Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 29 de maio de 1998 Páx. 5.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 19 de maio de 1998 pola que se establecen bolsas de prácticas para estudiantes e titulados en especialidades agrarias.

Coa finalidade de que os estudiantes e recentemente titulados en especialidades agrarias adquiran maiores coñecementos prácticos nas materias propias dos seus estudios que lles permitan unha mellor preparación para o seu futuro profesional, esta consellería considera interesante establecer unha liña de axudas en forma de bolsas para prácticas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas económicas, que no sucesivo denominaremos bolsas, para realizar prácticas en temas agrarios, conforme as bases contidas na presente orde.

Artigo 2º.-Finalidade.

As bolsas concederanse para o desenvolvemento de estudios e prácticas formativas en materia agraria. As prácticas realizaranse en empresas relacionadas co sector agrario, en industrias agroalimentarias e en unidades desta consellería, preferentemente nas axencias de extensión agraria e nos servicios de sanidade e producción animal.

Artigo 3º.-Carácter das bolsas.

As bolsas terán carácter formativo e non implican relación laboral nin administrativa entre os beneficiarios e as empresas e/ou a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e disciplinas da empresa ou unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social. Nembargantes, suscribiráselles a tódolos bolseiros unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o tempo de duración das prácticas.

Artigo 4º.-Empresas interesadas.

As empresas relacionadas co sector agrario e as industrias agroalimentarias interesadas en acoller algún bolseiro das titulacións que se relacionan no artigo seguinte, durante un período de 2 meses e sen custo ningún para elas, solicitarano ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, antes do 15 de xuño do presente ano, tal e como se detalla no artigo 8º desta orde.

A solicitude presentarase segundo modelo E anexo debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Breve memoria, xustificando a petición e especificando a titulación do bolseiro que demandan, que se trataría de satisfacer na medida en que sexa posible.

-Fotocopia do CIF da empresa.

-Fotocopia do último TC2, para acredita-lo seu cadro de persoal.

Artigo 5º.-Destinatarios e número de bolsas.

Establécense 30 bolsas, que son destinadas ós estudiantes e titulados recentemente como enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas ou veterinarios.

Artigo 6º.-Duración e contía económica.

As bolsas terán unha duración de 2 meses, entre o 20 de xullo e o 19 de setembro do presente ano. Neste período o seu importe total será de 200.000 pesetas, a razón de 100.000 ptas./mes.

Artigo 7º.-Requisitos.

1. Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que:

-Teñan a condición de galegos, ou que alomenos acrediten tres anos de residencia en Galicia.

-Obtivesen o título de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou veterinario, con posterioridade ó 30 de xuño 1996, ou que estivesen matriculados nalgunha destas titulacións durante o curso 1997-98, nas derradeiras materias da súa carreira.

2. Unha mesma persoa poderá solicitar esta bolsa dúas veces, sempre que o faga unha vez como estudiante e a outra como titulado.

3. En calquera caso, estas bolsas son incompatibles co traballo remunerado de carácter fixo ou temporal durante o seu período de duración.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes e prazo.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e presentaranse no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes de bolsas de prácticas remata o 15 de xuño do presente ano.

Artigo 9º.-Documentación.

A solicitude presentarase segundo modelo E anexo debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración do interesado, na que faga constar que cumpre os requisitos sinalados no artigo 7º desta convocatoria, e de que non incorre na incompatibilidade que se detalla nel.

-No caso dos titulados, copia compulsada do título ou xustificante de similar valía, expedido polo centro onde cursou os seus estudios.

-No caso dos estudiantes, copia compulsada da matrícula do curso 1997-1998, e xustificación expedida polo centro conforme son as derradeiras materias da súa carreira e non lle falta ningunha outra.

-Certificación das cualificacións da totalidade do expediente académico do solicitante, orixinal ou copia compulsada.

-Acreditación do coñecemento da lingua galega.

-Acreditación do coñecemento doutros idiomas e de informática.

Artigo 10º.-Selección das empresas.

Poderán seleccionarse ata 15 empresas titulares e 5 suplentes, para acolle-los titulados por un período de 2 meses, con bolsas da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Terán preferencia aquelas empresas que:

-Teñan previsto amplia-lo seu cadro de persoal nos 6 meses seguintes ó da petición do bolseiro, sempre que o xustifiquen na memoria da solicitude.

-Ofrezan para o bolseiro un posto en prácticas adecuado á súa titulación.

Artigo 11º.-Selección dos beneficiarios

1. A selección dos bolseiros faraa unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e da que tamén forman parte: como secretario un funcionario do Servicio de Fomento Asociativo, e como vocais o subdirector xeral de Industrias Agroalimentarias e o xefe do Servicio de Fomento Asociativo.

2. A selección realizarase tendo en conta o expediente académico completo de cada solicitante, segundo os tipos de bolsas e os méritos alegados.

3. O baremo que se vai aplicar será o seguinte:

-Valoración das cualificacións académicas:

* Matrícula de honor: 4 puntos.

* Sobresaliente: 3 puntos.

* Notable: 2 puntos.

* Aprobado: 1 punto.

* Suspenso ou non presentado: 0 puntos.

Estas puntuacións aplicaranse cando se obteñan en primeira convocatoria. Se non fose así, dividirase a nota acadada entre o número de convocatorias.

-Reducción ó mesmo número de asignaturas:

Suma de notas x 30

------------- = valor total do expediente académico.

Número de materias

-Outras valoracións:

Sempre que se acrediten documentalmente, tamén se poderán valorar:

* Coñecementos de galego: ata 4 puntos, (2 por iniciación e 2 por perfeccionamento).

* Coñecementos informáticos: ata 2 puntos.

* Coñecementos doutros idiomas: ata 2 puntos.

4. Na selección dos bolseiros teranse en conta as peticións das empresas no referente ás titulacións demandadas, sempre que sexa posible.

5. Seleccionaranse tantos candidatos a bolseiros como número de bolsas se convocan mediante a presente orde. Existirá unha lista de suplentes, coa finalidade de cubrir posibles baixas ou renuncias dos seleccionados.

6. A relación de seleccionados exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, tanto nos servicios centrais como nas delegacións provinciais.

Artigo 12º.-Adxudicación e pagamento.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta da comisión de valoración.

2. O pagamento farase por contías mensuais iguais, unha vez recibido o informe do xefe da unidade correspondente, ou do xerente da empresa, sobre o correcto desenvolvemento das prácticas.

3. O importe destas bolsas de prácticas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.611A.481.0 Axudas a estudios e traballos sobre temas agrarios, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, por un importe máximo de seis millóns cen mil pesetas, (6.100.000 ptas.).

Artigo 13º.-Perda da condición de bolseiro.

1. O bolseiro perderá a condición como tal cando:

-Deixe de asistir á unidade ou á empresa onde realiza as prácticas.

-O xefe da unidade ou o xerente da empresa onde realiza as prácticas emita informe negativo sobre a actitude do bolseiro no desempeño do labor encomendado.

2. Ó perde-la condición de bolseiro tamén deixará de percibi-lo importe correspondente, aplicándose esta condición con carácter retroactivo desde o primeiro día do mes que corre.

3. Os bolseiros que causen baixa serán substituídos, se é posible, por outros candidatos seleccionados na lista de suplentes.

Artigo 14º.- Seguro.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria destinará 100.000 pesetas para contratar unha póliza colectiva de seguro de accidentes para os 30 bolseiros durante o período de prácticas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación desta consellería para dicta-las normas necesarias para o correcto desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

4827