Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 27 de maio de 1998 Páx. 5.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 1998 pola que se convocan unhas Xornadas sobre condicións xerais da contratación e da protección do consumidor.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, unhas Xornadas sobre condicións xerais da contratación e da protección do consumidor, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Procurar un coñecemento panorámico e completo da nova Lei estatal 7/1998, sobre condicións xerais da contratación, recentemente aprobada e promulgada en desenvolvemento da directiva europea sobre cláusulas abusivas. A nova lei, ademais, implica modificiacións de importancia sobre a lexislación xeral relativa á defensa e protección do consumidor.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, estes temas:

A política europea de protección do consumidor e a Directiva 93/13/CEE.

As cláusulas abusivas nos contratos de adhesión.

A incorporación contractual das condicións xerais.

A ilicitude das cláusulas de submisión expresa.

Cláusulas de exoneración ou limitación da responsabilidade.

A impugnación xudicial das condicións xerais da contratación.

A nulidade parcial e a integración do contrato.

Aspectos rexistrais da Lei de condicións xerais da contratación.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Horario: mañá e tarde.

Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela), os días 15, 16 e 17 de xuño.

5. Inscrición.

Prazo: remata o mércores, día 10 de xuño de 1998.

Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 37.

Número de prazas: limitado á capacidade do local.

Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, a partir do día 10 de xuño, por teléfono de 10 a 14.30 horas, ós seguintes números:(981) 54 62 39 ou (981) 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a estas, cando a súa inasistencia non sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas e, expresarase neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

4790