Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 28 de maio de 1998 Páx. 5.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Rocas Europeas de Construcción, S.A. RECSA.

Visto o laudo arbitral do 1-4-1998 dictado por Alberto Fresco González, sobre o tema de antigüidade no convenio colectivo da empresa Rocas Europeas de Construcción S.A. RECSA, de conformidade co disposto no Art. 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial acorda:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 22 de abril de 1998.

Antonio Coello Buffill

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral.

Na cidade de Vigo o 1 de abril de 1998.

Alberto Fresco González, designado árbitro en acta de compromiso arbitral do 26 de marzo de 1997 no pocedemento de solución de conflictos número 3/1998 do Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, con base no establecido no capítulo III, sección terceira, do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), no conflicto do cal son partes interesadas a empresa Rocas Europeas de Construcción, S.A.(RECSA) e o comité de empresa en representación dos seus traballadores, oídas as alegacións das partes e visto o expediente instruido, procede a dirimi-las cuestións formuladas mediante o presente laudo.

Foron tidos en conta os seguintes antecedentes:

Primeiro.-Tras unha serie de negociacións sobre as cuestións relacionadas coa conxelación da retribución específica dos traballadores da empresa polo concepto de antigüidade, chegaron as partes a un punto no que se constatou a imposibilidade de alcanzar un acordo, o que deu lugar á presentación de aviso previo de folga por parte da representación dos traballadores.

Convocadas as partes a comparecencia o 2 de marzo de 1998 pola Delegación Provincial de Pontevedra en

Vigo da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para un acto de mediación, alcanzouse o acordo de principio de somete-la cuestión que motivou a declaración da folga, é dicir, a compensación económica pola conxelación da antigüidade, ó procedemento de arbitraxe previsto na sección terceira do AGA, solicitándoo así do Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais. Ó propio tempo foi desconvocada pola representación dos traballadores a folga prevista.

Segundo.-Con data do 17 de marzo de 1998 subscribiron as partes escrito de formalización de compromiso de arbitraxe que presentaron perante o Consello Galego de Relacións Laborais, á vista do cal se convocou unha reunión para o día 26 de marzo seguinte nos locais da empresa, na cal se deu inicio formal ó procedemento, subscribindo ámbalas representacións a acta de compromiso arbitral correspondente, na que expresaron a súa vontade de someter a resolución en arbitraxe de equidade a cuestión debatida e que dera orixe ó conflicto, facendo constar na propia acta a designación como árbitro do abaixo asinante que, presente na reunión, aceptou a súa designación.

Terceiro.-No mesmo día e tamén nos locais da empresa, o árbitro reuniuse coas partes, que lle expuxeron as súas distintas pretensións e as razóns en que as fundamentan.

Novamente o día 30 de marzo de 1998 reuniuse o árbitro nos locais da empresa para os mesmos fins coa representación da empresa e do comité, asistidos dos seus respectivos asesores, escoitando as alegacións das partes e pedíndolles aclaracións sobre os puntos escuros.

Cuarto.-A cuestión concreta sometida a resolución do árbitro é a aplicación ós traballadores afectados polo convenio colectivo de RECSA do acordo sectorial nacional publicado no Boletín Oficial del Estado do 21 de novembro de 1996 sobre o concepto económico de antigüidade no ámbito de aplicación de convenio xeral da construcción.

Á vista dos antecedentes expostos, resólvese a cuestión formulada con base nos seguintes fundamentos:

I. O presente procedemento tramitouse de acordo co establecido no Acordo interporfesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, no seu texto hoxe vixente, que é o revisado pola comisión paritaria do AGA con data 15 de marzo de 1995 e publicado no Diario Oficial de Galicia do 4 de maio de 1995.

En relación coas cuestións relativas ó procedemento, faise constar:

a) Que na súa tramitación, tanto no referente á promoción do procedemento como á sinatura da acta de compromiso arbitral, formulación da cuestión que se somete a resolución do árbitro e a renuncia ó dereito de folga e de peche patronal e á utilización das vías administrativa e xurisdiccional para a solución do conflicto, se cumpriron os requisitos do AGA e en especial os que se conteñen nos seus artigos 21, 22 e 23.

b) Que durante a tramitación do procedemento, o árbitro deu audiencia ás partes segundo dispón o artigo

24.1º do AGA, recadando delas os datos necesarios para coñece-las súas posturas e as alegacións que tiveron por conveniente expoñer, tanto elas como os seus asesores, en apoio das pretensións respectivas. Para tal fin, reuniuse nos locais da empresa con ámbalas partes en dúas distintas ocasións, os días 26 e 30 de marzo de 1998.

c) Que este laudo se dicta dentro do prazo regulamentario de dez días a partir da designación do árbitro, segundo o establecido no artigo 24.2º do AGA sen que a complexidade da cuestión que se vai decidir fixese necesario acudir ó prazo extraordinario previsto na citada disposición.

II. No presente caso, e dado que do que se trata é de supli-la falta de acordo das partes nunha materia non estrictamente regrada, estamos máis ben ante un conflicto de intereses que de interpretación de normas, e de aí que as partes sinalasen na acta de compromiso arbitral que o árbitro debe axusta-la súa resolución a criterios de equidade. Isto non supón, de tódolos xeitos, que a resolución non teña que ser motivada, xa que asi o requiere o artigo 24.2º do AGA.

III. Para aborda-lo estudio da cuestión, o árbitro constata os seguintes antecedentes de feito:

a) As condicións de traballo e a súa remuneración véñense rexendo por convenio de empresa. O actualmente vixente é o subscrito o 16 de xuño de 1997, con vixencia desde o 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1998. Nos anteriores convenios de empresa, a remuneración da antigüidade establecíase a razón de bienios dun 5% do salario base, cun tope máximo do 50%.

b) No marco do convenio xeral do sector da construcción (neste ámbito de aplicación atópase abranguida a empresa RECSA, por esta-la súa actividade entre as que se sinalan no seu anexo II, no apartado Pedra e mármore, incluíndose as fábricas e talleres de serra e labra, tanto mecánica como manual) pactouse no seu día o Acordo sectorial nacional sobre o concepto económico de antiguidade, publicado no BOE do 21 de novembro de 1996.

As partes asinantes do acordo sectorial estableceron a abolición definitiva do concepto de tratamento do concepto persoal de antigüidade, como consecuencia do xa previsto no convenio xeral do sector do ano 1992, e estableceron unhas determinadas compensacións como contrapartida que, no esencial, eran os seguintes:

a) Os traballadores manteñen e consolidan os importes ós que tivesen dereito como complemento de antigüidade na data de publicación do acordo.

b) Ó importe que nese momento tivesen recoñecido, engádeselle, se é o caso, (só para os traballadores que xa tivesen recoñecida algunha contía por antigüidade) o importe correspondente á parte proporcional de antigüidade que tivesen devengada e non cobrada no momento da publicación do acordo, calculándose, por defecto ou por exceso, por anos completos.

c) Os importes obtidos, é dicir, o do precedente apartado a) máis, se é o caso, o do apartado b)mantense invariables e por tempo indefinido como complemento

rebributivo ad personam, que figurará nos recibos oficiais de salarios coa denominación de antigüidade consolidada.

d) Para compensa-la desaparición do complemento de antigüidade nos termos expostos nos convenios de nivel inferior aplicarase, en cada un dos anos 1996 e 1997 un incremento lienal de 10.000 ptas. anuais.

O acordo remitiuse á negociación colectiva de ámbito inferior, adquirindo as partes negociadoras o compromiso de incorpora-lo seu contido ós convenios colectivos provinciais e, se é o caso, autonómicos.

c) No convenio provincial para 1997 de mármores e pedras (sector ó que pertence, como se dixo, RECSA) o artigo 14 regula a desaparición do complemento de antigüidade en aplicación do acordo sectorial antes dito, establecendo unha táboa de antigüidades consolidaddas e aplicando como compensación pola conxelación dese concepto un incremento lineal de 10.000 ptas. en cada un dos anos 1996, 1997 e 1998 para tódolos niveis profesionais.

e) No convenio colectivo de empresa de RECSA para 1997-1998 sinálase textualmente no artigo 7, respecto da antigüidade que «Neste concepto aplicarase o establecido no convenio xeral da construcción». As negociacións habidas entre a empresa e o comité para plasmar de maneira concreta esa aplicación e a súas compensacións non permitiron alcanzar nin un acordo, situación que deu orixe ó conflicto que desembocou no presente procedemento arbitral.

IV. A postura da empresa en relación coa cuestión debatida parte de considerar especialmente gravoso, desde un punto de vista comparativo co resto das empresas do sector, competidoras directas, o sistema de remuneración da antigüidade que ata agora viña establecido no seu convenio colectivo, xa que nel o complemento por antigüidade se devengaba a razón de bienios do 5%, mentres que o convenio provincial (polo que se rexen as competidas antes ditas) existían quinquenios. Entende, pois, que se se consolida a antigüidade existente o 21 de novembro de 1996, data de publicación no BOE do Acordo sectorial nacional sobre antigüidade, e se engade ou ratea o exceso de tempo transcorrido ata a dita data desde o cumprimento do último bienio (redondeándose por defecto ou por exceso por anos completos) e se se aplica para esta diferencia tamén o criterio do bienio, estarase en situación de inferioridade respecto do resto do sector, no que se realizou este cómputo de proporcionalidade en función

de quinquenios.

V. Pola representación dos traballadores, a postura expresada e mantida é a de que, de acordo coa letra e o espírito do acordo sectorial, habería que aplicar directamente a conxelación seguindo o criterio de angadirlles ás cantidades devengadas por bienios con data 21 de novembro de 1996 o tempo transcorrido desde o devengo do último bienio, redondeándose por anos completos e aplicando, tamén para este cómputo, o criterio do bienio do 5%, posto que este era o que existía no convenio de empresa ata o momento da conxelación. Ó seu xuízo, xa que o convenio provincial do sector non é aplicable na empresa, non cabe establecer ningún paralelismo con el nese sentido.

VI. Ámbalas partes, a xuízo do árbitro, razóns lexítimas e fundadas que avalan as súas respectivas posturas e expuxéronas e defendéronas, a xuízo do árbitro, de boa fe.

En efecto, é certo que como sinalou a empresa o seu convenio recolle retribucións que en xeral son máis elevadas cás do convenio provincial, e especialmente en materia de antigüidade é claro que a comparación dos bienios do convenio de empresa cos quinquenios do provincial dá como resultado uns custos salariais (polo menos teóricos, xa que estamos comparando convenios e non masas salariais reais) máis elevados para RECSA que para aquelas empresas que se rixan polo convenio provincial. En tal sentido, a aplicación do cómputo por bienios en lugar de por quinquenios ós tramos de antigüidade pendentes de devengar a 21 de novembro de 1996 sen dúbida fará en principio máis custosa para esta empresa que para as que se rexan polo convenio provincial en supostos de antigüidade similar, a conxelación da antigüidade.

Pola súa parte, parece reazoable a pretensión da representación dos traballadores de que a conxelación se lles aplique na forma sinalada no acordo sectorial e que, en canto á fracción de antigüidade sobrante, se aplique tamén o previsto nese acordo, pero sobre a base de cómputo que viña sendo establecida no convenio de empresa, xa que non hai razón para que se aplique a esta, nin sequera de maneira indicativa, o previsto no convenio provincial.

VII. De tódolos xeitos, aínda sendo certo que, desde o punto de vista económico, o custo que supón para a empresa a consolidación da parte proporcional do bienio en trance de adquisición é superior ó que significaría se se tratase de quinquenios, non hai que esquecer que, proporcionalmente, a conxelación da antigüidade supón tamén para ela un beneficio relativo moi superior ó que poida reportar a aquelas outras empresas para as que os importes que se aboarán polo concepto de antigüidade constituían unha carga de moito menor importancia xa que, de manterse a antigüidade como ata agora, a distancia entre os custos salariais dunhas e outras iría crecendo de maneira ostensible, afastándose cada vez máis calquera posibilidade de converxencia de custos salariais por esa vía. En cambio, coa conxelación polo menos non se segue incrementando a distancia, senón que esta (no referente ó concepto de antigüidade) queda fixada na que existía na data do 21 de novembro de 1996.

Tamén é de ter en conta, aínda que a incidencia desta cuestión sexa loxicamente menor, que no convenio provincial se establece un incremento lineal de 10.000 ptas. por traballador e ano durante tres anos, mentres que a aplicación directa do acordo sectorial a esta empresa dará como consecuencia que o incremento anual de 10.000 ptas. se estableza só para dous anos.

VIII. Dito o que antecede, e á vista de que ningunha das posturas das partes parece caprichosa ou falta de certo fundamento, entende o árbitro que é importante, á hora de resolver, partir daquilo no que existe acordo entre as partes.

Pois ben, as partes estiveron de acordo (artigo 7 do convenio de empresa hoxe vixente) en que en canto á antigüidade «... se aplicará o establecido no convenio xeral da construcción». Agora ben, no momento do asinamento do convenio de empresa no que así se expresaban as partes, o convenio xeral da construcción xa incorporara literalmente ó seu texto o contido do acordo sectorial relativo á conxelación da antiguidade publicado no BOE do 21 de novembro de 1996. Polo tanto, aparece razoable entender que cando o convenio de empresa se remite ó xeral da construcción estase referindo en realidade ó acordo sectorial.

Tal como se expuxo no apartado b) do ordinal III destes fundamentos, o acordo sectorial prevé a conxelación da antigüidade a partir do 21 de novembro de 1996 nunhas determinadas condicións, que deixamos sinaladas nas letras a), b), c) e d) dese apartado, e que aplicadas ó presente caso deben dar como resultado que os traballadores consolidan o importe do complemento por antigüidade que (en función dos bienios cumpridos ata aquela data) tiñan recoñecido no momento de publicación do acordo sectorial no BOE; que a ese importe se engadirá, se é o caso, outro equivalente á parte proporcional de antigüidade que o traballador tivese devengada e non cobrada na data de publicación do acordo, calculándose por defecto ou por exceso por anos completos; que a suma de ámbolos importes queda conxelada en forma de concepto retributivo ad personam; e finalmente que a renuncia de dereitos que os traballadores aceptasen esa conxelación é dalgún modo compensada mediante un determinado incremento lienal

nos salarios.

Así as cousas, o máis razonable, a xuízo do árbitro, é interpretar que, no referente ó cómputo da parte porprocional de antigüidade que o traballador tivese devengada e non cobrada o 21 de novembro de 1996, o acordo estase a referir á parte proporcional da unidade de cómputo aplicable en cada caso, sexan bienios, trienios, quinquenios ou calquera outra unidade de tempo que na norma aplicable viñese establecida.

En efecto, hai que ter en conta que o convenio xeral da construcción, e por ende, o acordo sectorial sobre antigüidade, acolle dentro do seu ámbito de aplicación unha amplísima variedade de subsectores, con multitude de convenios colectivos (nacionais, provinciais, de empresa), de tal maneira que en ningún modo se está referindo a unha unidade de cómputo concreta cando regula o cálculo desas fraccións de unidade de devengo de antigüidade pendentes no momento de publicación do acordo. E esa consideración vén reforzada ademais polo feito de que no propio acordo se sinala literalmente que para o cálculo dos importes desta parte de antigüidade devengada e non cobrada teranse en conta os importes que para cada categoría ou nivel fixe cada convenio de ámbito inferior, porque isto indica que se está remitindo o resultado práctico dese cálculo no ámbito de cada convenio concreto ó que neste viñese regulado en materia de antigüidade.

Por outra parte, non existe ningunha razón, á parte das economías alegadas pola empresa, respectables pero non necesariamente determinantes para estes fins, para que nesta materia se apliquen criterios do convenio provincial do sector, pois este é tan alleo a eles como puidese selo o dun sector distinto, tal como se desprende do principio xeral de autonomía contido no artigo 84

do Estatuto dos traballadores, o que veñen especialmente reforzado no noso caso se temos en conta que o convenio de empresa non se remite nin sequera con carácter supletorio ó provincial do sector, senón unicamente (véxase o seu artigo 23) ó xeral da construcción.

IX. Así pois, e en razón do que queda exposto, entende o árbitro que no caso sometido á súa decisión se debe aplicar no referente á unidade de cómputo da antigüidade devengada e non cobrada na data do 21 de novembro de 1998 o bienio do 5%, tal como viña figurando nos sucesivos convenios de empresa.

Por outra parte, e polos mesmos motivos antes distos derivados da inaplicabilidade nesta empresa dos criterios do convenio provincial do sector, a compensación pola vida do incremento lineal non se realizará nesta empresa en tres anualidades de 10.000 ptas. cada unha (1996, 1997 e 1998) como se acordou nese convenio, senón en só dúas anualidades (1996 e 1997) de 10.000 ptas. cada unha, como resulta expresamente do convenio xeral.

En consecuencia, díctase a seguinte

RESOLUCIÓN:

A conxelación da retribución da antigüidade dos traballadores da empresa Rocas Europeas de Construcción, S.A. RECSA, en aplicación do previsto no artigo 7 do vixente convenio colectivo de empresa farase conforme as seguintes regras:

1. Os traballadores manteñen e consolidan os importes que polo concepto de antigüidade (bienios) tiveran recoñecidos na data do 21 de novembro de 1996.

2. Ós traballadores que tivesen recoñedo o 21 de novembro de 1996 algún importe por antigüidade, calcularáselle-la parte de bienio pendente de cumprir na dita data, redondeando por exceso ou por defecto a períodos dun ano; e no suposto de que o dito cálculo dese como resultado medio bienio ou un bienio, o importe que corresponda a razón do 5% do salario base por cada bienio (ou, se é o caso, o 2,5% se corresponde medio bienio) sumarase á cantidade xa consolidada por antigüidade recoñecida.

3. O importe resultante da suma dos conceptos dos apartados anteriores manterase invariado por tempo indefinido e figurará como concepto separado no recibo de salario de cada traballador que teña dereito a retribución por el, coa denominación de antigüidade consolidada.

4. Os salarios das táboas do convenio colectivo de empresa correspondentes a 1996 e 1997 experimentarán un incremento lineal (sexa cal fose a categoría do traballador) de 10.000 ptas. por cada un deses dous anos.

Notifíqueselles ás partes o presente laudo que, de acordo co previsto no artigo 24.4º do AGA, poderá ser impugnado perante a xurisdicción social segundo a modalidade procesual de impugnación de convenios colectivos, tramitada mediante o procedemento regulado no texto articulado da Lei de procedemento laboral aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril.

Alberto Fresco González

Árbitro

4766