Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 08 de xuño de 1998 Páx. 6.270

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de maio de 1998, polo que se dictan instruccións para os procedementos de contratación administrativa de consultoría ou asistencia, por concurso e procedemento negociado, que teñan por obxecto a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 22 de maio de 1998, adoptou, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o acordo polo que se dictan instruccións de obrigado cumprimento na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para os procedementos de contratación administrativa de consultoría ou asistencia, por concurso e procedemento negociado, que teñan por obxecto a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Coa finalidade de darlle cumprimento ó establecido na instrucción sétima do citado acordo, que se insire a continuación, ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de maio de 1998 polo que se dictan instruccións de obrigado cumprimento na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nos procedementos de contratación administrativa de consultoría ou asistencia, por concurso e procedemento negociado, que teñan por obxecto a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Polo Decreto 350/1997, do 10 de decembro, determináronse os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, figurando entre eles a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A estructura orgánica deste novo centro directivo, mailas súas funcións e competencias, reguláronse mediante o Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro, que no seu artigo 2, lle atribúe, entre outras funcións, a ordenación, planificación e a execución de competencias en materia de fomento da investigación, a coordinación dos recursos da investigación, a promoción da consecución da calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía-sociedade, o desenvolvemento

dos servicios comúns de apoio á comunidade científica, así como o coñecemento e coordinación da marcha das investigacións, dos programas e dos proxectos nos que participen os centros e institucións de Galicia.

Sendo a investigación un campo multidisciplinar que afecta ó ambito competencial de diferentes organismos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre establecer, para consegui-las desexables coordinación e eficacia e ó abeiro dos artigos 50.2º, 52 e 82 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, as regras tendentes a homoxeneiza-las actuacións encamiñadas á contratación administrativa neste campo, que posibiliten a función coordinadora encomendada á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e que con carácter xeral serán aplicables ós contratos de consultoría e asistencia, mediante o sistema de concurso ou procedemento negociado.

En consecuencia, os órganos de contratación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aplicarán ós expedientes de contratación de consultoría ou asistencia que mediante concurso ou procedemento negociado intenten celebrar e que teñan por obxecto a investigación ou o desenvolvemento tecnolóxico, as seguintes instruccións:

Primeira.-Os pregos de cláusulas administrativas particulares que elaboren os órganos de contratación para a adxudicación de contratos de consultoría ou de asistencia, referidos á investigación ou desenvolvemento tecnolóxico, deberán incluír, na composición das mesas de contratación, un representante da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que será designado polo responsable do mencionado centro directivo.

Segunda.-Así mesmo, os mencionados pregos incluirán nas súas cláusulas a constitución dunha ponencia técnica que, con carácter asesor, informe a mesa de contratación sobre as diferentes propostas que presenten os licitadores.

A dita ponencia técnica estará composta por tres vocais, dos que un deles será designado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e os outros dous serán nomeados en representación do organismo contratante.

Terceira.-Elaborado o prego de cláusulas administrativas particulares e con anterioridade á súa aprobación e ó anuncio da convocatoria de licitación, remitirase á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o seu coñecemento e observacións, se procedese.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no prazo máximo de dez días naturais notificaralle ó organismo contratante a súa conformidade

ou as observacións que considere conveniente realizar e procederá, na mesma notificación, a designa-los vocais que, na súa representación, actuarán na mesa de contratación e na ponencia técnica mencionada na segunda instrucción deste acordo.

De non producirse a notificación citada no prazo indicado anteriormente, entenderase que o expediente conta coa conformidade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e que esta non designará representantes na mesa de contratación nin na ponencia técnica, polo que o organismo contratante poderá segui-la tramitación ordinaria do expediente.

Cuarta.-Os pregos de prescricións técnicas que rexan na contratación, deberán incluír, nas súas cláusulas, a esixencia de que os licitadores manifesten expresa e claramente as súas ofertas en relación cos seguintes aspectos:

-Composición do grupo que pretende levar a cabo o traballo, indicando a persoa responsable.

-Currículum vitae actualizado de cada un dos membros do grupo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo.

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo.

-Orzamento e a súa xustificación.

-Características do informe final contendo os resultados do traballo e a súa valoración.

-Autorización para a realización do traballo por parte do centro, departamento ou institución competente.

Estes aspectos figurarán debidamente independizados do resto das prescricións técnicas que o órgano de contratación considere necesario incluír no correspondente prego.

Quinta.-As asesorías xurídicas dos correspondentes órganos de contratación deberán comprobar que os pregos de cláusulas administrativas particulares e prescricións técnicas que lles sexan sometidos para informe se adaptan ó disposto nestas instruccións, condicionando o dito informe ó cumprimento daquelas.

Sexta.-A aplicación das presentes instruccións terá carácter obrigatorio para os expedientes de contratación ós que se refire a instrucción primeira e que

se inicien a partir do 1 de xuño de 1998. Non obstante, poderán ser de aplicación a partir da data de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Sen embargo, os expedientes que se atopen en fase de convocatoria anunciada mediante publicidade ou en trámite de recepción de ofertas nos procedementos negociados, continuarán o seu proceso sen que lles sexa de aplicación o presente acordo.

Sétima.-A Consellería de Economía e Facenda adoptará as medidas necesarias para a publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, para o debido coñecemento e xeral aplicación.

5165