeras 17-3º, Oficina 3, 15705 Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Vicedo, esta dirección xeral ten en conta os seguintes,

FEITOS

Primeiro.-O día 22 de maio de 1997, Guillermo Briones Godino, en nome e representación de Eurovento Unipersonal, S.L., solicitou a autorización administrativa das instalacións, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da

condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Vicedo de 24,6 MW, presentando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovable e Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O 21 de novembro de 1997, Eurovento S.L. Unipersonal, como titular do plan eólico denominado PEE SEAWEST, solicitou o recoñecemento como instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica, ó abeiro do previsto no Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, xa citado, para determinados parques que se implantarán como consecuencia do desenvolvemento do citado plan eólico.

Terceiro.-O 24 de novembro de 1997, esta Dirección Xeral de Industria resolveu recoñece-la condición de instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica a determinados parques eólicos que se implantarán como consecuencia do desenvolvemento do plan eólico denominado PEE SEAWEST, entre os que figura o parque eólico de Vicedo.

Cuarto.-O proxecto, coa relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados, someteuse a información pública por Resolución do 18 de decembro de 1997, para os efectos previstos no artigo 25.3º da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, no artigo 53 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, no artigo 10 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, no artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro e artigo 13 do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, xa citado.

Durante o prazo de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1) Leandro Carbonero Bravo, alega que na comunicación do 22 de xaneiro se referían ós predios sinaladas e ó predio 61 e nas comunicacións de 12 de febreiro non se atopa incluído o predio nº 61, que os predios afectados son propiedade da Mercantil Silvo Pastoral, S.A. e que solicita a expropiación total dos predios afectados, conforme o disposto no artigo 23 da Lei de expropiación forzosa e o artigo 22.1º do regulamento.

2) José García López alega que os gastos de desprazamento a Lugo son moi superiores ós ingresos por venda de terreos e solicita poder executa-la venda dos terreos en Vigo.

3) En escritos do 21 de outubro de 1997 e do 18 de febreiro de 1998, Cuarzos Industriais, S.A. alega, en sínteses que é titular de diversos dereitos mineiros omitidos na Resolución do 18 de decembro de 1997, pola que se somete a información pública a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución, entre os que cabe destaca-la concesión de explotación Conchitina nº 4980 e o permiso de investigación Conchitina 2 nº 5701, ámbolos dous do Rexistro Mineiro de Lugo e plenamente en vigor baixo a tutela da Dirección Xeral de Industria e solicita que se denegue a autorización do parque

eólico así como a declaración da súa utilidade pública, por coincidir en parte, a localización física dos dereitos mineiros e o proxecto de instalación do parque eólico.

4) José Amable Pernas Fernández, en representación da Comunidade de Herdeiros de Dolores Fernández Rey alega que a citada comunidade herdeira non posúe titularidade ningunha sobre o predio nº 210 Pena do Pradío descoñecendo quen é o verdadeiro titular.

5) Vicente Vale Pernas alega desconformidade co trazado da liña de aeroxeradores, solicita a remisión da parte do proxecto que afecte ó seu predio e se lle indique a parte do terreo afectada.

As citadas alegacións foron remitidas á empresa Eurovento S.L. Unipersonal e contestadas por esta dentro do prazo regulamentariamente establecido.

Quinto.-O 20 de febreiro de 1998, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Sexto.-O 3 de abril de 1998, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, que ten as seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

VicedoO Vicedo, ViveiroX (lonxitude) Y (latitude)

0.606.100 4.840.200

0.607.200 4.840.200

0.607.800 4.838.000

0.609.000 4.838.000

0.609.000 4.836.000

0.607.800 4.836.000

Nº de aeroxeradores: 41.

Potencia unitaria por aeroxerador: 600 kW.

Potencia total instalada: 24,6 MW.

Altura das torres: 40 m.

Diámetro das pas: 44 m.

Producción estimada: 72.420 MWh/ano.

Investimento previsto: 3.070.523.579 ptas.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro: A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, citados anteriormente.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1º) A empresa promotora deberá emenda-los posibles erros existentes na relación de predios comunicada o pasado 12 de febreiro e na titularidade dos predios. En canto á solicitude de expropiación total dos predios, non procede por canto que non acredita o resultado

antieconómico nin as causas concretas determinantes dos prexuízos que esixen a lei e o regulamento.

2º) A empresa promotora acepta a proposta de José García López de asina-lo acordo sobre o predio nº 163, o seu lugar habitual de residencia ó pagarlle os gastos de desprazamento que lle ocasione.

3º) En relación coa alegación presentada por José Amable Pernas Fernández, a empresa promotora comunica que procedeu á súa emenda mediante edicto do 12 de febreiro de 1998, publicado no BOP de Lugo e exposto no taboleiro de anuncios do Concello do Vicedo durante o prazo regulamentariamente establecido.

4º) Non procede acepta-la alegación presentada por Vicente Vale Pernas no sentido de que se modifique a liña de aliñamento, por canto a situación dos aeroxeradores e demais compoñentes do parque eólico se realizan con criterios técnicos que permitan optimiza-lo aproveitamento do recurso eólico.

En relación coa segunda alegación, a empresa promotora indica que xa lle facilitou a información solicitada.

Terceiro.-Como consecuencia das alegacións presentadas por Cuarzos Industriales, S.A., este centro directivo entende que non procede declara-la utilidade pública dos bens e dereitos afectados pola concesión mineira Conchitina nº 4980, mentres non se declare previamente a compatibilidade entre o parque eólico e o dito dereito mineiro, ou no caso de que non sexan compatibles, cal das actividades deberá prevalecer sobre a outra.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º) Autorizarlle a Eurovento S.L. Unipersonal a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Vicedo, que se vai situar nos concellos do Vicedo e Viveiro e aproba-lo proxecto de execución a dita instalación.

2º) Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan dentro do polígono definido nesta resolución, para os efectos do artigo 53 da Lei do sector eléctrico.

Esta declaración de utilidade pública queda limitada ós predios números 172, 176, 177, 178, 179, 180, 181, 182, 183, 184, 185, 186, 192, 193, 194, 195, 199, 200, 202, 205, 208, 210, 213, 214, 219, 220, 222, 223, 224, 225, 226, 229, 231, 233 e 234, non afectadas pola concesión mineira de Cuarzos Industriales, S.A.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeria.-Eurovento S.L. Unipersonal, para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado a partir do outorgamento da presente autorización, unha fianza por importe de 61.410.472 pesetas, conforme o disposto no artigo 14 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e devolverase unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan deberán realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, cun orzamento de 3.070.523.579 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio en Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será dun ano a partir da data desta resolución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Eurovento S.L. Unipersonal no seu plan eólico.

Quinta.-A empresa, como requisito necesario para a aplicación ás instalacións que se autorizan do réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réximen Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG 14-7-1995), no prazo de 2 meses, contados a partir da data da acta de posta en marcha da instalación. O parque interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento do condicionado imposto nesta resolución, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio

no prazo dun mes contado desde a súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

4750